Sumario del Diario Oficial de Galicia Diario Oficial de Galicia martes, 9 de xaneiro de 2007 III. OUTRAS DISPOSICIÓNS Número do Dog: 6 Páxina do Dog: 362 Data da Disposición: 29 de decembro de 2006 Sección: III. OUTRAS DISPOSICIÓNS Organismo: CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA Rango: Resolución Título: Resolución do 29 de decembro de 2006, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega nos ámbitos da familia, da infancia e da mocidade. Resolución do 29 de decembro de 2006, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega nos ámbitos da familia, da infancia e da mocidade. De acordo co disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, a Xunta de Galicia promove o uso do galego, lingua propia de Galicia. Por isto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado o 22 de setembro de 2004, e de acordo coa normativa vixente en materia de subvencións, fai pública esta convocatoria, mediante a que pretende animar as entidades privadas sen fin de lucro a que realicen actuacións encamiñadas a aumentar o uso social da lingua galega a partir do seu emprego nos ámbitos da familia, da infancia e da mocidade. Na súa virtude, e segundo o disposto no artigo 7 do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e na súa disposición adicional segunda c), pola que se desconcentran competencias nos secretarios xerais da Presidencia, DISPOÑO: Artigo 1º.-Obxecto. Esta convocatoria ten por obxecto regular, para o exercicio do ano 2007, a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades privadas sen fin de lucro coa finalidade de ampliar os usos sociais da lingua galega segundo os criterios e medidas sinalados nesta convocatoria. As subvencións irán dirixidas a incrementar os usos do galego no ámbito da familia, da infancia e da mocidade, co obxectivo de desenvolver as medidas que se recollen no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega para estes ámbitos de actuación e que se vehiculan como segue: * Reforzar e incrementar a transmisión xeracional do galego. * Ampliar o uso da lingua galega vinculado ás tecnoloxías da información e da comunicación. * Incrementar o uso do galego nos espazos e tempos de lecer. * Apoiar aquelas actividades con incidencia na potenciación dos usos do galego no ámbito económico e sociolaboral. Os proxectos realizaranse desde o día 1º de xaneiro ata o 25 de outubro do ano 2007. Artigo 2º.-Suxeitos. Poderán solicitar as subvencións reguladas nesta resolución todas as entidades sen fin de lucro legalmente constituídas. Quedan excluídas as seguintes: a) As dependentes ou relacionadas con entidades locais, ou calquera outra Administración pública. b) As asociacións de nais e pais de alumnos. c) As diferentes agrupacións das entidades citadas nos puntos anteriores. Cada entidade/CIF solicitante poderá presentar un único proxecto, que poderá englobar unha ou varias das actividades especificadas no artigo 5º desta convocatoria. Quedarán eliminadas automaticamente as peticións que excedan este número. Artigo 3º.-Orzamento. As subvencións concederanse con cargo á partida orzamentaria 04.60.151A.481.0 por unha contía inicial máxima de 850.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias. En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 e ao disposto na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Artigo 4º.-Órgano competente para a xestión das axudas. Corresponderalle á Secretaría Xeral de Política Lingüística a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias. Para isto crearase unha comisión de avaliación presidida pola subdirectora xeral de Política Lingüística, ou persoa en quen delegue, composta polos seguintes membros: -A xefa de Servizo de Xestión e Promoción Lingüística. -Un técnico da Secretaría Xeral de Política Lingüística. -Dous representantes da Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. -Un funcionario da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que actuará como secretario, con voz e sen voto. Artigo 5º.-Actividades subvencionables. Terán a consideración de subvencionables todas as accións que desenvolvan as seguintes medidas ou incidan en cuestións relacionadas con elas: a) Nas familias. * Potenciar a transmisión da lingua galega no seo da familia. b) No ámbito económico e sociolaboral: * Propiciar que as persoas responsables dos servizos persoais á comunidade (educadores/as, traballadores/as sociais, monitores/as, asistentes sociais, técnicos/as culturais etc.) sexan dinamizadoras da lingua galega, completando a súa formación lingüística e sociolingüística e de lecer con maior demanda entre a mocidade. * Fomentar o uso do galego nos ámbitos sociais de máis impacto e máis utilización por parte da xente nova. * Fomentar o uso da lingua galega en ámbitos habitualmente frecuentados pola mocidade. c) Nas tecnoloxías da información e da comunicación e nos espazos e tempos de lecer: * Promover o desenvolvemento de actividades de lecer en lingua galega para a infancia e a mocidade e estimular a participación nestas de nenos e nenas. * Interrelacionar mozos/as de diferentes ámbitos xeográficos e perfís lingüísticos a través de actividades de lecer. * Fomentar a realización de obradoiros de lingua que presenten o galego como unha actividade lúdica, co obxectivo de desfacer prexuízos entre a mocidade e de constituír un ámbito onde se practique de forma efectiva a lingua. * Promover a creación de soportes diversos en galego (revistas en papel e en formato