
Santiago de Compostela acollerá os días 22, 23 e 24 de abril a XXXVI reunión-congreso da Asociación Europea para o ensino e avaliación das linguas, coñecida internacionalmente baixo as siglas ALTE, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Conferencia de ALTE
Os dous primeiros días da reunión serán exclusivamente para membros de ALTE, pero como colofón a este evento, como vén sendo habitual, terá lugar unha xornada de portas abertas dirixida especialmente a aqueles profesionais que están interesados no multilingüismo e na avaliación de linguas e nos estándares europeos de avaliación e certificación.
Estas conferencias terán lugar o vindeiro 24 de abril no auditorio do Hotel San Francisco, de Santiago de Compostela, das 9.00 ás 15.00 horas. Finalizarán cun xantar (buffet) no claustro do hotel.
O programa
Personalidades de primeira orde no campo do ensino, avaliación e defensa das linguas serán as encargadas de pronunciar as diversas conferencias:
-
Leonard Orban, o Comisario Europeo de Multilingüismo, será o encargado da conferencia inaugural desta xornada e centrará o seu discurso na promoción do diálogo intercultural, da diversidade lingüística e a aprendizaxe de linguas na Unión Europea.
-
Outros dos conferenciantes desta xornada serán o profesor Alan Davies, que falará da avaliación de linguas con fins académicos, o profesor Barry O’Sullivan, experto en avaliación de linguas con fins específicos, ou Shelagh Rixon, que centrará a súa conferencia nas especificidades da avaliación de nivel de lingua para xente nova.
-
Tamén os certificados de lingua galega terán o seu espazo nesta xornada. Margarita Chamorro, membro do “Proxecto para a avaliación e aprendizaxe de galego” do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, presentaralles aos membros de ALTE e ao público en xeral o sistema de avaliación do galego.
A inscrición
A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través da web de ALTE, onde figura un recadro dedicado Alte events/ALTE 36th Meeting, Santiago de Compostela, Galicia, Spain ou picando directamente aquí.
Tamén se poderá realizar directamente nos mostradores de inscrición no Hotel San Francisco o mesmo día do evento.
Máis información:
Para máis información, contacte directamente coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
