Etiquetaxe en galego

Coa intención de animar as empresas a etiquetar os viños na lingua propia do país e a cidadanía a que solicite viños etiquetados en galego, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística promove unha campaña baixo o lema Deixa que o viño fale. Escolle un viño etiquetado en galego, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Consellería de Medio Rural da Xunta.
Descarga libro das adegas (PDF)
O galego nas notarías
A Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha unha serie de accións específicas para facilitar o traballo en galego dos notarios e as notarias de Galicia. Ademais dun curso de Lingua Galega para Notarios (un programa de capacitación para que os titulares das notarías poidan desenvolver a súa actividade en galego), comezouse a distribuír en todas as notarías de Galicia un cartel informativo sobre os dereitos lingüísticos dos usuarios destes establecementos. Cartel da campaña.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística iniciou en xullo de 2007 unha acción de promoción da lingua galega entre os turistas que visitan Galicia. Co fin de procurar que os turistas saiban que Galicia ten unha lingua propia e que poden animarse a dicir nela algunhas frases básicas na súa comunicación nas vacacións, publicáronse máis de 20.000 exemplares dunha Guía de Conversa en galego, desde o inglés, o castelán, o francés, o catalán, o éuscaro e o alemán.
Para a súa distribución ao longo do ano nas oficinas de turismo e mais noutros establecementos hostaleiros cóntase co apoio de Turgalicia. Acompañan as guías unha serie de postais deseñadas por Kiko da Silva, con palabras en galego, para que parentes e amigos dos viaxeiros que nos visitan saiban tamén da nosa lingua!
Animación lingüística
Esta campaña de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística incluía libros, contacontos, música, xogos, pintura ou teatro da man de oito editoriais galegas. A Nosa Terra, Baía, Galaxia, Kalandraka, Oqo, Rodeira, Sotelo Blanco e Xerais desenvolveron os proxectos, destinados a rapaces e rapazas de entre 4 e 18 anos.
A campaña realizouse en máis de 70 vilas e cidades galegas. As actividades, que se achegaron a preto de 50.000 nenos e nenas de toda Galicia, tiñan como obxectivo fomentar o uso do galego entre os máis novos, e eran todas de balde. O programa, moi variado, contaba con oito propostas diferentes, e incluía divertidas actividades destinadas a fomentar o galego entre os rapaces e rapazas, de quen depende, en boa parte, o futuro da nosa lingua.

Política Lingüística anima a felicitar as festas do Nadal en galego a través das novas tecnoloxías, ofrecendo unha postal electrónica personalizable.
Tamén anima a agasallar en galego os máis pequenos da casa con toda unha serie produtos lúdicos no noso idioma, como libros, xogos, filmes en dvd, roupa...

Uxía e os pillabáns é unha campaña de promoción da lectura infantil en galego nas áreas comerciais que nace da colaboración entre a Fundación Sotelo Blanco, o centro comercial Área Central e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O programa inclúe contacontos, animacións ou obradoiros de debuxo baseados na colección de relatos Uxía e os Pillabáns. Para promover a lingua e a lectura desde os novos espazos de lecer dos máis pequenos.
Crónica dunha tarde con Uxía e os pillabáns
A Secretaría Xeral de Política Linguística e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Linguística colaboran nesta iniciativa, que se enmarca na campaña En galego, con toda seguridade, para a galeguización dos corpos e forzas de seguridade en Galicia. Os escritores Rosa Aneiros, Xabier Alcalá ou Helena Villar son algúns dos autores dos 11 relatos policiais creados especialmente para a colección. Contos de Agardar.

En galego, tes todo por dicir. E logo! é o lema da campaña da Secretaría Xeral de Política Lingüística, con presenza, durante todo o 2007, nos medios de comunicación, nos espazos publicitarios das vilas e cidades e na rede internet, a través dunha páxina web de referencia para a campaña: http://www.galegoelogo.com/
Trátase dunha campaña transversal, dirixida a toda a sociedade, que inclúe tamén accións específicas sectoriais ao longo de todo o ano. O obxectivo é recuperar o galego entre a sociedade e a transmisión oral entre os pais e os seus fillos con iniciativas como Xeración E logo! Todas as mulleres embarazadas de Galicia recibiron a través da súa matrona, e grazas á colaboración do Servizo Galego de Saúde, da Consellería de Sanidade, unha carpeta cun conxunto de materiais para facilitarlles que poidan facer do galego a lingua da casa: xogos de iniciación e cantarelas, un cd con cantos de arrolar gravados por artistas galegos como Mercedes Peón ou Luar na Lubre, consellos, unha escolma de nomes para lle poñer ao bebé, un portafotos, etc.
