Durante a emerxencia dos reinos cristiáns na época da Reconquista, Galicia constitúe unha unidade política con Asturias e León, coa excepción dos reinados de don García (1065) e Afonso Raimúndez (1111). A pesar desta dependencia, o poder do que gozaban a nobreza, a Igrexa e os mosteiros galegos, así como a importancia que acada Santiago como centro relixioso e cultural, permiten o desenvolvemento do galego sen máis competencia ca o latín para certos usos escritos.
As condicións sociopolíticas dadas a partir do século XII permitiron a aclimatación en Galicia da poesía trobadoresca. Durante esta época é a galega, entre as da Península Ibérica, a lingua lírica por excelencia. O noso idioma soaba en boca de trobadores e segreis en todas as cortes de España e eran moitos os poetas de fóra de Galicia que adoptaban o galego como lingua poética.
Un xénero literario de gran difusión na Europa da Idade Media é o relato de milagres, con función devota e propagandística. Unha das máis importantes coleccións de milagres marianos está recollida nas Cantigas de Santa María, de Afonso X o Sabio. Son un monumental documento lingüístico do florecemento do galego nesta época.
Os grandes temas da literatura europea da época tiveron tamén reflexo na prosa galega medieval. En galego puidéronse ler os libros das Aventuras dos cabaleiros da Mesa Redonda, a Historia de Troia, Os milagres de Santiago e tamén a Historia Universal e a Historia de España.
As condicións sociopolíticas da Galicia do século XV impediron a continuidade desta producción literaria.
O galego era a lingua oral de todo o pobo. Tamén era a lingua escrita de todo tipo de actos (notariais, xudiciais e administrativos), tanto públicos coma privados. Mesmo se verteron ao galego textos legais como as Partidas.
Pero xa dende a metade do século XIII, durante o reinado de Fernando III, comeza a penetración do castelán en documentos que teñen como orixe ou destino a Corte.
Na nosa lyngoage galega. A emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media, de Ana Isabel Boullón Agrelo. Instituto da Lingua Galega e Consello da Cultura Galega. 2007.
