Bocaberta é o novo programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística que ten como obxectivo fomentar o uso da lingua galega nas franxas máis novas. Trátase dun ambicioso programa de actividades que se desenvolven coa colaboración das principais editoriais en preto de 300 concellos de toda Galicia, dirixidas a nenos e mozos de entre 3 e 18 anos. Teatro, grafitti, emisións radifónicas, contacontos, exposicións, proxeccións audiovisuais... conforman Bocaberta.
Revista xuvenil Galimatías
En colaboración coa editorial El Patito edítase a revista xuvenil de historieta Galimatías, cunha distribución quincenal no periódico El Correo Gallego, como suplemento gratuíto en 20 entregas.
Ao mesmo tempo creouse unha web como espazo complementario da revista, na que as series e todo o universo Galimatias estará reflectido e ampliado e na que haberá espazos para ler as entrevistas cos autores da serie, para as técnicas para debuxar cómic, encontros dixitais cos debuxantes, o concurso “Remata ti a historia...” e música para descargar. Ver máis.
Voces á orella
Con Edicións Xerais ponse en marcha a campaña Voces á orella que inclúe a realización de tres espectáculos de promoción da lingua galega dirixidos aos nenos e nenas de 4 a 14 anos. Trátase de dúas pezas teatrais, "Ratiña Linda" e "Os soños na gaiola", e do espectáculo de maxia "Amancio Amigo".
A campaña desenvolverase en dúas fases ao longo do ano 2009 en diferentes localidades de Galicia, unha primeira no meses de maio e xuño e unha segunda nos meses de outubro e novembro. Ver máis
O mundo en galego
As actividades programadas con OQO Editora procuran que as rapazas e os rapaces coñezan a cultura, a historia e os costumes doutros lugares do planeta a través dos libros, e en galego.
Mediante obradoiros de lecto-escritura, lúdico-didácticos e de animación audiovisual, o alumnado de infantil e primaria terán unha oportunidade única de descubriren países de todo o mundo, desde Galicia e en galego.
Durante o tempo que dure O mundo en galego, a través da páxina web www.omundoengalego.eu poderase acceder a todo o material producido polo alumnado que participe nos obradoiros. Ver máis
Palabras no ar
Kalandraka Editora, realiza a campaña denominada "Palabras no ar", que dispón dunha serie de obradoiros tanto para os nenos como para os educadores. Ademais de realizar unha presentación para os educadores sobre a campaña, haberá sesións de contacontos con música, obradoiros de oralidade (nos que se pretende desenvolver estratexias lúdicas e creativas para fomentar o uso do galego como vehículo de comunicación), obradoiros de escrita creativa, emisións radiofónicas e mesmo se creará o espazo web www.palabrasnoar.org. Ver máis
Creando hip hop
Trátase de obradoiros organizados coa editorial A Nosa Terra para explicarlles aos mozos e mozas entre os 14 e os 16 anos como se crean rimas, como esas rimas se converten en cancións e como esas cancións se transforman en debuxos. Realizaranse 16 sesións en centros socioculturais e locais municipais.
Ver máis
Creando historias
En colaboración con A Nosa Terra, esta actividade vai dirixida a nenos e nenas entre os 11 e os 13 anos na que o autor-ilustrador do libro compartirá as súas experiencias sobre a creación da obra. En total, terán lugar un mínimo de 140 sesións en vilas de entre 10.000 e 20.000 habitantes nas provincias da Coruña e de Pontevedra e en vilas de máis de 5.000 habitantes en Lugo e en Ourense. Ver máis
Move os fíos da lingua monicrequeando
Este proxecto realizado en colaboración coa editorial Galaxia diríxese a nenos e a nenas de Educación Infantil e Primaria que viven en pequenos núcleos de poboación con escasa oferta de programación cultural e lúdica. Deste xeito, faranse un mínimo de 100 representacións en alomenos 50 concellos. Ver máis

En galego, por que non?
Tamén en colaboración coa Editorial Galaxia, desenvólvese esta actividade para adolescentes. A compañía Bicodobrelo Teatro representa "Comedia bífida", de Manuel Núñez Singala, con 16 representacións en oito vilas cabeceiras de comarcas, que se acompañan coa distribución do libro para a reflexión sociolingüística "En galego, por que non?", do mesmo autor. Ver máis
Titiricontos
Neste actividade realizarase a representación de monicreques da historia de Perico, o cangrexo, que se basea na colección de libros infantís e xuvenís de Ir Indo que leva por nome Contacontos (Contos da tía Rosario). 49 representacións cunha duración de 50 minutos distribuídas por outros tantos concellos. O número mínimo de espectadores por función será de 50, aos que se lles entregará un exemplar do libro. Ver máis
Enganchados á lingua
Campaña en colaboración con Everest que inclúe a realización de dúas accións de promoción da lingua galega dirixidos á infancia e á mocidade, a través de Contos musicados e Lingua máxica. A campaña desenvólvese no último trimestre do ano 2009 en diferentes localidades de Galicia. Levaranse adiante 25 accións en 13 concellos diferentes de Galicia.Ver máis
Tardes de lecer
Actividades de animación cultural, compostas por teatriños, contacontos e obradoiros de ilustración, talleres de lectura e debuxo baseados en diferentes contos da colección infantil de Sotelo Blanco Edicións. Ten lugar durante os meses de outubro, novembro e decembro en dúas sesións por semana (venres e sábado) en Área Central.Ver máis
Os dereitos do neno e da nena
Trátase dunha serie de actividades de animación cultural, compostas por actuacións teatrais, contacontos e obradoiros de ilustración, talleres de lectura e debuxo. O fío condutor da campaña son os títulos relativos á colección infantil de contos "Os dereitos dos nenos e das nenas" de Baía Edicións. As actividades desenvolveranse no mes do outubro no centro de ocio El Puerto da Coruña, no mes de novembro no centro comercial Dolce Vita odeón de Ferrol e no mes de decembro no centro comercial A Ponte Vella de Ourense. Ver máis

Contos para falar
En colaboración con Rodeira (grupo EDEBÉ), presentamos esta campaña que consiste na realización dos seguintes obradoiros: dúas montaxes narrativas e musicais –unha para nenos de 3 a 6 anos e outra, de 6 a 9 anos– e unha montaxe sobre a Odisea para rapaces de entre 9 e 12 anos. Serán 171 sesións distribuídas en 42 concellos. Ver máis



