
Por estas datas xa andamos ás voltas cos regalos. A Noiteboa e o día de Reis están pretiño e non sempre é fácil saber con que agasallar un amigo, unha irmá... Os mellores regalos tamén están na nosa lingua: libros, reprodutores de MP3, móbiles, cómics, filmes e series, discos... Para acertares, e estares á última, en galego.
Banda Deseñada:
De historietas gráficas e banda deseñada hai bos autores a esgalla. Velaquí alguhas recomendacións:
>Desde a asociación cultural BD banda destacan unha obra editada por eles, As serpes cegas, un álbum de Bartolomé Seguí e Felipe Hernández Cava, a historia dunha amizade sometida á dura proba duns tempos difíciles e onde aventuras, historia e misterio se mesturan nunha trama apaixoante.
Outra boa historieta é Aventura no Camiño de Santiago (El Patito Editorial), na que Primitivo Marcos dá conta das peripecias dunha familia que peregrinan a Compostela en plena Idade Media. Bícame Profe, de Edicións do Cumio, é o primeiro manga en galego. Conta a historia dum alumno namorado perdidamente do seu profesor.
>De Faktoría K de Libros, A conta atrás é unha viaxe no tempo. Logo dunha marea negra, vai repasando cara atrás a historia do desastre ata chegar a como era a vida dos protagonistas antes do naufraxio... Unha viaxe que afonda nos porqués das cousas. Os cinco narradores de Bagdad é un álbum de orixe francesa que achega os andares de cinco contadores de historias, afanados na procura do mellor conto do mundo, para gañar o reto proposto polo califa de Bagdad e con el, acadar sona e riquezas.
>Outra opción é Maus, relato dun supervivente (Inrevés Edicions) é o cómic biográfico de Art Spiegelman que narra a vivencia do seu país no campo de concentración de Auschwitz. Foi merecedor dun premio Pulitzer e está considerado como un dos mellores cómics da historia.
Libros
Un libro sempre é un tesouro. Ademais, nestas datas gozamos de bastantes días para ler, polo que non hai escusa para non coller entre as nosas mans unha obra en galego. Desde as editoras galegas destácannos os seguintes libros xuvenís:
> O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz (Xerais), un libro con numerosos premios como Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008. Nel, os seus personaxes namóranse e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, da ausencia e dos amores rotos. En O libro das viaxes imaxinarias, de Xabier P. DoCampo, o Viaxeiro sinala que “todas as viaxes son un regreso. Hai que volver para contar, para facer da viaxe relato”. A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, está inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira.
> Desde Galaxia recoméndannos A revolución dos globos, de Alfonso Álvarez Cáccamo, un libro onde presente e pasado, realidade e ficción, lembranza e invención se mesturan coa presenza constante dun sutil humorismo. Saladina, de Xavier Queipo, bebe das mesmas fontes onde Cunqueiro encontrou a Sinbad. Por último, no Libro das alquimias, de Xesús Constela, cóntasenos a historia dun rapaz que está a descubrir o mundo, como quen o constrúe con pezas dun mecano, e encontra de pronto a presenza dun vello que vai deixando ao seu paso, sen decatarse, unha guedella de estrelas.
>Destácannos en Rodeira O clan da loba (Maite Carranza), o primeiro volume d’ A guerra das bruxas, unha triloxía sobre os clans das bruxas Omar. Por outro lado, tamén está o libro Fuxida cara ao sur, premio Edebé de literatura xuvenil este ano, e escrito por Juan Madrid. Cordelúa, tamén premio Edebé de literatura xuvenil, da autora Elia Barceló, sobre unha historia de amor que quedou truncada pola desgraza e por unha maldición que permanece xeración tras xeración.
> De vivos e de mortos (Ir Indo), de Xulio Alonso, é un conxunto de pequenas historias, cheas da maxia e fantasía e realidade cotiá. En Historia das historias na escola, de Ventoso Mariño, mestre e alumno comparten o protagonismo xunto co mariñeiro que lle ensina os segredos do mar ao seu neto, nun mundo narrativo que se move entre a educación e o mar. A última das suxestións que nos fan desde Ir Indo é o libro Gatos, de Moncho Borrajo.
