
A nova campaña de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística comeza a súa andaina e inclúe libros, contacontos, música, xogos, pintura ou teatro da man de oito editoriais galegas. A Nosa Terra, Baía, Galaxia, Kalandraka, Oqo, Rodeira, Sotelo Blanco e Xerais desenvolven os proxectos, destinados a rapaces e rapazas de entre 4 e 18 anos.
A campaña realizarase en máis de 70 vilas e cidades galegas e comeza estes días, chegando ata o remate do ano. As actividades, que se achegarán a preto de 50.000 nenos e nenas de toda Galicia, teñen como obxectivo fomentar o uso do galego entre os máis novos, e serán todas de balde. O programa é moi variado, con oito propostas diferentes, e inclúe divertidas actividades destinadas a fomentar o galego entre os rapaces e rapazas, de quen depende, en boa parte, o futuro da nosa lingua.
Consulta todas as datas nos calendarios para non perderes ningunha! Para a organización de actividades co alumnado dos centros educativos en horario lectivo, cómpre poñerse en contacto cos servizos municipais de Normalización lingüística ou de Cultura.
Velaquí as diferentes propostas:
Cantar e contar: ler na nosa lingua
A iniciativa de Kalandraka Editora artéllase ao redor de dous eixes: a tradición e a oralidade, co obxectivo de poñer en valor a tradición oral como canle transmisora da memoria, ao tempo que promove o folclore infantil galego. Dirixida a rapaces e rapazas de 4 a 11 anos, achegará sesións de contos e música, obradoiros de escrita creativa, un espazo de lectura e unha exposición de ilustracións e elementos orixinais. Estará presente nos concellos de Marín, Ferrol, Vilagarcía e Carballo, e as actividades prolongaranse en cada un deles ao longo de 15 días; a primeira experiencia desenvolverase na Granxa de Briz, en Marín do 30 de setembro ao 16 de outubro. VER CALENDARIO
Contos en cantos
A editorial Oqo deseñou esta actividade dirixida a nenos de dous tramos de idades: de 5 a 7 anos e de 8 a 10. O obxectivo é promover o uso do galego a partir do libro e da lectura, a música e as novas tecnoloxías. Contos, cancións karaoke e videoclips musicais son o soporte da actividade, que se vai desenvolver, a partir do 22 de setembro en Vigo, Ribadavia, Ourense, Vilalba, Gondomar Cambre e Santiago. En cada cidade permanecerá cinco días, con obradoiros, exposicións, concertos e agasallos. A campaña finalizará na semana do 9 ao 13 de decembro, en Santiago de Compostela. VER CALENDARIO
Contos para falar
O proxecto da Editorial Rodeira diríxese aos tramos de idades de 3 a 8 anos e de 9 a 12, e inclúe contos e actividades adaptadas a cada grupo. A través de cinco obras de autores contemporáneos e unha narración de sempre, "A Odisea", o programa busca levar os rapaces nunha viaxe lúdica na que sexan eles, a lingua e a comunicación os grandes protagonistas. Preténdese así que os nenos e nenas relacionen o uso da lingua con actividades agradables e participativas, para o que haberá preto de 70 encontros en 27 concellos nos meses de outubro e novembro, nos que ademais de achegarse a uns 6.000 rapaces e rapazas, tamén o farán aos pais e nais dos máis pequenos. VER CALENDARIO
Flis-fli-ris-flás
A Editorial Galaxia pon en marcha unha campaña de fomento da lingua galega e da lectura no ámbito familiar a través dunha representación teatral axeitada á idade dos cativos de entre 6 e 7 anos de idade. Ademais da posta en escena de Flis-fli-ris-flás, o proxecto prevé a entrega, a todo o alumnado galego do primeiro ciclo de primaria, dun conto baseado na obra, cunha serie de propostas lúdicas para ofrecerlles aos pais e cun CD interactivo con recursos de apoio e actividades. Galaxia leva a iniciativa a 47 concellos, nos que se representarán 75 funcións. VER CALENDARIO
Graffiti e letras
Rapaces de 12 a 14 anos son os destinatarios da actividade proposta por Edicións A Nosa Terra, que pretende dinamizar o uso do galego nesta etapa de idade desde unha perspectiva creativa, así como asociar o uso do galego coa modernidade, a cultura urbana e as expresións artísticas máis actuais, actividades de interese para esta franxa da poboación. En obradoiros duns 50 minutos de duración, os asistentes recibirán nocións básicas sobre os signos, as letras e a súa evolución e despois practicarán a técnica do graffiti da man do ilustrador Anxo Fariña. As actividades realizaranse en Pontevedra, Ames, Vilasantar, Muros, Allariz, Verín, Baiona e Monforte. VER CALENDARIO
Queremos saber!
Trátase dun programa de contacontos e obradoiros baseados na colección de libros infantil "Queremos saber", colección de carácter didáctico escrita por Teresa Sabaté. A Coruña será o epicentro desta actividade promovida por Baía Edicións. Será todos os venres e sábados a partir do 4 de outubro e ata o 22 de novembro, no centro comercial El Puerto. Cada actividade terá unha duración aproximada de dúas horas e diríxese a nenos e nenas maiores de catro anos. VER CALENDARIO
Tardes coas aventuras de Paco Peco Pequeneiro
Este proxecto didáctico iniciarase o 10 de outubro e desenvolverase en Compostela, no Centro Comercial Área Central. Está destinado a nenos de entre 4 e 8 anos e consiste en sesións de contacontos e obradoiros baseados na colección infantil Paco Peco Pequeneiro, de Sotelo Blanco Edicións. Cada sesión terá unha duración de dúas horas e ademais dos contos haberá obradoiros creativos con materiais de refugallo. As actividades terán lugar en Area Central a partir das seis da tarde todos os venres e sábados: dende o venres 10 de outubro ata o sábado 29 de novembro, e agárdase que participen neles uns 4.000 nenos e nenas. VER CALENDARIO
Voces á orella
Xerais pon en marcha unha campaña consistente na realización de tres espectáculos de animación lingüística dirixidos á infancia e á mocidade. "Remoldiño vai á feira" da compañía Casahamlet, e dirixida a nenos de entre 3 e 8 anos, "Os soños na gaiola", a cargo da compañía Trinke Trinke, para nenos de 9 a 14 anos; e "O club da calceta", de Teatro do Morcego, para mozos e mozas ata 18 anos son as tres montaxes que se van representar en 24 vilas galegas a partir de outubro. Preténdese chegar a preto de 4.700 alumnos e alumnas. Todas as actividades serán de balde e desenvolveranse tanto en horario escolar, en sesións concertadas cos centros de ensino, como durante as fins de semana, orientadas a que os pais e nais dos rapaces poidan acudir con eles e acompañalos no seu tempo de lecer en galego. VER CALENDARIO
