A Xunta de Galicia pode asinar convenios de colaboración, coordinación, execución ou instrumentos xurídicos asimilables con outras administracións e entidades públicas e privadas no ámbito das súas respectivas competencias.
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, ten asumida a competencia para xestionar o rexistro dos convenios que asinen a Xunta de Galicia, os organismos autónomos e os entes de dereito público vinculados ou dependentes dela.
O Rexistro de Convenios regúlase polo Decreto 126/2006, do 20 de xullo (DOG nº 149, do 3 de agosto de 2005)e pola Lei 4/2006, de 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega (DOG nº 136, do 14 de xullo), modificada pola disposición derradeira quinta da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 250, do 30 de decembro), e pretende ser un elemento de mellora dos mecanismos de transparencia e publicidade das actuacións da Xunta de Galicia. É por iso que nesta páxina poñemos a disposición da cidadanía a posibilidade de consultar a base de datos dos convenios asinados pola Xunta de Galicia e dos seus organismos dependentes.
Nela pódense atopar todos os convenios asinados durante a presente lexislatura, así como o histórico de datos de lexislaturas anteriores, motivo polo cal se amosan no despregable tanto os nomes das actuais consellerías como os das correspondentes ás anteriores estruturas organizativas.
Así mesmo amósase, de acordo co artigo 11.1, in fine, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o importe das obrigas económicas das entidades correspondentes á Xunta de Galicia, organismos autónomos e entes de dereito público vinculados ou dependentes dela.