
Unha ducia de carriños aparcados na planta baixa da Casa da Cultura de Boiro auguraba unha mañá entretida para moitos bebés e mais para os seus pais. Arriba, no salón principal do edificio, todo estaba preparado. As butacas, completamente baleiras, contemplaban como sobre o escenario había varias mantas de cores, uns pequenos sofás e algún que outro boneco de peluche que non tardaría en atopar refuxio entre as mans dos pequenos.
Por un día, pais e nenos eran os protagonistas e, como tales, tamén estaban sobre o escenario, sentados no chan e rodeando a Uxía Senlle e o músico Serxio Tano. Comezaba o Encontro dos Axóuxeres e facíao coa canción “Alegría” coa que se pretendía darlles a benvida ás familias e convidalas a gozar duns momentos de diversión.
Os cativos, moi participativos
Os nenos, que lucían no pescozo cadanseu pano co emblema de "Xeración E logo!", non tardaron en sumarse á festa: daban palmas, levantaban os brazos e ata bailaban. Pero, sen dúbida, foi coa "Canción do señor Noé" coa que máis gozaron. Cantaron canto quixeron e máis, imitando os animais ao ritmo dunha letra moi animada: "Alá vai o señor Noé, comandando o batallón, // o mono vai sentado na cabeza do león, // o gato fai miau, miau, miau, // o can fai guau, guau, guau, // perú fai gluuuuuuuu, // o carneiro fai bee, bee, bee, // e o galo cando quer, fai queré quequé quequé".
O encontro foi transcorrendo baixo un ambiente moi íntimo, sempre con música en directo e a voz de Uxía Senlle ao natural, sen a axuda de micrófono ningún. Unha das nais, Cati Vilanova, que acompañaba o seu filló André, cualificaba o evento de "próximo, moi dinámico e que permitía a participación". De feito, "André goza moito da música. Na casa poñémoslle música tradicional, entre outras cousas porque seu pai toca nun grupo e a verdade é que hoxe gozamos moito os dous. Foi precioso".
Alberto García tamén se amosaba sorprendido co seu neno Roi, que estivo "moi atento, participaba e daba palmas. Vino moi concentrado. Pensei que ía ser máis difícil".
Distintos instrumentos
As familias tamén tiveron ocasión de escoitar a "Canción do alecrín" que, como explicaba Uxía Senlle, cántase en Galicia, Portugal e
Brasil, ademais doutras, como "Eu chorar chorei" ou "A laranxa foi á fonte".
Ademais da guitarra, o cavaquiño, a pandeireta e o pandeiro puxeron máis ritmo, se cabe, á mañá. Pero a sorpresa chegaría dentro da barriga dun hipopótamo de boneco que escondía ducias de axóuxeres de cores con forma de ovo, un para cada pai e para cada neno. Moitos non podían deixar de movelos, mesmo antes de que Uxía comezase a cantar un "lará lará laralalalá", para o que pedía a percusión de todos os axóuxeres que había sobre o escenario.
Finalmente, entre aplausos e sorrisos, aínda houbo tempo para un par de bises. Na despedida, Uxía pedíalles aos pais que lles aprendesen as cancións aos fillos na casa co material que levaban. Todos os que acudiron ao encontro recibiron unha pequena publicación con cantigas e poemas tradicionais infantís.
Desexando repetir
Moitos dos asistentes, como Cristina Vázquez, confesaba que "gocei eu máis que o meu neno. Foi unha pena, porque cando mellor o estaba a pasar rematou". Ademais, cualificaba de moi positiva a experiencia porque "o galego pódese perder dentro de dous días se non se fan cousas coma esta". De feito, ao finalizar o encontro, varias nais pedían que se volvese repetir o encontro e, a ser posible, nunha sesión dobre.
Pola súa banda, José Daniel Alcalde, que levaba no colo a súa nena Xiana, explicaba que "se debería de promover máis o galego, sobre todo nas cidades, porque senón vai desaparecer". Da mesma opinión era Alberto García, para quen o encontro "foi moi útil". Ao tempo, animaba as familias a que "acostumen falar en galego cos fillos, ensinándolles a lingua con materiais coma os que hoxe levamos".

Canta cos axóuxeres