Secretaría Xeral de Política Lingüística

Funcións

Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

(Queda derrogado o Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, modificado polo Decreto 192/2008, do 28 de agosto, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no Decreto 332/2009). 


A Secretaría Xeral de Política Lingüística é o órgano da Administración autonómica en materia de promoción e ensino da lingua galega e de dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia. A Secretaría Xeral de Política Lingüística ten como obxectivos impulsar o desenvolvemento e a aplicación da lexislación derivada do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, velar pola aplicación da política lingüística que estableza o Goberno e coordinar as accións e medidas dos diversos departamentos da Xunta de Galicia en materia de política lingüística. Para acadar estes obxectivos, atribúenselle as seguintes funcións:

- Promover, impulsar e elaborar propostas lexislativas e regulamentarias que potencien a normalización lingüística e o fomento do uso da lingua galega.
- Cooperar coa Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística e impulsar e coordinar as medidas de política lingüística dos departamentos da Xunta de Galicia mediante a achega do soporte técnico necesario.
- Programar e desenvolver medidas para o fomento do uso do idioma galego nos diferentes eidos sociais e económicos de Galicia co fin de incrementar a dispoñibilidade de produtos e servizos en galego.
- Planificar e desenvolver campañas e medidas de fomento do uso, coñecemento e difusión do galego dentro e fóra do territorio lingüístico galego.
- Promover, coordinar e desenvolver a política de investigación que favoreza a normalización lingüística nas súas diferentes manifestacións, especialmente no eido do léxico e a terminoloxía.
- -Emitir informe dos proxectos de disposicións normativas de carácter xeral que promovan os departamentos da Xunta de Galicia sobre a normalización do uso do galego ou sobre a política lingüística en xeral.
- Establecer o marco metodolóxico de referencia e os plans e programas para o ensino do galego ás persoas adultas, de acordo coas directrices do Consello de Europa en materia de ensino de linguas.
- Colaborar co Consello de Europa e con outros organismos nacionais e internacionais en relación cos procesos para a defensa, a aprendizaxe, o ensino e a avaliación das linguas.
- Convocar e administrar as probas e expedir os certificados de coñecemento de galego.
- Convocar e administrar as probas e certificados de tradutoras e tradutores e de intérpretes xurados doutras linguas para o galego e viceversa, así como autorizar as habilitacións directas destes, cando procedan, e a súa inscrición no Rexistro Oficial de Profesionais da Tradución e Interpretación Xuradas doutras linguas para o galego e viceversa.
- Promover o diálogo, a cooperación e a colaboración con outras institucións competentes en materia de política lingüística.

Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral de Política Lingüística estrutúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Política Lingüística.

Correspóndelle a esta subdirección xeral as seguintes funcións:

- Apoio técnico-administrativo á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística no exercicio das súas funcións.

- Coordinación e xestión dos plans e programas de formación e de acreditación de competencia en materia de lingua galega.

- Coordinación e xestión das actividades de formación e promoción da lingua galega, así como, a autorización e homologacións de cursos, seminarios, encontros e congresos de formación de lingua galega e/ou de linguaxes específicas, e a xestión das certificacións de aptitude ao alumnado, cando proceda.

- Xestión das validacións e solicitudes de recoñecemento de certificacións de cursos e outras actividades de formación e normalización da lingua galega (seminarios, encontros, etc.).

- Xestión das probas de acreditación da competencia en lingua galega e, de ser o caso, en materia de linguaxes específicas galegas.

- Apoio en materia de asesoramento lingüístico e produción e oferta de recursos tecnolóxicos para fomentar o uso da lingua galega.

- Xestión das solicitudes de traducións galego-castelán e viceversa de documentación, acordos e títulos oficiais que teñan orixe ou destino noutras comunidades autónomas ou en institucións da Unión Europea.

- Xestión das solicitudes de tradución ao castelán de títulos oficiais expedidos en galego que deben producir efectos en administracións públicas doutras comunidades autónomas do Estado español.

