Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio

Nós tamén creamos!

Velaquí a relación de centros seleccionados para participar no concurso de curtas de animación Nós tamén creamos! A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa agradecen a enorme acollida que tivo esta iniciativa e o interese demostrado tanto polos centros escollidos como por aqueloutros que presentaron a súa solicitude e non van poder participar desta volta. Animámosvos a todos a gozar na web da CRTVG das creacións que vaia enviando o alumnado dos 50 centros seleccionados.

E lembrade! Os 50 colexios que se presentarán ao concurso de curtas deberán formalizar a súa solicitude de participación presentando por rexistro o anexo I cuberto antes do día 12 de marzo de 2012.

Curtas de animación en galego

A finais do curso pasado, a Secretaría Xeral de Política Lingüística enviou aos centros educativos que imparten educación infantil tres curtas de animación elaboradas por OQOeditora e acompañadas de cadansúa unidade didáctica, para gozar e aprender en galego aproveitando as posibilidades que nos brinda o audiovisual.

Este ano avanzamos un paso máis no uso da animación nas aulas mediante o programa Nós tamén creamos!, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia e con OQOeditora.

Trátase de pasar de ver curtas en galego... a crealas! Para iso, o profesorado dos centros que se interesen por participar neste programa recibirá material, formación e asesoramento. Axiña terá ocasión de comprobar que non hai que ser un experto para facer animacións xeitosas.

Ademais, as creacións dos rapaces difundiranse na sección infantil da web da CRTVG e estarán tamén accesibles dende esta páxina web. Haberá un premio para a mellor curta elaborada en educación infantil e mais no primeiro e no segundo ciclo de primaria. O traballo do profesorado premiado recoñecerase con 20 horas de innovación educativa.

Botade unha ollada e animádevos a participar.


 Destacados anteriores

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a