Xunta de Galicia

Introdución

Este Manual de Identidade Corporativa responde aos criterios fixados no Decreto 409/2009, do 5 de novembro (DOG nº 227, do 19 de novembro de 2009), polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, xa que nel se establecen as normas de aplicación do símbolo e do logotipo que conforman a imaxe corporativa institucional do Goberno e da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O presente Manual de Identidade Corporativa recolle por tanto os elementos constitutivos da Identidade Visual da Xunta de Galicia, e ten por obxecto a definición e regulamento dos usos e aplicacións do logotipo e do símbolo corporativos da Xunta de Galicia.

Os elementos básicos desta identidade son: o símbolo constituído polos elementos presentes no escudo de Galicia e o logotipo corporativo formado pola representación tipográfica da expresión Xunta de Galicia.

Este é un documento de uso ineludible na aplicación dos elementos de identidade corporativa que nel se definen, dado o seu carácter normativo. Pero sobre todo, é un manual de consulta ao que se debe acudir para garantir o bo uso da imaxe gráfica da Xunta de Galicia.

Como elementos constitutivos do manual establécense as pautas de construción, o uso das tipografías e as aplicacións cromáticas da marca, así como as normas de convivencia con logotipos e identidades pertencentes a outros entes e organismos integrantes do sector público galego.

O seguimento das pautas reunidas neste Manual sobre os usos permitidos e non permitidos de símbolo e logotipo, garante que non se distorsionará a imaxe da Identidade Visual da Xunta de Galicia.

Todas as reproducións que se fagan dos diferentes elementos do manual deberán ser sempre copia fiel do orixinal e das súas posibles versións, e produciranse sempre coa mellor calidade que ofreza o soporte no que se plasmen, sexa impresión, en pantalla, etc.

As pezas non definidas neste Manual realizaranse respectando os criterios xerais e o estilo marcado por este.

O seu uso é obrigado para todos os departamentos da Xunta de Galicia na definición de elementos gráficos de comunicación, así como para os provedores de soportes gráficos, como: publicistas, deseñadores gráficos, impresores, creadores audiovisuais, etc.