Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » POLÍTICA LINGÜÍSTICA

Campañas

CAMPAÑAS ACTUAIS

Programa de Dinamización Lingüística Bocaberta

Bocaberta é o programa de dinamización lingüística que ten como obxectivo fomentar o uso da lingua galega nas franxas máis novas.  Trátase dun ambicioso programa de actividades, que se desenvolverán coa colaboración das principais editoriais en preto de 300 concellos de toda Galicia, dirixidas a nenos e mozos de entre 3 e 18 anos. Teatro, grafitti, emisións radifónicas, contacontos, exposicións, proxeccións audiovisuais... conforman Bocaberta. Está previsto que participen este ano en Bocaberta arredor de medio millón de nenos. Ademais, participan 11 editoriais nunha iniciativa na que os libros son unha parte da xénese do proxecto, que ten a oralidade como eixo fundamental. Desde Política Lingüística preténdese poñer en valor o poder da palabra a través da riqueza da nosa tradición oral, por iso algunhas das actividades de Bocaberta promoven a lingua galega mediante a recuperación dos contos populares e as músicas tradicionais.

 

Festa dos axóuxeres

As primeiras palabras que pronunciamos son a chave para abrir unha porta cara a nosa lingua e a nosa cultura. As Festas e os Encontros dos Axóuxeres son un espectáculo para o teu bebé e para toda a familia. Celébranse no mes de setembro e a entrada é de balde. Axóuxeres é unha proposta para beber cantigas, brincadeiras e aloumiños, metelos nos petos e levalos para a casa, para que o galego siga pasando de pais e nais a fillas e a fillos. Ver, cheirar, gustar, tocar, escoitar, falar con todos os nosos sentidos, isto son as festas e os encontros dos Axóuxeres. Axóuxeres é un espectáculo de palabras, arrolos, música, poesía, teatro…, un encontro para festexar a lingua galega.

 

Móbil en galego

www.oteumobilengalego.com: portal creado para que os usuarios e as usuarias poidan acceder a todos os recursos dispoñibles na nosa lingua para os seus terminais de telefonía e a toda a información sobre as compañías que lles ofrecen aos seus clientes produtos ou servizos en galego.

Permite coñecer os terminais que hai actualmente no mercado coa opción do galego e mediante que operadoras conseguilos. Disponse ademais a posibilidade de actualizar o móbil a través das descargas dispoñibles en "Galeguiza o teu móbil".

 

Xeración E Logo!

Nova Xeración E Logo!

Con esta campaña, 15.000 familias recibirán materiais que se van distribuír a través da rede de centros do Servizo Galego de Saúde para todas as mulleres embarazadas. Así, a través das xerencias de Atención Primaria da Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo e da Área Sanitaria de Ferrol distribuiranse estes maletíns nos centros de atención primaria, nos hospitais e nos centros de orientación familiar. Tamén os centros médicos privados distribuirán os materiais.

Na consulta do seu médico, as futuras nais recibirán un maletín con información, consellos para o embarazo, un caderno de xestación, unha escolma de nomes galegos de neno e de nena, recitativos para o bebé e un CD que este ano se renova con base no jazz. En Aloumiños de seda, Abe Rábade púxolles música a seis poemas doutros tantos autores galegos. Ademais, o maletín inclúe outra novidade, un adhesivo deseñado polo debuxante Kiko Da Silva para lles pedir precaución aos condutores e sinalizar a presenza no coche do bebé. 

 

Palabras encadeadas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta pola promoción do galego dende a rede. Quere compartir un espazo virtual para poñer en valor a contemporaneidade, a utilidade, a expresividade e a vitalidade da lingua galega e, sobre todo, para compartir o seu uso.

Nesta ocasión as palabras, o material de construción da nosa lingua, serán as protagonistas. Desta volta preténdese convivir coas palabras, prendelas, apreixalas, rotalas, fotografalas, encadealas, gravalas en vídeo... Usarense as palabras, as moléculas do galego, para afrontar todo iso que temos por percorrer, por inventar, por vivir, por aprender, por transmitir. E logo! En galego, temos todo por vivir.  

 


 

Campañas anteriores

 

nomes de bebé, galego, lingua galega, idioma galego, gallego, lengua gallega, idioma gallego

 

 

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a