No mes de setembro puxéronse en escena eses cantos de arrolar. Á Festa dos axóuxeres, para bebés e familia, asistiron centos de cativos coas súas familias nas principais cidades galegas. Música, maxia e animación para pasalo ben coa nosa lingua. Ao longo dos meses de inverno a actividade transformouse nun formato de proximidade, Os Encontros dos axóuxeres, desenvolvida en vilas pequenas de Galicia, para bebés de 0 a 3 anos e acompañantes. 
As familias poden, ademais, continuar cantando na casa. Na nosa web poden atopar algunhas das cancións que aprenden nos Encontros. algunhas das pezas, mesmo incorporan as gravacións para poder cantar coas artistas.
Dentro da campaña En galego tes todo por dicir. E logo! , os máis mozos e tamén as familias contan con actividades de dinamización lingüística nas fins de semana nos centros comercias. Para pasalo ben coas palabras, para pasalo ben co galego!
Outras actividades dirixidas á mocidade a través das novas tecnoloxías foron o certame de fotografía Enfoca o galego, que achegou numerosas visións simbólicas da lingua galega, ou o concurso de epitafios retranqueiros no mes de Santos a través da rede e dos teléfonos móbiles.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar uníronse para levar adiante esta campaña, dirixida aos nenos de 0 a 5 anos, consistente nunha serie de materiais lúdicos para favorecer a comunicación habitual en lingua galega entre as nenas e os nenos.
Dentro do proceso normalizador baseado no Plan xeral da normalización da lingua galega, aprobado no Parlamento galego pola unanimidade das forzas políticas en 2004, desde a Xunta de Galicia queremos promover o uso habitual do galego desde as idades máis temperás, para favorecer entre os cativos unha percepción positiva e de utilidade da nosa lingua hoxe e no futuro.
Con este fin, foi deseñada a campaña Eu son, consistente nun conxunto de materiais de xogo e de adquisición de destrezas en lingua galega, protagonizada polos coñecidos personaxes infantís “Os Bolechas”. Dado o éxito que teñen entre os nosos cativos, é intención da campaña aproveitar esa empatía con Braulio, Carlos, Sonia, Pili, Loli ou Tatá -todos eles galegofalantes habituais-, para contaxiar a naturalidade coa que esta familia vive en galego. O lema Eu son condúcenos a reforzar a lingua como marcador da identidade persoal e colectiva.
Materiais da campaña:
• CAMISETA “Eu son”
• CADERNOS “Eu son”
• LIBROS de lectura “Eu son”
• LIBROS “Eu son” con autoadhesivos dos Bolechas
• Lámina con ETIQUETAS AUTOADHESIVAS “Eu son”
• ROTULADOR “Eu son” para marcaxe en téxtil
• QUEBRACABEZAS
Coa colaboración do departamento de Política Lingüística da Xunta de Galicia, campañas como En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai ou En galego chegarás moi alto (de Ferrol) animaron a poboación xeral deses concellos a facer uso da lingua.
En 1984 saíu á luz a primeira campaña de promoción do uso do galego, a través da daquela Dirección Xeral de Política Lingüística, coa pretensión de animar os pais a comunicárense cos fillos en galego e, ao mesmo tempo, acabar cos prexuízos que levaban a pais galegofalantes a educaren os fillos en castelán.
Organizáronse sete grandes festas do galego nas sete cidades de Galicia con maior poboación: pegadas de carteis, espectáculos musicais con grupos galegos, animación e intervencións de distintos persoeiros da cultura galega marcaron as xornadas.
Difundida principalmente a través da televisión e da radio, ponse en marcha en 1987 esta campaña na que personaxes de sona entre a cidadanía (deportistas, xuristas, empresarios, artistas, etc.) salientaban a efectividade do galego en todas as situacións comunicativas.
