Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio

Bocaberta


todas as actividades actividades por data

Xa está en marcha o programa Bocaberta 2010-2011, unha iniciativa coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca promover a lingua galega entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos. As actividades que conforman Bocaberta están elaboradas desde os intereses dos nenos e dos mozos co obxectivo fundamental de propiciar a súa participación activa a través da palabra.

Este programa de dinamización lingüística lévase a cabo en colaboración con 14 entidades, entre as que hai editoriais, discográficas, empresas de dinamización propiamente dita e artistas. A natureza das actividades responde aos intereses dos nenos e dos mozos e cobre un amplo abano de tipoloxías. En total, 747 accións coas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística chegará a máis de medio millón de rapaces e rapazas e estará presente en todos os concellos de Galicia.

Algunhas destas accións xiran arredor da música pop, como os concertos do grupo Azou, de nova creación, que irán precedidos de cadanseu obradoiro de hip hop. Detrás da canción é outro obradoiro, organizado en colaboración con Eme2, que está destinado a aprenderlles aos mozos como crear, gravar e difundir música en galego cos recursos que ofrecen as tecnoloxías da información e da comunicación. Cada un dos talleres programados para Detrás da canción irá seguido dun concerto do grupo The Homens. Para o desenvolvemento desta actividade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística contará co apoio da Secretaría Xeral de Medios.

Se as iniciativas anteriormente sinaladas se dirixen a un público adolescente, outras actividades musicais están pensadas para os máis cativos. É o caso dos concertos do coñecido grupo Mamá Cabra, organizados xunto coa editorial Galaxia e da actividade En clave de conto, de OQO Editora, que levará por Galicia adiante un musical de gran calidade. Estes dous eventos musicais irán acompañados de obradoiros para nenos ou para nenos e familias nos que se requirirá a participación activa dos asistentes.

A estas actividades musicais súmase o obradoiro de xogos e cancións Canta música!, que a SXPL levará adiante con Pablo Díaz.

A banda deseñada, elemento de interese dentro da cultura xuvenil, centra o obradoiro Ti creas a historia, impartido por Anxo Fariña, e as accións arredor da revista Galimatías (publicada por El Patito Editorial), que inclúen a propia difusión da revista, o web a ela asociado e os obradoiros impartidos por Fran Bueno.

Outras propostas xiran arredor da maxia. Son Atrapado na torre, de Everest, Contos de maxia, de Xerais, e Abrapalabra, de Galaxia.

Co fin de fomentar a expresión en galego, programouse a actividade Palabras no ar, na que colabora a editorial Kalandraka. Consta de obradoiros de oralidade, de escrita creativa e de gráfica creativa e mais dun web e de diversas emisións radiofónicas que permitirán difundir o froito do traballo neles realizado. A fomentar a expresión oral en galego tamén se dirixe o obradoiro de teatro programado da man da editorial Tambre, con Señor Mundo, dígame? Os monicreques de Cachirulo representarán Vive os contos, publicada pola editorial Ir Indo.

Tamén será posible participar, no marco do programa Bocaberta, nunha xincana que terá continuidade a través das actividades en liña dun web especialmente creado para a ocasión. Nesta actividade, A guerra das bruxas, a SXPL irá da man da editorial Rodeira e da empresa de servizos lingüísticos Reverso.

Vídeo do programa

 

 


Destacados anteriores

Achégate ao programa Bocaberta

 

A través da redes sociais

No boletín electrónico do programa

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a