Xunta de Galicia

49 centros educativos galegos impulsan a mobilidade do alumnado de Formación Profesional a través da Carta Erasmus

Esta acreditación fai posible que as alumnas e alumnos realicen prácticas no estranxeiro

A Consellería desenvolve desde 2011 accións de orientación e formación para favorecer a participación dos centros neste programa

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2012.- Un total de 49 centros educativos galegos veñen de acadar a Carta Universitaria Erasmus, unha acreditación grazas á que impulsan a mobilidade do seu alumnado de Formación Profesional de ciclo superior. O obxectivo é que estas mozas e mozos se adapten ás esixencias do mercado laboral da Unión Europea, adquirindo aptitudes específicas que melloren a súa comprensión do ámbito económico e social europeo, ao mesmo tempo que adquiren experiencia laboral.

Deste xeito, as alumnas e alumnos destes centros terán a oportunidade de realizar un período de prácticas nunha empresa ou organización dun dos 27 países membros da Unión Europea, nun dos tres países integrantes do Espazo Económico Europeo (Islandia, Liechtenstein e Noruega) ou en Turquía. Estas prácticas poden ir acompañadas en caso necesario, de cursos previos de preparación ou de cursos de actualización na lingua de acollida ou de traballo.

Modalidades de Carta
A Carta Universitaria Erasmus, establece o marco xeral no que se inscriben todas as actividades de cooperación europea que pode desenvolver un centro de ensino. Ademais da modalidade estándar (EUC), existen a modalidade destinada só a prácticas de estudantes, a EUCP; e a modalidade ampliada, a EUCX, pola cal os colexios e institutos reciben financiamento para a mobilidade de estudos no estranxeiro do alumnado, persoal docente e non docente, tanto para prácticas como para formación.

Así, os centros que contan con esta acreditación poden recibir financiamento para promover a mobilidade transnacional de estudantes, actividades de mobilidade transnacional do profesorado e outro persoal ou para organizar proxectos multilaterais, redes, medidas de acompañamento ou visitas preparatorias.

Dos 49 centros galegos, 1 deles conta coa EUC e máis coa EUCP, 42 están acreditados coa EUCP e outros 7 acadaron a EUCX.

Mobilidade
Os institutos e Centros Integrados de Formación Profesional acreditados levaron a cabo unha selección de estudantes que realicen prácticas no estranxeiro. Estas alumnas e alumnos subscribirán un acordo de formación relativo ao programa do período de prácticas, que estará cuberto por un convenio de prácticas aprobado pola institución de educación superior de orixe, a institución de acollida e o beneficiario. É o centro de ensino solicitante o que elabora o acordo de formación, o programa de traballo, e realiza o seguimento e o recoñecemento do período de prácticas do estudante no estranxeiro, unha vez rematadas.

A empresa na que se realizará o período de prácticas poderá ser buscada polo alumno ou polo centro, para o que contan coa colaboración das distintas Axencias Nacionais dos países participantes nos programas europeos, e coas bases de datos de empresas que teñen participado xa en programas europeos que se atopan dispoñibles na páxina web do Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (OAPEE).

Unha aposta de futuro
A mobilidade transnacional do alumnado é unha aposta de futuro que está a impulsar a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxectivo de que as galegas e galegos completen unha formación ampla e adaptada ás esixencias dun mercado de traballo cada vez máis global.

Para iso a Consellería desenvolve desde 2011 accións de orientación e formación co fin de favorecer a participación dos centros no programa Erasmus.

A acreditación de 49 centros educativos de Galicia coa Carta Erasmus demostra que institutos, CIFP e os seus docentes comparten este compromiso e traballan a diario pola mellora educativa e para conseguir novas oportunidades para os seus estudantes.

 

Compártao :