Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio

 

Este ano celébrase o vixésimo aniversario da creación, en todos os centros educativos de primaria e secundaria de Galicia, dos actuais equipos de dinamización da lingua galega. O amplo traballo realizado polos equipos durante estas dúas décadas permitiu alcanzar dous obxectivos fundamentais: por unha banda, promover unha imaxe positiva do galego e, por outra, favorecer a visibilización e o uso do idioma nas actividades do centro.

Por este motivo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere celebrar os seus 20 anos de existencia, de ilusión e de esforzo compartido mediante dúas iniciativas. En primeiro lugar, unha exposición de revistas elaboradas polos equipos desde o inicio da súa andaina, que pode visitarse do 15 de decembro 2011 ao 15 de marzo de 2012 no Museo Pedagóxico de Galicia.

En segundo lugar, a conmemoración deste aniversario complétase cunha mostra virtual de 20 experiencias dinamizadoras, entre as que se atopan diversas propostas actuais para todas as etapas educativas.

A través destas dúas iniciativas convidámosvos a celebrar conxuntamente o aniversario dos equipos e a homenaxe ao seu traballo.

 

Exposición de revistas escolares  20 anos, 20 experiencias

 

20 anos de esforzo e de innovación

Xa a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística recollera a necesidade de favorecer medidas encamiñadas a favorezan o uso da lingua galega no ámbito escolar co obxectivo de que o alumnado dos centros de ensino non universitario adquira unha boa competencia lingüística na nosa lingua. Os regulamentos orgánicos dos colexios e institutos concretaron esta aspiración en tres finalidades específicas:

    1. Promover unha valoración positiva da lingua propia de Galicia.
    2. Mellorar a competencia en galego dos membros da comunidade educativa.
    3. Potenciar o uso do galego nas actividades do centro.

Os obxectivos dos equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) son ben amplos, mais os seus membros puxeron para alcanzalos as súas fortalezas senlleiras: a creatividade e o traballo.

A creatividade levou os equipos de dinamización a liderar a innovación educativa en Galicia nestas dúas décadas. Iniciativas que hoxe se presentan como vangarda e como modelo a seguir foron implementadas polos EDLG moito antes de formaren parte do discurso e das prioridades das institucións: a participación do alumnado, a implicación do contorno, a conversión do centro nun espazo de comunicación que permita aprender lingua tamén fóra das aulas, o traballo colaborativo do profesorado, o uso das TIC, a potenciación da biblioteca e tantas outras.

A inmensa cantidade de horas de traballo que esta creatividade requiriu e require demostra o compromiso coa educación e coa lingua dos docentes que integran os equipos e que lles dedican a estas tarefas moito máis tempo e esforzo do estritamente esixible.

Se a creatividade e o traballo foron as constantes do labor dos EDLG, tamén houbo aspectos que evolucionaron, como corresponde á tarefa de quen sempre está atento á realidade social que o rodea. As primeiras actuacións dos equipos estaban estreitamente vinculadas ás actividades complementarias, á visibilización do galego na cartelaría do centro ou á documentación administrativa e de relación coas familias. Hoxe predominan as ligadas ao mundo das TIC (creación de blogs, difusión de aplicacións didácticas interactivas...), que en moitos casos se prestan tamén para promover o uso oral do galego (dobraxe de películas, gravación de curtas...). Mais estes novos tipos de accións facilitadas e, asemade, esixidas pola relevancia actual das tecnoloxías, conviven coa celebración das festas tradicionais ou coa representación de obras de teatro.

 


 

Destacados anteriores

 

 

 

 

 

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a