Coa intención de procurar o uso normal da lingua galega no comercio, lanzouse esta campaña en 1989, en colaboración coas cámaras de comercio. Distribuíronse láminas con vocabularios básicos dos diferentes sectores comerciais e publicáronse traballos terminolóxicos específicos, destinados tanto aos profesionais coma aos usuarios.
Na década dos 90 realizáronse accións periódicas para animar a ler en galego e promover o seu uso. Nadal en galego foi unha desas campañas anuais na que colaboraron centros educativos de Galicia e do norte de Portugal, e que incorporaba un festival de panxoliñas con fases provinciais e un festival xeral no que se interpretaban as panxoliñas gañadoras, editadas posteriormente nun CD de distribución nos centros escolares.
Outras campañas como Verán en galego serviron para editar e distribuír, en colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia, libros de adiviñas, recitativos e pasatempos para agasallar nas librarías pola compra de libros en galegos.
Tamén o Día das Letras Galegas é unha data aproveitada anualmente para incentivar a compra de libros en galego. Publícanse e distribúense materiais sobre os autores homenaxeados cada ano (exposicións infantís e para adultos, vídeos, carteis, cds, antoloxías dos autores, etc).
Na intención de explotar as posibilidades normalizadoras que encerra a lectura infantil, creouse a campaña A maxia das palabras: unha edición de doce contos, dos que se distribuíron preto dun millón de exemplares, para fomentar a lectura en lingua galega entre os máis pequenos e mais para a animar aos educadores (pais e profesores) a lerlles contos e poemas escritos en galego.
Hora de ler ou Abril dos libros son as campañas máis recentes de animación á lectura en galego, promovidas pola Consellería de Educación e pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, en 2006.
Realizada en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, a campaña co personaxe de Seguriño advertía os nenos que usan o transporte escolar da importancia da seguridade viaria. A través de breves vídeos educativos, Seguriño animaba a ter hábitos correctos na vía e a comunicarse en galego condutores, profesores e alumnos.
Le, fala, escribe e escoita na túa lingua, un lema para reforzar a importancia da adquisición dos mecanismos da lingua galega. Foi unha campaña distribuída principalmente nas cidades de Galicia.
Coa intención de favorecer o uso do galego na Universidade e na Administración realizáronse campañas xerais en cada ámbito. Entre elas, En galego estamos no mundo. Baixa da lúa; En galego o que ti queiras; No teu concello, en galego; En galego, con todo o dereito; En galego, é de xustiza; En galego sairache mellor; e outras de accións específicas, como Fai memoria, para a realización en galego dos traballos de fin de carreira.
Foi unha campaña de promoción internacional da lingua galega, que procura dar a coñecer as súas orixes latinas que a emparentan coas outras linguas románicas, a súa evolución na historia e a súa situación na actualidade.
Foi unha campaña para promover a escritura de testamentos en galego, que destaca a importancia de que a nosa derradeira vontade e a sorte futura do noso patrimonio se escriban na mesma lingua na que se deciden, isto é, en lingua galega. Simbolízase tamén nesa transmisión a perpetuación da lingua e dos valores que representa. Contos, dípticos, carteis, mandas testamentarias e outros materiais da campaña foron enviados aos ambulatorios médicos, ás residencias da terceira idade, aos concellos, ás notarías, ás estacións de tren, etc.
Entre o ano 2001 e o 2005, levouse a cabo esta campaña dirixida aos centros escolares de Galicia e do exterior (Castilla y León, Bos Aires), coa intención de procurar a valoración da lingua propia como unha riqueza cultural e un patrimonio histórico, para prestixiala como elemento diferenciador da identidade galega e, principalmente, para facer uso dela. A campaña organizouse en distintas modalidades de concurso (Publicidade, Relato curto, Poesía, Recitado, Contacontos, Anuncio para radio e para televisión e, colectivamente, Teatro escolar, Certame musical, Revistas escolares e Mellor participación), diferenciado por etapas educativas e organizado en tres fases (unha no centro, outra provincial e outra autonómica). Aproveitouse tamén para distribuír nos centros O Preguntoiro, un xogo multimedia para poñer a proba os coñecementos dos escolares en diferentes materias, a través de diferentes modos de xogo e niveis de dificultade.