- Xestión das solicitudes de habilitación profesional para a tradución e interpretación xurada doutras linguas para o galego e viceversa e do Rexistro Oficial de Profesionais da Tradución e Interpretación.

- Xestión da produción de material didáctico para apoio á formación en lingua galega.

- Xestión da colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística con organismos nacionais e internacionais para promover o fomento, a aprendizaxe, o ensino e a avaliación das linguas.

- Propoñer a resolución de recursos nas materias que desenvolve.

- Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

2. Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización  Lingüística.

Correspóndelle as seguintes funcións:

- Apoio técnico-administrativo á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística no exercicio das súas funcións

- Coordinación e xestión das medidas para o fomento do uso do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais e económicos de Galicia para incrementar a súa dispoñibilidade en produtos e servizos

- Coordinación e xestión das liñas de axuda e subvencións para o apoio á dinamización e promoción da lingua galega

- Coordinación e xestión das actividades de normalización e dinamización lingüística e as derivadas das campañas de promoción e difusión da lingua galega

- Coordinación, xestión e difusión dos recursos e/ou estudos necesarios para a promoción do galego

- Fomento das actividades de normalización e promoción da lingua galega en administracións públicas e noutras entidades

- Coordinación e xestión da participación en feiras, congresos e exposicións de difusión de linguas

- Fomento da produción de material didáctico para o apoio á formación en lingua galega e á normalización lingüística

- Coordinación da xestión de consultas e queixas en materia de dereitos lingüísticos

- Proposta de resolución de recursos nas materias que desenvolve; e calquera outra función de natureza análoga que lle sexa encomendada.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo e baixo a dirección desta subdirección xeral:

2.1. Servizo de Xestión e Promoción Lingüística.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

- Elaborar o anteproxecto de orzamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística, exercer a súa xestión económico-administrativa e o seu control orzamentario.

- A xestión da contratación administrativa para a realización das actividades de formación, fomento e normalización da lingua galega, así como a dos convenios de colaboración con estas finalidades.

- Propoñer a resolución de recursos nas materias que desenvolve este servizo.

- Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

3. Intégrase na Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependendo directamente do seu titular, a seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Correspóndenlle, baixo a dirección da Secretaría Xeral de Política Lingüística, as seguintes funcións:

- Xestionar o desenvolvemento dos proxectos e programas de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos para a normalización da lingua galega.

- Promover a formación e capacitación de universitarios, tanto no ámbito galego como internacional, a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas no ámbito das humanidades.

- Canalizar, difundir e proxectar no ámbito autonómico, estatal e internacional a información sobre os proxectos e publicacións do centro.

- Administración, xestión económico-administrativa e control do funcionamento do centro e do persoal adscrito a este.

- Xestionar, en coordinación cos directores técnicos dos departamentos do centro, a organización de xuntanzas, encontros, xornadas, congresos e simposios e calquera outra actividade que derive dos proxectos de investigación e formación.

- Exercer as funcións correspondentes á secretaría da Comisión Reitora do centro.

- Darlle apoio administrativo ao coordinador científico no desenvolvemento dos traballos de investigación do centro.

- Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

4. Nos departamentos territoriais da Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense existe un Gabinete de Normalización Lingüística, ao que lle corresponden, baixo a dirección da persoa titular da xefatura territorial e en coordinación coa Subdirección Xeral de Política Lingüística, as seguintes funcións:

- Proposta de programación, organización e xestión das actividades e dos cursos de lingua galega e de linguaxes especializadas que se desenvolvan no ámbito territorial da súa competencia.

- Proposta de nomeamento do profesorado para impartir os cursos que se organicen no ámbito territorial da súa competencia, de acordo cos criterios e co réxime de chamamentos establecido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

- Xestión dos expedientes e propostas de gasto e pagamento das actividades e cursos desenvolvidos.

- Xestión de expedientes de axudas e subvencións.

- Información e atención ao público nas materias propias do ámbito de competencia da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

- Desenvolver calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, lle sexa encomendada pola Subdirección Xeral de Política Lingüística.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a