Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio

bUSCatermos, por fin ao alcance de todos

O bUSCatermos é unha base de datos terminolóxica en liña da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Compila información sobre máis de 150.000 conceptos das áreas especializadas máis diversas (ciencias da saúde, dereito, botánica, zooloxía, educación, historia, xeografía...). Para cada un deses conceptos recóllense as denominacións máis habituais en galego e, case sempre, tamén as empregadas nas linguas do noso contorno (fundamentalmente, castelán, inglés e portugués). A suma de todas estas formas lingüísticas supera as 450.000, o que converte bUSCatermos no recurso lexicográfico máis amplo existente para a lingua galega. Ademais, en cada entrada dáse información sobre a área temática a que pertence cada concepto, a definición e as fontes en que se documenta toda a información recollida.

Ata o momento, bUSCatermos funcionaba en pechado para os usuarios da universidade compostelá, pero un convenio entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a USC permite agora abrila gratuitamente a toda a cidadanía, co que se responde á demanda de moitos internautas que amosaran o seu interese por esta ferramenta.

bUSCatermos pode ser útil para calquera persoa que busque mellorar a calidade lingüística dos seus textos en galego e mesmo noutras linguas. Endebén, a súa utilidade é especialmente significativa para tres colectivos:

  • Os docentes das diversas disciplinas
  • Os profesionais da mediación lingüística (tradutores, correctores, técnicos de normalización lingüística...)
  • Os profesionais da comunicación (xornalistas, guionistas, redactores especializados...)

Paralelamente, o convenio entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Universidade de Santiago permitiu revisar e depurar a base de datos; deseñar unha nova aplicación optimizada e migrar os datos cara a ela. Deste xeito, ampliouse a información que contén cada entrada e melloráronse as facilidades para as buscas. Ademais, estes cambios flexibilizan o bUSCatermos, de xeito que poida converterse nun corpus aberto e en permanente actualización.

Como facer as buscas
bUSCatermos permite dous niveis de traballo (‘Busca sinxela’ e ‘Busca avanzada’) desde os que se pode interrogar a base de datos sobre a práctica totalidade da información que nela se recolle:

    1. Saber como se chama nunha lingua X un concepto do que só coñecemos o seu nome noutra lingua.

      a. Este tipo de busca pode facerse tomando como lingua de orixe e de destino calquera das que forman parte da base de datos.
      b. A busca pode facerse por palabras completas ou por partes de palabra.
      c. Os resultados poden filtrarse segundo a área temática, a valoración da denominación galega, a categoría gramatical da palabra buscada etc.

    2. Descubrir a definición dun termo do que só coñecemos o nome, ben buscando directamente nas definicións, ben facéndoo polo seu nome para ver de que forma é definido.

    3. Determinar a que área temática pertence un termo.

Por todo o devandito, bUSCatermos constitúe unha ferramenta de indubidable utilidade para todas as persoas que pretenden empregar o galego como lingua de comunicación en temáticas especializadas, mantendo a calidade e a precisión esenciais para este tipo de comunicación.

Plan xeral de normalización
Coa mellora e coa apertura do bUSCatermos a toda a sociedade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística contribúe a alcanzar os obxectivos deseñados no Plan xeral de normalización da lingua galega nos sectores transversais de novas tecnoloxías e implementación do corpus, coma o de “potenciar a presenza da lingua galega en internet” ou o de “pór ao alcance dos cidadáns e dos sectores profesionais os medios formativos, didácticos, técnicos, lingüísticos e terminolóxicos suficientes que lles aseguren unha completa capacitación lingüística e un emprego doado do galego nas súas actividades profesionais”.

Acceso ao bUSCatermos

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a