Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio

Agasallos de Nadal en galego para os máis novos

Como o Nadal xa está aquí e hai que ir pensando nos agasallos de Noiteboa ou nos do día de Reis, dende aquí queremos ofrecerche unha serie de recomendacións. Son unha serie de regalos pensados para os pequerrechos da casa, e en galego. Porque hai toda unha oferta cultural e de ocio no noso idioma coa que de seguro acertas para que os cativos o pasen o mellor posible.

Xogos e xoguetes

No mercado podemos atopar unha serie de xogos educativos para nenos de entre 3 e 12 anos en galego cos que aprender e pasar bos momentos. Para os máis mañosos están os libros con rodas dos Bolechas, nos que a través dun pequeno mecanismo, se poden transformar os contos nun camión de bombeiros ou nun do lixo, nunha ambulancia ou nun coche de policía, e así estar entretido un bo cacho.

“As vogais” permiten a varios xogadores recoñecer as vogais e aprender o seu correspondente son e grafía. Para máis avanzados estaría “O abecedario”, na mesma liña, pero con todas as letras. O xogo, no que cada letra vai asociada cunha imaxe que ten como inicial esa letra, consiste en formar un quebracabezas onde apareza o abecedario.

Pola súa banda, “As horas do día” posibilita aos cativos aprender de xeito doado as horas do día a través das diferentes actividades cotiás características de cada unha delas. O xogo consiste en formar un crebacabezas onde aparezan todas as horas do día. Pero se ao neno lle gustan máis os aparellos tecnolóxicos, pode gozar con “Iago divertido” (de 3 a 6 anos) e con “Iago next” (de 5 a 9 anos). O primeiro deles ofrece, 54 actividades en galego, animación musical, luces e son, amplo vocabulario e guía pedagóxica. Pola súa banda, “Iago next” ten 103 actividades, pantalla LCD, dobre rato (profesional e táctil), teclado con numerosas teclas e funcións e dous cartuchos para ampliar os contidos.

Filmes

Se queres ver cinema infantil en galego tes toda unha serie de filmes en DVD que podes atopar en calquera tenda. Un dos personaxes de debuxos preferido dos nenos é Doraemon, o gato cósmico, que conta con máis dunha ducia de títulos editados. Os máis recentes son “Doraemon e o dinosauro pequeno” e “Doraemon e os cabaleiros enmascarados”.

O pícaro Shin Chan tamén ten un feixe de filmes, entre os que destacamos “Shin Chan, os adultos contraatacan”, “Shin Chan, aventuras en Henderland” e “Shin Chan, o pequeno samurai”.

Outros clásicos animados son Astérix e Obélix que tamén se poden gozar no noso idioma. Títulos para escachar coa risa son “Astérix en Bretaña” ou “Astérix e a sopresa do César”.

Hai outra serie de títulos máis recentes e que tiveron grande éxito nas salas de todo o país, como “O Cid, a lenda”, “O soño dunha noite de San Xoán”, “PK3, Pinocchio 3000” ou “Pérez, o ratiño dos teus soños”.

Roupa e complementos

Para vestir os pequerrechos á última moda hai toda unha serie de marcas que teñen os mellores complementos en galego. Unha das últimas en nacer é “Beibiceibe”, pensada para nenos ata os 6 anos e que dispoñen de camisetas con lemas como “Fálame con xeito”. Contan tamén con babeiros, bolsas para levar os bebés e están a traballar en pixamas e zapatillas.

Para promocionar o uso do idioma dende a máis tenra infancia, Rei Zentolo tamén conta cunha liña de produtos en exclusiva para os cativos. O galego para vestir no día a día dunha forma divertida. Ademais das camisetas para nenos, teñen outra serie de complementos como poden ser os “petos beibi” en diferentes cores e deseños. Ademais, tamén se pode botar man das tazas para que tomen o leite pola mañá cando xa son algo máis grandes, de chapas para lucir na roupa e chaveiros para que non perdan as chaves da casa.

Libros

Galicia conta con toda unha serie de editoras que publican periodicamente a mellor literatura infantil e xuvenil en galego. A continuación destacamos as recomendacións ou as novidades que nos salientan dende as editoras. Son obras que podes atopar nas librerías nestas datas, coas mellores ilustracións e coas máis divertidas actividades, para que lean e o pasen ben:

>A Nosa Terra: Os Bolechas teñen novas coleccións de libros. Así, temos “Libros móbiles para xogar mesmo debaixo da auga”, pensada para nenos de 1 a 4 anos e que contan con figuras de gomaespuma para descubrir tipos de ferramentas, peixes ou formas. En “Libros que triscan”, realizados en tea e con elementos sonoros, os cativos de ata 3 anos aprenderán a desenvolver o seu tacto. Para lles contar aos nenos os fenómenos metereolóxicos están “Libros con portas”. Por último, “Libros de baño” están realizados en plástico e flotan na auga, para xogaren os pequenos en canto se bañan.

>Baía Edicións: en María é maior, de Miguel Vázquez Freire, descubrimos como María xa sobe escaleiras, toma soa o leite e fala sen parar. Pola súa banda, Fina Casalderrey ofrécenos Xela volveuse vampira!!, que quere romper coa tendencia nos contos infantís de asignar roles estereotipados aos nenos e ás nenas. Para os máis os clásicos están “O castelo da princesa” e “A casa das fadas” (de 3 a 6 anos), dous estoxos que conteñen oito contos cada un. Destacamos tamén Xadrez iniciación e Papiroflexia, por se regalamos un xadrez ou queremos aprender a facer as mellores figuras de papel.