>O elixir do amor (Kalandraka), de Gaetano Donizetti e Turandot, de Giacomo Puccini, son dous libros CD de música para introducirnos na ópera. No primeiro deles, Nemorino, un mozo apoucado e torpe, namórase sen esperanza de Adina, a moza máis bela e adiñeirada do lugar, aínda que tamén a máis voluble e antolladiza. No segundo, un nobre príncipe sen reino e unha escrava fiel e namorada loitan por disipar as tebras que se abaten sobre China por unha lei imposta pola filla do emperador, Turandot, a princesa do corazón de xeo.
>O tesouro das ánimas, de Conchi Regueiro e Orballo da mañá..., de David D. Vázquez Álvarez, son dúas das recomendacións que nos fan dende Baía Edicións. Os dous pertencen á Colección Meiga Moira, a partir de 12 anos.
Móbiles
Porque xa nin os máis novos parecen dar vivido sen teléfono, cómpre saber que hoxe en día todos os operadores dispoñen de terminais con todas as prestacións en galego.
Na web www.oteumobilengalego.com tes información completa sobre os teléfonos que hai dispoñibles e os operadores que os ofrecen. Tanto Movistar, como Vodafone, Orange, Yoigo ou R teñen terminais de moi distinta gama co menú na nosa lingua. Así, podes atopar desde algún económico de Nokia ou de Alcatel, ata outros máis sofisticados de Motorola, de gama alta de Samsung ou pensados para reproducir música de Sony Ericcson.
Reprodutores de MP3 e MP4
E falando de música, tamén á hora de mercar reprodutores de música e vídeo, os chamados MP3 e MP4, podes optar polr diferentes modelos en galego. Un dos fabricantes con máis sona que fabrica aparellos que incorporan a opción do noso idioma é Blu:Sens. Desde a firma galega sinalan que os modelos de MP3 que se poden adquirir na nosa lingua para este Nadal son o P15, con acceso a 100.00 cancións e o P16, compatible con vídeo e fotografía. Tamén dispoñen dos MP4 1027 e 1028, con altofalante incluído e pantalla LCD en cor.
No mercado tamén podemos atopar outras marcas con reprodutores de música configurados en galego, coma SPC Internet, que dispón dos MP4 0359 e 0357 de 1GB, ou do modelo 0365 de 2GB. Meizu, pola súa banda, ofrece o M6 Mini Player de 4GB.
Reprodutores de vídeo
Para os amantes da electrónica tamén están os reprodutores de DVD. Blu:Sens dispón dos modelos DVD3002, DVD3005 e DVD5111, este último con disco duro incluído. Para os usarios máis avanzados, tamén están o gravador de DVD con disco duro e sintonizador TDT, o H40.
Filmes
E tendo xa aparello reprodutor de vídeo en galego, anímate cun bo DVD. Facemos unha escolla para os máis novos:
En debuxos animados contas coas aventuras de Astérix e Obélix, que xa son un clásico. Así, tes os filmes Astérix en Bretaña e Astérix e Cleopatra. Outros títulos de animación para rapaces de 12 anos son Rudolph. O reno do nariz encarnado, Jack, Rei do Amazonas ou Pinocho 3000 k ou Lucky Lucke en Daisy Town.
Para os seguidores das series, están no mercado Os Vixilantes do Camiño ou a serie Detective Conan, As Bólas do Dragón, Dragon Ball Z ou mesmo a serie de culto Heroes.
Consulta aquí as tendas nas que podes mercar moitos destes títulos.
Música
Na música terás unha ampla oferta no mercado para agasallar este Nadal. Os discos de Roi Casal, de Loretta Martin, The Homes, Lamatumbá, Narg, Baldo Martínez, Dios Ke Te Crew, Quempallou, Abda, Xavier Díaz ou Uxía. Música de todos os estilos, dende hip hop, pasando polo pop, o rock ou o folk. No portal da Cultura Galega http://culturagalega.org/mega tes información sobre todas as novidades de música en galego.
Camisetas e roupa con mensaxe
E para ires á moda, que che parecen unhas camisetas ou uns suadoiros con mensaxe? Do Rei Zentolo tes un Bailaches Carolina?, un Habelas Hainas, ou da Costa da Morte. Tamén hai chaquetas de 1937, cando Galicia foi campioa do mundo de futbolín, ou outras máis divertidas coma a do Can de palleiro.
Outros produtos simpáticos son as chapas, como as de Eu falo galego, cuncas para facer meigallos ou calcetíns para ir con tino. Vamos, que ideas en galego non faltan para este Nadal.
Consulta tamén as recomendacións do CPI Vicente Otero Valcárcel
