Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio

Este Nadal, a túa mesa, en galego

 

Durante estas festas é habitual xuntarse coa familia ou cos amigos ao redor dunha boa mesa de comida. Os bos alimentos son parte fundamental das nosas celebracións e de ceas coma a da Noiteboa ou a da Noitevella. Xa todos coñecemos que hoxe en día podemos gozar dun bo viño de calquera das nosas cinco denominacións de orixe etiquetados en galego, pero igual non temos tan claro que hai moitos outros alimentos cos que vestir a nosa mesa en galego.

Se queremos comezar cuns petiscos, nada mellor ca unha rebandas de xamón. En Industrias Cárnicas Fontefría ofrecen tanto xamóns gran reserva que están etiquetados na nosa lingua. Pero non só iso, senón que tamén dispoñen doutros produtos cárnicos curados e elaborados, como lacón, touciño entrefebrado, chourizos ou lombo adobado.

Símbolo de orixe e de calidade
Pero para ir facendo boca tamén é ben recomendable un bo queixo. Son moitas as empresas lácteas que lle ofrecen ao consumidor produtos na nosa lingua, como Cooperativa Hoxe. Como indica Lito Andión Cachafeiro, desde a súa cooperativa decidiron “etiquetar en galego porque é o idioma que fala a maioria da xente do noso contorno social e xeográfico, os gandeiros, os traballadores e moitos dos nosos clientes”. A acollida foi moi boa, ata o punto de que “foron moitos os clientes que nos enviaron mostras de agrado pola etiquetaxe en galego”.

Andión sinala que “o queixo galego está feito de leite galego, polo que non tería sentido que se etiquetase en castelán. Para nós isto dálle harmonía”. De feito, a lingua engade un plus de calidade, xa que “lle dá autenticidade de orixe” , sen que supoña en ningún caso unha pexa para a exportación e a boa acollida fóra de Galicia.

Dende a Cooperativa Campo da Capela tamén sinalan que "decidimos etiquetar en galego porque fundamentamos a identificación do noso produto en que está elaborado en Galicia". Deste xeito, "dentro da comunidade a xente identifica o produto claramente como o que se pretendía: un produto noso, galego". Non obstante, sinalan que "fóra da comunidade, aínda que nós non etiquetamos doutro xeito, foinos necesario editar un folleto en castelán poñendo "Productos artesanos de Galicia"" Doutra banda, dende esta cooperativa, na que elaboran dende queixo fresco ata torta de requeixo, indican que "etiquetar en galego si que axuda a identificar o produto e por tanto a achegarse ao cliente".

Valor engadido
Neste mesmo punto coinciden en Alimentos Amorodo, que tamén exporta as súas conservas ecolóxicas en galego fóra da nosa comunidade con total normalidade. “Apostamos por unha agricultura sostible e por un produto de calidade e, da mesma maneira que nos interesa que o medio ambiente se conserve, que é o patrimonio natural, pois o mesmo o patrimonio cultural que temos. É a nosa cultura, a nosa lingua.”

Desde esta empresa apostaron polo galego dun xeito “natural e non nos supuxo ningún problema nin ningún atranco, ao contrario, é un valor engadido”. De feito, así “como hai perfumes etiquetados en francés ou outras cousas en inglés, e produtos que se diferencian pola súa calidade... penso que moitos empresarios se poderían animar a facelo”. Os seus produtos dan boa conta da calidade que ten a nosa agricultura. Así, en Alimentos Amorodo podemos atopar envasados garavanzos ou grelos, por se queremos facer un bo cocido, ou coliflor, por se nos decidimos por un bacallau para estas datas, ou pemento confeitado para darlle máis sabor ás carnes.

Ademais, contan tamén con acelgas, pisto con cabaciña, remolacha, feixóns verdes e tamén un bo feixe de marmeladas e sobremesas como compota de mazá e doce de marmelo.

Sorpresa
Ata hai uns anos, era pouco habitual ver moitos destes produtos na nosa lingua. Coa etiquetaxe no noso idioma moitas destas empresas queren “contribuír á divulgación do galego”, ao mesmo tempo que conseguen unha maior proximidade co cliente, como sinala Jorge Landeira, da fábrica de bebidas refrescantes Carbónicas Landeira (gasosas Pitusa). Landeira sinala que a acollida dos seus clientes foi “moi boa”, aínda que “a algunha xente lle chame a atención o nome dos ingredientes escrito en galego”.

Con sumo gusto
En galego podemos gozar xa dunha ampla clase de bos produtos: entrantes, ben de carne ou de queixo, conservas vexetais e hortalizas para calquera xantar ou cea. Suxerimos de sobremesa un bo queixo con mel de calquera das dez empresas apícolas que xa se distribúen por todo o territorio. 

Desde Mel do Castro explícannos que decidiron poñer as etiquetas no noso idioma porque "soaba mellor o nome do produto en galego". Comentan tamén que os clientes responderon moi ben, xa que esta decisión tivo "moi boa acollida" e á xente "gústalle que estea en galego". De feito, á hora de vender o produto no exterior, aos clientes "interésalles moito que sexa o produto da terra, sobre todo aos que están a vivir fóra de Galicia".Nova botella de vidro de Mondariz

Doutra banda, para os que gusten das fritadas, este Nadal tamén fritir os lagostinos en aceite galego e coa información no noso idioma. É o caso de Aceites Abril que desde Ourense elabora e envasa toda clase de aceites. Así, non só podemos fritir carnes e mariscos, senón tamén aderezar unha boa ensalada con aceite de oliva ou acompañar caldeiradas ou o polbo á feira. 

Mollar a palabra

O sector adegueiro é, como xa comentamos, un dos que incorporou máis amplamente o galego á etiquetaxe dos seus produtos de todas denominacións de orixe. Pero cada vez máis, a auga constitúe un produto delicatessen para mollar a palabra. Augas de Mondariz, ademais de etiquetar en galego os seus produtos Fuente del Val, está a facer unha aposta por incorporar o galego aos seus produtos estrela, por exemplo á edición especial do novo vidro de Aguas de Mondariz serigrafada cun poema de Rosalía de Castro. Javier R. Losada, director xeral de Augas de Mondariz, explica: "Dentro das comunidades españolas con máis dunha lingua oficial, o galego é o idioma máis falado entre a poboación, e por iso consideramos unha adaptación do etiquetado, xa que, desde o noso punto de vista, pode supoñer un achegamento aos intereses dos consumidores".

E para rematar a festa engadímoslle un licor. Son moitas tamén as adegas que ofrecen no idioma galego unha ampla gama de bebidas alcohólicas aromatizadas e doces. Así, podemos atopar augardente branca e avellentada, e licores de café, de coandro, de mirabel ou de herbas.

Para encheres de galego a túa mesa e o teu padal, velaquí unha listaxe de produtos de primeira:

Bebidas:

gasosa pitusa
 
Licores:

 
Carnes:

 
Queixos e lácteos:

 
Marmeladas, conservas vexetais e infusións:

 
Mel:

  • Eduardo Álvarez
  • Cooperativa agraria Serra do Xurés 
  • Iria Dobarro Camaño 
  • Mel O Muíño 
  • Antonio Gómez Tapia 
  • O Enredo do Abelleiro 
  • María Gerardina Pena 
  • Mel do Castro 
  • Cooperativa A Queiroga

 
Aceite:

  • Aceites Abril


 


 

 Destacados anteriores

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a