Malia a crise demográfica que sofre Galicia, o noso país convértese cada vez máis en destino de cidadáns que procuran aquí a mellora das súas condicións laborais ou vitais. Nalgúns casos, trátase de persoas procedentes de países cun nivel de vida similar ou superior ao noso, que atopan en Galicia atractivos que compensan os trastornos de desprazarse e deixar as súas raíces familiares e culturais. Outros moitos son cidadáns procedentes de territorios cun nivel económico inferior ao do noso, que se instalan no país galego coa intención de conseguir algún traballo que supoña para eles unha mellora persoal; son fillos e netos de emigrantes galegos que fan agora o camiño de volta desde os países de América, son americanos orixinarios de zonas empobrecidas, son árabes e africanos procedentes de países con réximes que non respectan os fundamentais dereitos humanos, son persoas que foxen de situacións bélicas e da fame, etc. Este proceso de inmigración abre un panorama novo para a nosa fotografía humana: situacións persoais diferentes, relixións e culturas diversas, linguas que se multiplican no noso territorio. A riqueza que lle achega a Galicia o fenómeno inmigratorio supón, ao mesmo tempo, unha adaptación mutua e un esforzo de acollida pola nosa parte, que lle debe facilitar a integración á persoa que chega, especialmente cando o fai nunha situación de precariedade.
Obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega para o sector
> Web da Secretaría Xeral de Emigración
> Integración de estudantes foráneos. A área de Normalización da Universidade de Vigo conta cunha web de acollida para o alumnado procedente de fóra de Galicia, con información sobre Galicia e tamén sobre a realidade lingüística.