>Edicións do Cumio: conta con varios títulos nos que os cativos poden colocar adhesivos que convertirán o texto nun alegre e divertido conto, como A curuxa prepara o almorzo, As bruxas comellonas, O cuarto da curuxa ou A curuxa é un chisco. estrafalaria. Na colección “Libros-crebacabezas” atopámonos con historias narradas que inclúen 6 quebracabezas de gran gramaxe, como Vítor de viaxe ou Vítor no mar. Dentro de “Libromóvil” temos varias obras nas que se poden mover personaxes e obxectos e debuxar. Os títulos son: Un día no circo, Un día na granxa, O parque de atraccións, Unha festa no bosque e Tarzán.

>Edicións Embora: a editora acaba de sacar a súa colección de libros infantís ilustrados “Fardel dos Soños” con tres obras. Nunha delas, De que cor es ti?, de Luis Rapela, reflexiónase sobre a mestura de cores e de identidades, profundando na riqueza que supón ter esa diversidade. As outras dúas son contos populares, como o clásico Riciños de ouro, cunha versión máis amable que a orixinal e O traxe novo do emperador, que conta con ilustracións do coñecido Xaquín Marín.

>Galaxia: Apertas de Vainilla é o último libro de Final Casalderrey, pensado para os primeiros lectores, cun final máis que sorprendente. A mesma autora escribe As desventuras dun novo namorado, un conto cheo de graza e humor que lembra as fábulas populares sobre animais. Galaxia tamén recupera A galiña azul, de Carlos Casares, un clásico da literatura infantil galega na súa edición orixinal. Para rematar, a colección “Árbores Espazos” recolle varios títulos de Cristina Losantos, en formato acordeón, que presentan grandes escenarios nos que descubrir obxectos e situacións a partir de seis preguntas formuladas na contracapa. Un xogo de astucia para compartir en familia.

>Kalandraka: Oh! e Ah! son dous libros despregables, para prelectores ou primeiros lectores, máis no caso de Ah! tamén para nenos ao redor dos10 anos, posto que utiliza obras de arte de todos os tempos e estilos. Sen texto, xogan co concepto visual e aprenden que non todo é o que parece... A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza é un clásico, pero este mes sae nunha edición despregable. Pola súa banda, Orfeo e Eurídice é o cuarto volume da colección Kalandraka de ópera para nenos, nun formato adaptado especialmente para eles: con cd, guía de audición, ilustración de gran calidade e biografía do compositor. E Boas noites, imos durmir..., é un libro de tea que acompañará aos máis pequenos á hora de iren para a cama.

>OQO: Petra é a historia contada cun humor na que elefanta que se ve gorda e que pregunta aos demais animais como van para estar máis esbeltos. Pola súa banda, Chocolata destaca a importancia da experiencia e o valor do que temos máis perto, e Tiriritesa narra a historia de amor entre dúas princesas. En O día no que a mamá se lle puxo cara de teteira cóntasenos como a nai de Marquiños estaba tan enfadada que comezou a botar fume pola boca coma se fose un dragón, mentres que O gran libro dos retratos de animais busca espertar o gusto pola arte nos nenos.

>Sotelo Blanco Edicións: Paco Peco Pequeneiro e o lagarteiro miope, sorprende tanto polo seu título como polas súas historias, escritas por Xelís de Toro e na que teñen lugar os nenos máis trastes. Para os primeiros lectores tamén están os contos de “Uxía e os pillabáns”, nos que Luís Ben nos narra como os protagonistas van á granxa, van de excursión ou atopan un can. E para coñecer un pouco mellor Santiago de Compostela está a colección “Branco de cores” con ¿A que veñen as gaivotas a Compostela? ou Unha mensaxe para Sara.

>Tambre-Grupo Editorial Luis Vives: ata os seis anos temos a colección “Pallaso Tito” que consta de tres títulos e na que o seu protagonista fai de mago, de malabarista ou de domeador. Salienta tamén, a partir dos 10 anos, o premio Ala Delta 2007, O carteiro de Bagdad, de Marcos Calveiro, a primeira obra infantil escrita en galego que gaña este premio. Deste autor tamén destaca Rinocerontes e quimeras, para nenos que superen os 12 anos, dentro da colección “Catavento”. Finalizamos con Eu viría da fin do mundo, de Ramón Trigo e Premio de Ilustración do Cabildo de Canarias.

>Xerais: Honorato, o rato namorado, de García Teijeiro, cóntanos a historia dun rato ao que lle gustan as palabras e, sobre todo, pintalas de cores. Silvia Pazos preséntanos A carreira de sacos, no que os animais do bosque deciden facer unha competición tan importante que o souberon os animais de todas as partes do mundo e na que participan a pulga, a chicharra, a ra, o coello branco e o canguro. En Remoldiño vai á feira, de Xoán R. Cuba, podemos ler que “Remoldiño nunca fora // a Monterroso na vida, // e quería ver a feira // máis famosa de Galicia”. Finalizamos con ¡Lume!, un libro dedicado á recuperación dos nosos bosques autóctonos e con Minimaladas, 60 mini historias protagonizadas por animais cheas de orixinalidade, imaxinación e beleza.


  Destacados anteriores

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a