
O programa Ben falado! retomou o 7 de xuño a súa emisión. Este microespazo televisivo de catro minutos dedicado á lingua galega volve á grella da TVG a partir das 15:30 horas, de luns a venres. Dirixido e presentado polo académico da lingua galega e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xesús Ferro Ruibal, busca ensinarlle ao espectador máis sobre o galego nun espírito cordial e positivo.
Con preto de 250 capítulos xa emitidos, Ben falado! achégalle ao espectador diversos aspectos arredor da lingua galega: explicacións sobre apelidos e nomes de lugares, curiosidades léxicas, gramaticais e ortográficas, o sentido de ditos e refráns etc.
Ecoloxía lingüística
Mantendo o formato da xeira anterior, o programa, que xa ten previsto emitir outros 230 episodios, introduce como novidade dúas seccións mensuais. Na primeira delas situarase a estrutura da lingua galega no contexto das linguas románicas para entender o seu proceso de normalización. Deste xeito, poderase coñecer como foi o proceso evolutivo do latín ao galego, é dicir, como evolucionaron as verbas do latín ao noso idioma e como foi esa mesma conversión noutras linguas romances.
A outra nova sección, Ecoloxía Lingüística Internacional, será un noticiario con información sobre os acontecementos e procesos de normalización lingüística que se están a realizar por todo o mundo, tratando de situar o esforzo de normalización lingüística do galego no contexto mundial. Prestarase, deste xeito, unha especial atención á ecoloxía lingüística, un movemento que busca o achegamento a moitas linguas que non contan, nin sequera, con tradición escrita.
Un programa de referencia na grella da TVG
O espazo conducido por Ferro Ruibal, ao longo da súa emisión, tamén se encargou de amosar como foi a lingua galega na Idade Media e o que é hoxe nun contexto internacional: novas tecnoloxías como tradución automática, a síntese de voz, o mundo dos blogs, o Punto Gal, as televisións escolares en galego etc. Así mesmo, o programa deu a coñecer especialistas estranxeiros que traducen a nosa literatura ás súas linguas ou que fan dicionarios bilingües para poderen despois traducir do galego ás súas linguas e viceversa.
Deste xeito, o obxectivo desta nova tempada seguirá sendo informar, educar e achegar o galego aos espectadores dun xeito sinxelo e ameno. Como explica Ferro Ruibal, o programa Ben falado!, a través de entrevistas e reportaxes, busca achegar os televidentes a diferentes situacións cotiás da nosa lingua, como "o esforzo normalizador dun centro escolar” ou exemplo de persoas que aprenden o galego en universidades estranxeiras e que o falan con naturalidade". Un formato co que, en definitiva, se busca que "a xente se sinta mellor coa súa lingua".
O programa Ben falado! pode verse de luns a venres na TVG, ás 15:30 horas, e tamén na sección á carta da web da CRTVG.
