Dos cinco continentes acoden persoas cada ano aos cursos de verán de galego para estranxeiros, en Santiago de Compostela. A aprendizaxe do galego fóra de Galicia é tamén unha realidade consolidada en países moi diversos. Impártense cursos de galego en diferentes comunidades de España, en Europa, en América e en Oceanía.
Eses cursos organízanse a través de organismos distintos:
Nas universidades de fóra de Galicia. A Secretaría Xeral de Política Lingüística conta cunha rede de centros de estudos galegos, dotados de lectores que ofrecen clases de lingua e cultura galegas. Os lectores, ademais do labor docente, promoven a investigación sobre lingua, literatura e cultura galega, publicacións periódicas e, con frecuencia, organizan actividades e encontros para promover o interese pola lingua nas súas universidades.
En España contan con lectores as universidades de Alacant, a Autónoma de Barcelona, a Central de Barcelona, a de Deusto de Bilbao, a de Extremadura, a de Granada, a Complutense de Madrid, a de Murcia, a de Salamanca e a de Vitoria-Gasteiz. En Europa, existen lectorados en Alemaña, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido. Tamén en Rusia, en San Petersburgo. En América existen lectores de galego en Arxentina, Brasil, Chile, Cuba, EEUU e Uruguai. En Oceanía, na universidade de Melbourne (Australia).
O tipo de estudos da lingua galega é diferente en cada universidade, pero é un ensino regrado en todas elas e, como mínimo, é materia optativa. Na Universidade de Barcelona (UB), por exemplo, pódese cursar o itinerario de galego dentro do Grao de Linguas e Literaturas Modernas.Existen tamén convenios de colaboración con distintas universidades para a realización de proxectos comúns de investigación.
En centros galegos e institucións de todo o mundo. En cooperación con outras entidades, e mais coa Secretaría de Emigración, a Secretaría Xeral de Política Lingüística promove cursos de lingua e cultura galegas, impartidos por profesores licenciados en Filoloxía Galega, e que contan tamén cunha certificación oficial expedida en Galicia.
Ademais, ten convenios no Reino Unido, co colexio Vicente Cañada Blanch de Londres, e tamén na Arxentina. O Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires ofrécelles aos seus alumnos a posibilidade de aprender galego en todos os cursos, desde a etapa preescolar (3 anos) ata o nivel secundario (1º de bacharelato). O número de alumnos que estudan galego neste centro é actualmente de 404, nun total de catorce grupos, que asisten ás materias de Lingua e Literatura, Xeografía e Historia de Galicia.Tamén existe a posibilidade de estudar galego nalgúns centros do Instituto Cervantes.
Nas áreas estremeiras. Na comunidade de Castilla y León existen áreas galegofalantes que ofrecen a posibilidade de estudar galego no ensino regular.