electrónico, sitios web, cadernos...) que difundan actividades de interese para a mocidade (música, deportes, cine, videoxogos...), promocionando as actividades de grupos e colectivos locais. * Incorporar a produción cultural galega aos espazos de lecer e impulsar a aparición en galego dos xéneros e das estéticas que hoxe teñen éxito entre rapaces/as e mozos/as. * Incorporar, con formas novas, a riqueza lingüística e o patrimonio cultural de Galicia ás actividades de lecer destinadas á xente nova ou urbana. * Elaborar recursos para o lecer e xogos en lingua galega, con especial atención á xente nova. * Crear e adaptar ao galego programas e xogos informáticos destinados á infancia e á mocidade. * Incentivar a vinculación entre a natureza, o turismo rural e a cadea ecolóxica cos nomes das cousas e dos lugares e coa lingua que neles se creou e pervive. En todo caso, sempre que as actuacións vaian dirixidas a algunha ou varias destas medidas, poderán ser obxecto de subvención tanto os plans xerais de fomento da lingua galega, como a creación de gabinetes de Normalización, a confección de documentación (publicacións, banda deseñada, voceiros, folletos, revistas e boletíns, material lúdico, etc.), as actividades de creación audiovisual e na internet, a realización de programas de radio e TV non publicitarios, o desenvolvemento de actividades culturais (congresos, premios, animación sociocultural, obradoiros, certames...), as campañas de sensibilización e a publicidade en calquera soporte, os portais e páxinas web, entre outras. Artigo 6º.-Requisitos. Os proxectos beneficiarios das subvencións outorgadas ao abeiro desta convocatoria deberán cumprir as seguintes especificacións: * Só se subvencionarán proxectos que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro), e nas normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega na sesión plenaria do día 12 de xullo de 2003). * Os proxectos subvencionables respectarán rigorosamente a toponimia oficial de acordo co preceptuado no artigo 10 da citada Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingúística * As actuacións propostas non poderán coincidir literalmente con outra lingua. En todo caso, e para estes efectos, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon ao dispor dos posibles adxudicatarios os seus servizos técnicos. Artigo 7º.-Criterios de concesión e de valoración. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica e financeiramente viables e os criterios preferentes de concesión, coa súa correspondente valoración, serán os que a seguir se relacionan: Criterios de valoraciónPuntos O alcance da actividade que se pretende realizar, entendéndose como tal tanto o sector xeográfico que afecta coma a súa incidencia no tecido socioeconómico.0-30 O grao de relación coas medidas que, vinculadas ao incremento de usos da lingua galega na infancia e na mocidade, aparecen no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e que se inclúen no artigo 5 desta resolución.0-25 A experiencia no desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística e de lecer entre a infancia e a mocidade e de actuacións de transmisión xeracional nas familias.0-10 O grao de elaboración, a creatividade e a innovación do proxecto.0-10 O número (estimado) de interesados a que vai dirixido o proxecto.0-10 O peso específico da entidade solicitante ou o número de entidades que agrupa.0-5 O grao de normalización lingüística das entidades solicitantes.0-5 O carácter permanente da actuación.0-5 Con carácter xeral, as propostas valoraranse de acordo cos criterios de concesión especificados na táboa precedente, con suxeición estrita ás dispoñibilidades orzamentarias da presente convocatoria. Non obstante o anterior e co fin de evitar posibles duplicidades na concesión das axudas, optarase por primar os proxectos de entidades tales como confederacións, federacións, coordinadoras e análogas, desestimando as propostas para a realización de actividades iguais ou similares cursadas polas asociacións de menor ámbito socioeconómico que se encontren englobadas naquelas. Na valoración dos proxectos que desenvolvan un plan xeral de fomento da lingua galega ou que procedan dun colectivo moi amplo e de grande peso específico, repercutirase un coeficiente multiplicador proporcional ao dimensionamento, características e complexidade da proposta da entidade que a vai desenvolver e dos receptores. Artigo 8º.-Solicitudes, prazo e documentación. As solicitudes, no anexo oficial, xunto coa documentación correspondente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, que regula e determina as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e regula a atención ao cidadán. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Os interesados achegarán a seguinte documentación na orde que se cita: 1. Solicitude debidamente cuberta e asinada, utilizando o anexo desta convocatoria. Nela especificaranse claramente as características dos proxectos, sendo estritamente obrigatorio que todas as epígrafes aparezan cubertas, coa finalidade de poder ser valorada pola comisión que se enuncia no artigo 4º. 2. Fotocopia compulsada dos estatutos debidamente rexistrados. 3. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación legal, mediante fotocopia compulsada da acta en que se recolle o nomeamento como cargo que ten a capacidade de representación legal da entidade ou, se fose o caso, mediante resolución do órgano competente en que se lle concede ou delega (no que asina a solicitude) o poder de representación. 