A Secretaría Xeral de Política Lingüística promove dous dos programas de televisión para internet que se emiten a través da plataforma linguagalega.tv. Deste xeito, a secretaría xeral busca contribuír a crear un espazo no que teña cabida todo o relacionado coa nosa lingua, que permita chegar a todos os usuarios dun xeito inmediato e a través de contidos áxiles e amenos. Así, en cada un dos programas iranse colgando periodicamente pequenas reportaxes informativas sobre diversos aspectos relacionados coa lingua, como as opcións de produtos e os recursos tecnolóxicos dispoñibles en galego, a situación da lingua no mercado publicitario, os seus usos por parte das novas formacións musicais, das produtoras de cinema e televisión, das compañías de teatro etc.
Lingua, cámara, acción
O primeiro destes programas, Lingua, cámara, acción, está dedicado á divulgación das accións promovidas desde as institucións públicas. Entre os contidos que se poden atopar hai información sobre a investigación en lingua galega que se realiza desde entidades como o Centro Ramón Piñeiro. Outra das pezas informativas dispoñibles analizan o papel das institucións no proceso de normalización lingüistica, onde se tratan as competencias que ten en materia de lingua a Xunta de Galicia.
Alingua galega na socidade
Pola súa banda, o outro dos programas promovidos pola secretaría é A lingua galega na sociedade. Os seus contidos profundizan nas accións de promoción lingüística realizadas desde a propia cidadanía. Entre os documentos que se poden visualizar está a evolución do galego na internet, dende as súas orixes ata a actualidade. Outra das reportaxes complementa esta información, ao tratar a presenza da lingua galega na era 2.0, tanto nos blogs coma nas redes sociais.
Televisión en internet
Todos estes contidos poden consultarse en linguagalega.tv, unha televisión a través de internet que busca divulgar, promover e dar a coñecer a lingua galega. Este espazo, creado por Acuarela Comunicación, será o marco no que teñen cabida os distintos programas que intentarán difundir as diversas accións de promoción da nosa lingua que se desenvolven dende as diferentes institucións, colectivos ou empresas galegas.
Estes contidos audiovisuais amosarán, así mesmo, a situación do galego nos diferentes ámbitos sociais. Prestarase un especial interese ao ámbito da emigración e á participación dos colectivos cidadáns comprometidos coa lingua galega. Deste xeito, este canle virtual será un escaparate para o galego, que grazas ás novas tecnoloxías salvará as distancias xeográficas e lle achegará a actualidade da lingua a toda clase de públicos.
Ademais de Lingua, cámara, acción e A lingua galega na sociedade, completan este portal outros dous programas: Lembranzas e reflexións, centrado en intelectuais como Fernández del Riego ou Xaime Isla Couto, e Falemos, onde distintas personalidades achegarán a súa visión sobre o cinema, a poesía ou a lingua.
Para ver os programas accede a linguagalega.tv

.jpg)