Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio

Expolingua de París

Expolingua de París

O galego viaxa en febreiro a París para estar presente na Expolangues 2010, do 3 ao 6 de febreiro. Trátase dunha feira internacional que, desde hai 25 anos, busca promover o estudo das linguas, favorecer o multilingüismo e desenvolver a comunicación internacional.

Un expositor para a lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que vén acudindo habitualmente a esta cita nos últimos anos, contará cun expositor para difundir a lingua galega e as súas posibilidades de aprendizaxe, a través dos recursos na rede, dos centros de estudos galegos das universidades francesas ou dos cursos de verán para estranxeiros en Galicia. Ademais, cada día ofreceranse minicursos de iniciación á lingua galega, para que os visitantes interesados poidan probar a pronunciar as súas primeiras palabras en galego.

No espazo da Xunta de Galicia, os visitantes da Expolingua de París poderán informarse sobre cursos e outros programas de aprendizaxe da lingua galega, sobre os recursos e diversos materias dispoñibles para coñecer este idioma ou acerca da historia e da situación actual da lingua propia da nosa comunidade. A Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén ofrecerá información sobre a rede de proxección exterior da lingua e principalmente sobre os centros de estudos e as cátedras nos que é posible aprender galego e achegarse á cultura de Galicia. Deste xeito, os visitantes poderán coñecer de preto o funcionamento e os programas de aprendizaxe que ofertan os centros de estudos galegos nas universidades francesas de París III e de Rennes 2.

Pero, ademais, a presenza da Xunta de Galicia na Expolangues 2010 tamén permitirá difundir a información sobre a situación da lingua galega e intercambiar experiencias con outras institucións representadas neste espazo de encontro entre as linguas.

A Expolingua de París

Expolingua é o centro de reunión para todos aqueles que ofrezan ou busquen produtos e servizos relacionados co ensino de idiomas en todo o mundo, e coa formación universitaria e profesional. Ao tempo, é un escaparate das últimas novidades editoriais e dos avances tecnolóxicos aplicados á lingüística ou á internet.

O perfil de visitantes e expositores é variado: estudantes á procura de cursos de idioimas, estadías no estranxeiro ou material didáctico, profesores interesados nas últimas tendencias e innovacións para mellorar as sús clases, editores, tradutores, intérpretes...

Ofrécense preto de cen conferencias durante os días nos que se celebraa feirae máis de 200 expositores de diferentes sectores ofrecerán información detallada aos visitantes.Trátase dun acontecemento destacado polas cifras que move:

  • Máis de 22.618 visitantes
  • Arredor de 11.000 visitantes de sectores profesionais
  • 30 países presentes
  • Máis de 80 linguas

Onde?
Na Expo de París, no pavillón 5.2 Porta de Versailles (París)

Cando?
Do 3 ao 6 de febreiro, en horario de 10:00 a 21:00 h o primeiro día (só para profesionais) e de 10:00 a 18:00 o resto dos días

Ligazóns de interese


 Destacados anteriores

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a