4. Fotocopia compulsada do CIF da entidade. 5. Certificado orixinal actualizado en que consten os datos bancarios completos, selado e asinado pola entidade financeira. 6. Declaración responsable do número estimado de interesados a que vai dirixido o proxecto e, se é o caso, do número de entidades que agrupa a solicitante. 7. Cando se trate de rotulación permanente e da rotulación ou impresión que teña fins publicitarios, na etiquetaxe e embalaxe, así como na documentación permanente e papelaría, deberase acompañar o texto en galego que se pretende imprimir. O citado texto deberá vir corrixido por algún especialista en lingua galega, para isto a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon ao dispor dos interesados os seus servizos técnicos e o persoal dos gabinetes de Normalización Lingüística situados nas delegacións provinciais. 8. Memoria explicativa na cal se detallen as actividades que integran o proxecto para o cal se solicita a subvención, achegando a temporalización e a cuantificación das accións que se van desenvolver e o orzamento desagregado. 9. Cando se trate de proxectos de creación ou mantemento de gabinetes lingüísticos, haberá que presentar coa solicitude a data de posta en marcha do citado gabinete e o perfil académico da persoa ou persoas que o integrarán, achegando para isto copia compulsada do título de licenciatura en filoloxía galego portuguesa ou titulación equivalente. Así mesmo, xuntarán un informe ou memoria no cal se recollan polo miúdo as funcións e actividades que vai desenvolver. 10. Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes. Artigo 9º.-Procedemento. Recibida cada solicitude de subvención e a súa documentación, será analizada e, se é o caso, requiriranse os solicitantes para que nun prazo de dez días hábiles emenden os posibles erros ou ausencias de documentación, preferentemente por correo certificado dirixido á Secretaría Xeral de Política Lingüística. San Caetano, s/n. 15781 Santiago de Compostela. Se transcorrido este prazo non se eliminaran as deficiencias observadas, os expedientes arquivaranse sen máis trámite. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos da orde de convocatoria serán valoradas pola comisión segundo os criterios establecidos no artigo 7º. Posteriormente, a presidenta da comisión elevaralle a proposta correspondente á secretaria xeral de Política Lingüística, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e poralle fin á vía administrativa. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Secretaría Xeral de Política Lingüística no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Entenderanse desestimadas as solicitudes, de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromisos. No prazo máximo de dez días contados a partir da publicación da resolución, as entidades seleccionadas terán que lle comunicar por escrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística a súa aceptación da subvención concedida e dos compromisos que isto supón. Tamén por escrito e no mesmo prazo de dez días, deberán comunicarlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística as renuncias ás subvencións concedidas, expresando as circunstancias polas que se producen. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a remitir a xustificación correspondente, segundo se recolle no artigo 11º desta convocatoria, e a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal foron concedidos e non poderán solicitar o cambio para outro proxecto. Tamén teñen a obriga de lles facilitar aos servizos competentes da Secretaría Xeral de Política Lingüística toda a información que se lles requira. Así mesmo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá comprobar, cando o considere conveniente, por medios internos ou externos, a execución dos proxectos subvencionados. Nas publicacións en soporte papel, audiovisual ou na rede, e unicamente nestes casos, constará o carácter público do financiamento da Xunta de Galicia, coa mesma técnica que os créditos da entidade promotora, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa que poderán consultar no seguinte enderezo: www.xunta.es/identidade-corporativa/pax/pax03.htm da web da Xunta de Galicia. O texto deberá ser: «Subvencionado pola Presidencia da Xunta de Galicia. Secretaría Xeral de Política Lingüística». A utilización indebida e/ou incorrecta deste texto será motivo de perda da subvención. Artigo 11º.-Xustificación. O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que a seguir se relaciona, nas condicións recollidas nesta orde, ábrese a partir da publicación da concesión das axudas e rematará o día 31 de outubro do ano 2007. Ata esa data as entidades deberán remitirlle a seguinte documentación á Secretaría Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no cal se cite o número de expediente e os documentos achegados: 1. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ao da axuda outorgada, excluído o IVE. Unicamente se cursarán requirimentos no caso da existencia de facturas que presenten defectos de forma. 2. Só se admitirán xustificantes relativos a gastos de material e servizos necesarios para a realización da actividade subvencionada, consonte o expresado na memoria descritiva e no orzamento presentados xunto coa solicitude. 