O coñecemento das diversas linguas de España nas comunidades nas que esas linguas non teñen presenza contribúe a crear unha cultura do respecto á diversidade identitaria interna, a prol dunha convivencia baseada no coñecemento e no entendemento mutuo.
A introdución do galego como segunda lingua moderna nos centros de ensino secundario en España é unha realidade, que comezou en Cataluña no ano 1999 como unha iniciativa nacida na Universitat de Barcelona, na que colaboran as dúas administracións autonómicas. Co nome de proxecto Galauda, elaboran ademais materiais de aprendizaxe (Vencello, Galauda) e organizan, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, viaxes anuais cos alumnos a Galicia.
Sete institutos imparten a materia de galego optativa como segunda lingua moderna (datos do curso 2010-2011):
IES Narcís Monturiol (Barcelona)
IES Sant Josep de Calassanç (Barcelona)
IES Margarita Xirgu (L’ Hospitalet de Llobregat)
IES Sant Just Desvern (Sant Just Desvern)
IES Alella (Alella)
IES de Sales (Viladecans)
IES les Vinyes (Santa Coloma de Gramanet)
IES La Sedeta (Barcelona)
En Galicia, o centro de ensino secundario de Meira oferta catalán como materia optativa.
Arxentina
Tamén o colexio Santiago Apóstol, de Bos Aires, en todos os cursos, desde a etapa preescolar (3 anos) ata o nivel secundario (1º de bacharelato). O número de alumnos que estudan galego neste centro é actualmente de 404, nun total de catorce grupos, que asisten ás materias de Lingua e Literatura, Xeografía e Historia de Galicia.
Reino Unido
O colexio Vicente Cañada Blanch, de Londres, ofrécelles clases de galego aos seus alumnos de primaria e secundaria.
Venezuela
En Caracas (Venezuela), o colexio Castelao, pertencente á Irmandade Galega de Venezuela, imparte clases de lingua galega dentro do seu currículo escolar.
