
O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia desenvolve, ademais da Lei orgánica de educación, a Lei de normalización lingüística. En consecuencia, entre os principios que guían o novo texto figura, tal e como recolle a citada lei, a adquisición dunha competencia en lingua galega igual á do castelán dentro dos límites propios de cada etapa educativa.
Outros principios a partir dos que se elaborou o decreto foron a garantía de equilibrio entre as dúas lingua oficiais –tanto cuantitativo, en número de horas semanais, como cualitativo, no tocante ao contido das materias– e mais a promoción da dinamización da lingua galega nos centros de ensino.
A lingua da Administración educativa
O Decreto 79/2010 establece que na Administración educativa de Galicia se utilizará, con carácter xeral, a lingua galega. Isto inclúe as programacións didácticas das distintas materias, con excepción das lingüísticas, que se redactarán, con carácter xeral, no idioma de referencia.
O galego, lingua vehicular das aulas
A Lei de normalización lingüística establece que a primeira ensinanza deberá impartirse na lingua do alumnado. Xa que logo, cando o idioma maioritario da aula sexa o galego, en educación infantil as clases impartiranse nesta lingua. Cando non o sexa, asegurarase o cumprimento da lei mediante a atención individualizada ao alumnado. En todo caso, as dúas linguas oficiais serán tidas en conta e o profesorado deberá procurar que os rapaces adquiran ambas en igualdade ao remate desta etapa educativa.
No resto das etapas, o galego deberá ter unha presenza horaria semellante á do castelán. Ademais, no ensino obrigatorio a Administración fixa algunhas materias que será preceptivo impartir na lingua propia de Galicia. En primaria, por ser unha área que permite adquirir un léxico variado de uso corrente e que esixe do alumnado unha importante capacidade de desenvolvemento textual á hora de facer exercicios e exames, estableceuse a materia de Coñecemento do medio natural, social e cultural. Esta materia presenta, ademais, a vantaxe de incluír contidos propios das ciencias e contidos propios das humanidades. En secundaria obrigatoria, as materias fixadas veñen corresponderse co que na etapa anterior abranguía Coñecemento: Ciencias sociais, xeografía e historia; Ciencias da natureza e Bioloxía e xeoloxía.
O Decreto para o plurilingüismo establece que deberá procurarse que o alumnado utilice o galego nas materias que se impartan nesta lingua. Tamén os libros de texto e restantes materiais deberán estar en galego.
Potenciación da lingua galega
Para asegurar a promoción da lingua galega nos centros de ensino, o Decreto de plurilingüismo dispón que se establecerá un programa regular de actividades de fomento do galego, con especial atención ao incremento do seu uso nas actividades extraescolares e complementarias.
No deseño e posta en práctica deste programa terá un papel determinante o equipo de dinamización da lingua galega, que deberá constituírse en todos os centros sostidos con fondos públicos. O coordinador do equipo participará tamén na comisión que elabore cada catro anos o proxecto lingüístico do centro. Por outra banda, este coordinador terá iguais dereitos administrativos e económicos ca os xefes dos departamentos.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, mediante comisións que se establecerán en cada xefatura territorial de educación, coordinará o labor dos equipos de dinamización, difundirá as súas experiencias e ofrecerá asesoramento técnico. Ademais, a Administración educativa garantirá a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e de material en galego.
Plan de formación lingüística e sociolingüística
Para que sexa posible a docencia e, en xeral, a vida dos centros en galego, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desenvolverá un plan de formación lingüística e sociolingüística dirixido tanto ao persoal dos centros educativos coma ao dos servizos de apoio. Tamén se impartirá formación específica para o profesorado funcionario en prácticas que se incorpora ao sistema educativo galego despois de cada oposición.
Entre as accións de formación previstas neste decreto figura, así mesmo, o plan específico destinado á nova poboación inmigrante que se está a asentar en Galicia, con contidos de lingua galega, así como de historia, sociedade e cultura da nosa comunidade.
Aspectos principais:
- A educación infantil impartirase en galego cando esta sexa a lingua maioritaria do alumnado. Cando non o sexa, o profesorado procurará que todos os nenos e nenas adquiran o coñecemento da lingua propia de Galicia e atenderá os galegofalantes de xeito individualizado.
- No resto das etapas educativas, o galego terá unha presenza horaria semellante ao castelán.
- O decreto fixa o galego como lingua vehicular das materias de Coñecemento do medio, en primaria, e de Ciencias sociais, xeografía e historia; Ciencias da natureza e Bioloxía e xeoloxía, en secundaria obrigatoria.
- Nas materias impartidas en galego, os materiais didácticos estarán redactados nesta lingua e procurarase que o alumnado utilice o galego nas súas expresións orais e escritas.
- Establecerase un programa regular de actividades de fomento do galego, con especial atención ao incremento do seu uso nas actividades extraescolares e complementarias.
- Constituirase un equipo de dinamización da lingua galega que deseñará e poñerá en práctica o dito programa. O seu coordinador participará tamén na comisión que elabore o proxecto lingüístico do centro.
- A Secretaría Xeral de Política Lingüística coordinará o labor dos equipos de dinamización, difundirá as súas experiencias e ofrecerá asesoramento técnico.
- A Consellería de Educación establecerá un plan de formación que garanta a competencia en galego do persoal dos centros educativos.
- A Administración educativa elaborará un plan específico de formación lingüística, histórica e sociocultural de adultos destinado á nova poboación inmigrante.
Descarga completo o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.
