Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio

No colo da fala

Os primeiros xogos coas palabras son unha vivencia esencial da cultura que compartimos e unha maneira de aprender e de crear lazos de unión entre pais/nais e fillos/fillas. Coas palabras, coas cantarelas e cos enredos transmítense afectos, acougo para adormecer e motivación para espertar os sentidos. Tamén axudarán a iniciar de maneira lúdica o neno ou a nena na lingua galega, nos ritmos, na rima, na psicomotricidade. Velaquí tedes algúns xogos e cantigas para dicirlle con moito agarimo.

A bicos

Ai, que pequeno tan lindo,
tan bonito non o hai,
vou comerlle a cara a bicos
de bonitiño que está.
E durme, meu neno,
durme, meu amor,
que saíu a lúa,
tamén dorme o sol.
Ao meu neniño pequeno,
pequeno, como lle eu quero,
con vara e media de tea
fágolle un vestido e medio.
E durme, meu neno,
durme, meu amor,
que saíu a lúa,
tamén dorme o sol.

Tiroliro

O papá arrolaba á nena,
cantáballe este cantar:
"Cala, miña nena, cala,
cala se queres calar".
Durme ben, miña neniña,
que o teu pai vai no mercado,
hache de traer as roscas
e un tiroliro furado.
Arrorró, meu amor, arrorró...
Arrorró, arrorró, meu amor,
Arrorró...
A miña nena pequena
heina de levar á feira,
por un pano de rosquillas
heina dar a quen a queira.
A miña nena pequena,
pequena do corazón,
heina de levar á feira
vendela nun patacón.
Arrorró, meu amor, arrorró...
Arrorró, arrorró, meu amor,
Arrorró...

 

O meu neno de cristal

  • Descarga a letra
  • Escoita a canción

     Ala ron, ron, ron,
    durme, meu neniño,
    ala ron, ron, ron,
    durme, meu amor.
    Ala ron, ron, ron…
    O meu neno está no berce,
    o meu neno de cristal.
    As súas bágoas son de prata,
    as meixelas de coral.
    O meu neno está no berce
    e eu non canso de o arrolar.
    Os seus ollos son de ouro.
    Calará ou non calará?
    Ala ron, ron, ron…
    O meu neno está no berce,
    os olliños vai pechar.
    Canta o moucho, cae a noite,
    o meu neno dorme xa.
    O meu neno está no berce
    e eu non deixo de o vixiar.
    Voan as ás agoreiras.
    Soñará... que soñará?
    Ala ron, ron, ron…

  •  

    Corpiño de picote

  • Descarga a letra
  • Escoita a canción

    A miña nena pequena
    heina de aprender a todo,
    a tocar e a bailar
    antes que lle veña o sono.
    Quérote, pequena,
    quérote, meu sol,
    durme decontado,
    durme, meu amor.
    Canta, miña rula, canta
    e heiche mercar un mantelo,
    un corpiño de picote
    que xa vai vindo o inverno.
    Quérote, pequena,
    quérote, meu sol,
    durme decontado,
    durme, meu amor.

  •  

    Bercer de Carme

  • Descarga a letra
  • Escoita a canción

    Arrolei a nena,
    arroleina ben,
    arrolei a nena
    pois lle eu quero ben.
    Non quere durmir
    e que lle farei?
    Á miña pequena
    eu a arrolarei.
    A nena fermosa
    non quere durmir,
    pecha os olliños
    e vólveos abrir.
    Ora, miña nena,
    ora do meu sol,
    ora, pedaciño
    do meu corazón.

  •  

     

    Nana de sal

  • Descarga a letra
  • Escoita a canción

    De sal veñan mil mareas,
    de amor sexa o vendaval.
    Deitei a miña serea,
    galopa nun arroaz.
    Soña e polo día volve a soñar,
    baila na cuberta do teu soñar.
    Voga e nunca deixes de vogar,
    canta, cando vogues, mellor cantar.
    De argazo chegan sementes,
    de bicos o temporal.
    Navega a miña pequena
    nun barco de mazapán.
    Soña e polo día volve a soñar,
    baila na cuberta do teu soñar.
    Voga e nunca deixes de vogar,
    canta, cando vogues, mellor cantar.
    Soña e nunca deixes de soñar,
    baila na cuberta do teu soñar...

  •  

    logotipo da Xunta de Galicia\
    © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
    Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a