
Palabra, música, escrita e arte serán as protagonistas durante a vindeira hora. Estamos nunha das sesións de "Contar e cantar: ler na nosa lingua", unha das iniciativas de animación á lectura que organiza Kalandraka en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Cada día hai unha sesión diferente, xa que Ana e Pablo, o equipo de animación á lectura de Kalandraka, se adaptar ás idades dos escolares que van en cada grupo.
Desta vez, cincuenta cativos duns oitos anos están preparados para rir, cantar e recibir algún que outro susto. Veñen do CEIP Isaac Peral de Ferrol, aínda que para esta ocasión se transformaron na “Casa dos Contos do Peraliño”. Non vivirán unha sesión de contacontos habitual e, de primeiras, sorpréndense ao recoñeceren as cerámicas de Francisco Pérez Porto ilustrando a obra de Kalandraka “Solaina”.
No lugar van poder descubrir como os debuxos que ilustran o conto “Os tres osos” son unha colaxe na que se mesturan a tea, a cortiza, o estropallo ou o papel dos bombóns. Verán tamén a reprodución en plastina que ilustra “Os sete cabritos”, os fermosos debuxos da obra “Chibos Chibóns” ou unha gran máscara de lobo feita para “A verdadeira historia de Carapuchiña”.
Mostra de arte
Fican tamén abraiados ao saberen que un libro pode ser música ao mesmo tempo e que as obras que poden ler cada día tamén son arte, porque están nunha exposición na que se demostra que os libros dos máis novos teñen moita vida e fan aflorar moitas sensacións. E para ir entrando en materia, Pablo cántalles un arrolo e vailles presentando instrumentos da cultura popular galega, como a gaita, as castañolas, a pandeireta, a pandeira, o acordeón, o clarinete... “Hai moitos instrumentos que non coñecen os nenos, polo que no aspecto informativo e didáctico é importante que vexan a variedade que temos na nosa tradición”, explica Pablo Díaz. Doutra banda, a música, neste tipo de sesións, proporciónalle ritmo á narración dos contos, crea ambiente e enriquece a bagaxe cultural dos cativos.
A forza do binomio entre contos e música comeza a verse cando Ana Abelenda relata a historia da ratiña presumida. “Dependendo da idade dos nenos, relátolles un determinado tipo de historias”, explica. E, con algo de timidez e vergoña, os nenos vanse metendo na primeira narración e cantan ao ritmo que marca o clarinete de Pablo. Xa animados, móvense ata outro dos espazos da sala, onde hai unha reprodución de gran formato da casiña de chocolate dos irmáns Grimm.
Interactuar coa música
Os pequenos escoitan con atención esta historia de terror e medo na que os protagonistas, Hansel e Gretel, son abandonados no medio do monte e chegan á casa dunha bruxa. Nun dos momentos máis intensos do relato, Pablo dá un golpe na súa pandeira e todos os presentes pegan un chimpo de medo. Máis tarde, irán detrás del ao son do seu clarinete como se fosen ratiños seguindo o frautista de Hamelín.
Na última das historias, “Batalla de naipes”, Ana vai acompañando a narración cunha baralla de cartas. Así, os cativos poden ir coñecendo os protagonistas da historia, ver as espadas ou os paus cos que loitan, ou os cartos que gastan. Pablo, desta vez, emprega os seus instrumentos para crear efectos sonoros: o trote dun cabalo, a música dunha voda...
Finalmente, a sesión acaba cun aplauso forte por parte dos cativos. Tan receptivos están que mesmo queren poñerse a crear a súa propia historia, para que a maxia do momento continúe. “Levar iso na cabeza, querer crear un conto, é moi boa cousa. Que vir aquí lles dea ganas de inventar significa que isto foi efectivo”, comenta Pablo. Unha das mestras que acompaña o grupo, Maribel Cajide, sinala que na escola continuarán traballando coa actividade. “Nas casas xa non se lles contan tantos contos coma antes aos rapaces”, polo que este tipo de sesións tan “creativas” fainos máis receptivos á lectura en galego.
A contacontos, Ana, pola súa banda, fai referencia a que aos cativos lles gustan moito estas actividades, porque “participan, cantan e preguntan”. A idea é que “os nenos lean e que lean en galego. Queremos que despois de ver isto teñan curiosidade e vaian ata o libro, que vexan que contar contos en galego, escoitar música en galego ou cantar na nosa lingua é moi divertido”.
Máis actividades
Agora, os nenos de Vilagarcía e os de Carballo serán os afortunados que gocen coas historias de Ana e Pablo en “Contar e cantar”. Pero por toda Galicia hai ata o mes de decembro toda unha serie de actividades para animar a ler os máis pequenos. A través de contacontos, teatro, creación gráfica e música, editoras como Oqo, Rodeira, Galaxia, A Nosa Terra, Baía Edicións, Sotelo Blanco e Xerais levarán as nosas letras e os nosos sons a todos os nenos galegos.
Podes consultar aquí os lugares e as datas