2.1. Con carácter xeral, non terán a consideración de subvencionables os conceptos que a seguir se relacionan: a) Adquisición de material inventariable (ordenadores, cámaras, etc.); consumibles (cartuchos de tinta, disquetes, carretes de fotografías, cintas, etc.); material de oficina (bolígrafos, arquivadores, etc.) b) Compra de libros, material didáctico ou vestiario, con distintos fins dentro das accións que se propoñan. Só se aceptará este tipo de gasto cando se acredite que resulta imprescindible para a realización do proxecto (o que se fará constar na memoria que se xunte á solicitude) e sempre que no concepto das facturas que se acheguen conste a actividade desenvolvida. c) Gastos de desprazamento, manutención e aloxamento, axudas de custo e quilometraxe. d) Alugueres dos locais da entidade e gastos correntes de funcionamento. e) Gastos relativos á celebración de ágapes e actos análogos. f) O imposto sobre o valor engadido (IVE) será subvencionable cando a entidade acredite que non está dada de alta no imposto sobre o valor engadido, mediante certificación expedida pola correspondente axencia tributaria ou delegación do Ministerio de Economía e Facenda. Admitiranse as nóminas de persoal da entidade sempre que se xunte unha certificación na cal se especifique a parte proporcional dedicada á realización das accións subvencionadas, en tempo e custo. Na elaboración de revistas, voceiros, boletíns, folletos e similares, o gasto xustificarase preferentemente con facturas expedidas por imprentas e coas relativas á súa distribución, de ser o caso. As datas dos xustificantes estarán comprendidas entre o día 1º de xaneiro e o 25 de outubro do ano 2007. 3. Relación numerada dos xustificantes mencionados no punto anterior, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma total da relación. 4. Mostras materiais da realización do proxecto subvencionado (informe de prensa, disquetes, publicacións, fotografías lexibles, vídeos, gravacións magnetofónicas, etc.) e do correcto emprego do galego nos termos do artigo 6º desta convocatoria. Cando se trate de actividades de dinamización sociocultural e de lecer achegarase un informe completo que acredite a realización de todas as actuacións proxectadas. 5. Os gabinetes de Normalización que resulten subvencionados deberán presentar copias compulsadas do contrato das persoas que o integran, debidamente rexistrado, e das nóminas subseguintes, por un importe mínimo equivalente ao da axuda concedida. Así mesmo, haberán de xuntar un informe no cal se especifiquen e documenten as actividades realizadas, coas mostras materiais que consideren oportunas como soporte do mencionado informe ou memoria. 6. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, na cal se especifique claramente a clave do expediente ou ben o concepto subvencionado. De ser afirmativa, deberá expresar os importes e a súa procedencia e xuntar facturas ou xustificantes de gasto por unha contía equivalente á suma do total das subvencións para idéntico obxecto. Os beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas. O incumprimento de todo o anterior por parte dos interesados dará lugar ao arquivo do expediente sen máis trámite. Artigo 12º.-Libramento dos fondos. Cumpridas correctamente as obrigas recollidas no artigo 11º, a Secretaría Xeral de Política Lingüística proporá o libramento dos fondos de acordo coa normativa orzamentaria vixente. O pagamento da axuda poderá minorarse porcentualmente en función do gasto xustificado. Nos proxectos con compromiso de contratación, non se aboará o pagamento en tanto non se remitan as copias dos contratos de traballo rexistrados e as nóminas subseguintes. Artigo 13º.-Perda da subvención. Calquera alteración da actividade verbo dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas nesta resolución, terá como consecuencia a revogación da axuda. A entidade interesada terá que reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, e mais os xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento. No caso de que se lle conceda outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia da presente convocatoria, a entidade terá que llo comunicar á Administración. A este respecto, é de aplicación o disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo o cal o importe da subvención se minorará cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100% do investimento. Artigo 14º.-Rexistro de axudas e subvencións. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, en cumprimento co disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Secretaría Xeral fará públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións concedidas así como as sancións impostas aos beneficiarios. A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que comunicarlle expresamente á Administración, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación na convocatoria de subvencións ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido. Disposicións derradeiras Primeira.-Facúltase a secretaria xeral de Política Lingüística para ditar, no ámbito das súas competencias, as aclaracións precisas con relación a esta resolución. Segunda.-Esta convocatoria adáptase ao carácter básico do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro, de aplicación xeral de subvencións, e ao seu desenvolvemento Terceira.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2006. María Sol López Martínez Secretaria xeral de Política Lingüística © Xunta de Galicia Información mantida pola Xunta de Galicia Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza Correo electrónico: webdoga@xunta.es