O 26 de setembro celébrase o Día Europeo das Linguas, unha idea que provén do Consello de Europa para celebrar a diversidade lingüística europea e o plurilingüismo.
"As competencias lingüísticas axudan as persoas a comprender e respectar os outros", afirmou Terry Davis, secretario xeral do Consello de Europa.

Escenario da lingua galega
O galego forma parte da diversidade lingüística española e europea. Dispón do status de lingua propia de Galicia e é cooficial xunto co castelán. O seu número de falantes habituais, 2,7 millóns, convértena nunha variedade de tamaño medio no ámbito europeo.
A diversidade lingüística é unha realidade que contemplamos acotío en todos os estados que compoñen a Unión. Aínda que vivimos no continente con menor densidade lingüística (arredor do 3% das, aproximadamente, 6.500 linguas faladas no planeta), a Unión Europea constitúe a institución máis políglota do mundo, con vinte e tres linguas oficiais, aínda que con certo grao de xerarquización nos diferentes organismos administrativos comunitarios.
Con respecto ao número de falantes, as diferenzas son moi importantes, xa que temos linguas con moitos millóns de falantes e outras de apenas uns cantos miles:
|
CON MÁIS DE 10 MILLÓNS DE FALANTES |
CON ENTRE 1 E 10 MILLÓNS DE FALANTES |
CON MENOS DE 1 MILLÓN DE FALANTES |
| Ruso: 120 millóns | Azerí: 8 millóns | Éscaro: 600 mil |
| Alemán: 90 millóns | Búlgaro: 8 millóns |
Galés: 600 mil |
| Inglés: 63 millóns | Portugués: 8 millóns | Frisón: 500 mil |
| Francés: 63 millóns | Catalán: 8 millóns | Asturiano: 450 mil |
| Italiano: 60 millóns | Albanés: 5 millóns |
Maltés: 400 mil |
| Ucraíno: 50 millóns | Dinamarqués: 5 millóns | Friulano: 400 mil |
| Castelán: 45 millóns | Eslovaco: 5 millóns | Francoprovenzal: 300 mil |
| Turco: 40 millóns | Finés: 5 millóns | Luxemburgués: 300 mil |
| Polonés: 38 millóns | Noruegués: 4 millóns | Bretón: 300 mil |
| Neerlandés: 20 millóns | Tátaro: 4 millóns | Casubiano: 200 mil |
| Romanés: 20 millóns | Lituano: 3 millóns | Corso: 120 mil |
| Serbiocroata: 16 millóns | Galego: 2, 7 millóns | Esloveno: 85 mil |
| Húngaro: 12 millóns | Letón: 2 millóns | Gaélico escocés: 70 mil |
| Grego: 11 millóns | Macedonio: 2 millóns | Saami: 50 mil |
| Bielorruso: 10 millóns | Esloveno: 2 millóns | Feroés: 50 mil |
| Sueco: 10 millóns | Occitano: 2 millóns | Aragonés: 30 mil |
| Checo: 10 millóns | Irlandés: 1,5 millóns | Mirandés: 15 mil |
| Sardo: 1 millón | ||
| Estonio: 1 millón |
a) As linguas oficiais dos estados teñen un réxime xurídico adecuado e específico, están lingüisticamentre codificadas e gozan dun uso amplo escrito e oral, con presenza en todos os ámbitos legais, sociais e educativos.
b) Entre as linguas non oficiais cómpre aínda facer varias distincións:
-
Linguas con algún grao de recoñecemento legal e de presenza social que, aínda non tendo recoñecemento oficial no totalidade do Estado, si gozan ben dalgún grao de cooficialidade (territorial, sectorial, etc.), ben dalgún tipo de estatuto diferencial. Son linguas codificadas, cun uso escrito frecuente e con presenza no sistema educativo e nos medios de comunicación.
-
Linguas minoritarias nun determinado estado, pero maioritarias noutro(s), como é o caso do alemán en Hungría ou do sueco en Finlandia.
-
Finalmente, están as linguas legalmente "invisibles", cuxos falantes non teñen recoñecidos dereitos lingüísticos. Un caso distinto son o irlandés e o luxemburgués, linguas oficiais nos seus respectivos estados (Irlanda e Luxemburgo), mais non oficiais nas institucións europeas ata o momento (a oficialización do irlandés realizouse no ano 2007).
Un dos aspectos máis rechamantes da política lingüística en Europa é a inexistencia dun recoñecemento legal, explícito e concreto, da existencia de linguas minoritarias e rexionais na UE. Existen distintos documentos que recollen a existencia da diversidade ou a intención declarada da UE de traballar a prol desa diversidade lingüística e cultural. Pero ese recoñecemento non supuxo ningún tipo de cambio do marco legal xeral.
Cómpre recoñecer que a UE dispón dun instrumento legal de vital importancia: a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. A Carta é unha convención aprobada polo Comité de Ministros do Consello de Europa en 1992. Consiste no único instrumento xurídico internacional, destinado a protexer e promover as linguas rexionais ou minoritarias. O seu obxectivo é fundamentalmente cultural e preténdese asegurar o emprego destas linguas no ámbito da educación e dos medios de comunicación, así como fomentar a súa presenza nos ámbitos xurídico e administrativo, na vida social dos estados e nas actividades culturais.
O 13 de xuño de 2005, o Consello da Unión Europea tomou dúas decisións lingüísticas de enorme transcendencia: en primeiro lugar, aceptouse parcialmente o memorando presentado en decembro de 2004 polo Goberno español, no que se solicitaba o recoñecemento oficial na UE das linguas distintas do español que contan con estatuto oficial en España; e, en segundo lugar, aceptouse que o irlandés pasase a ser lingua oficial e de traballo da UE a partir de 2007.
Tocante ao recoñecemento parcial das linguas cooficiais, acordáronse os seguintes puntos:
- Publícase nas linguas propias dos textos legais adoptados polo procedemento de codecisión entre o Parlamento europeo e o Consello, aínda que tal versión non será oficial e carecerá, xa que logo, de valor xurídico.
- Acéptase a utilización das linguas propias españolas nas comunicacións escritas coas institucións e órganos consultivos da UE.
- Garántese o uso das linguas propias españolas nas intervencións orais ante o Consello e, se fose o caso, ante outras institucións ou órganos da UE.
Non foi aceptada, porén, a inclusión das linguas propias españolas no programa Lingua de promoción do ensino de linguas europeas, aducindo motivos técnicos, non políticos. Malia o profundo cambio social e lingüístico acontecido ao longo do século XX en Galicia, coa consecuencia dunha baixada importante do número de falantes iniciais e habituais do galego, no ano 1996 constatábase que a situación sociolingüística da lingua galega non era, ao considerala no contexto europeo, especialmente negativa, máis ben todo o contrario: de 44 grupos lingüísticos analizados en toda Europa, o galego situábase no cuarto posto de vitalidade etnolingüística.
O estudo Euromosaic, realizado por un grupo de sociolingüistas por encarga da Comisión Europea, concedíalle ao galego unha puntuación alta na reprodución familiar, na presenza da lingua no sistema educativo, nas producións culturais e no grao de institucionalización. Por iso, sen negaren os problemas existentes e a continuación do proceso de substitución social polo castelán, este resultado constataba os puntos fortes da situación sociolingüística do galego e auguraba moitas posibilidades de éxito nos esforzos de promoción e revitalización lingüística.
Textos extraídos do libro A Planificación lingüística nos centros educativos (Xunta de Galicia, 2007), de Agustín Fernández Paz, Anxo Lorenzo e Fernando Ramallo
