- Anxo Lorenzo fixo un chamamento para recuperar un clima no que a lingua non estea en primeira liña de debate político” na súa primeira intervención no Parlamento
- Sobre as críticas do BNG pola data da convocatoria das axudas aos centros educativos para fomentar o galego, Anxo Lorenzo reiterou que se efectuará en xaneiro e que a convocatoria máis serodia da historia se realizou en marzo, coincidindo co curso 2006-2007
Santiago, 04 de novembro de 2009.- O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, manifestou que “existe unha relación de afectividade co galego que é maioritaria e desde as administracións deberase coidar que non se perda, senón que se potencie e que se converta nun uso activo”. O responsable de Política Lingüística fixo estas declaracións durante a súa primeira intervención no Parlamento de Galicia, onde respondeu as preguntas presentadas polo PSdG e o BNG sobre a situación social do galego e a convocatoria das axudas aos centros de ensino para o fomento desta lingua, respectivamente.
Na súa resposta ao grupo socialista, Anxo Lorenzo recordou a necesidade de “recuperar un clima no que o tema da lingua non estea en primeira liña de debate político” e falou da responsabilidade social de mostrar Galicia tal como é, “un país no que conviven galego e castelán e no que existe un sentimento maioritario de apoio ao avance do galego cara a acadar a igualdade plena co castelán”. Así mesmo, o secretario xeral constatou o interese da Xunta de Galicia en que o galego desempeñe un papel central na vida institucional e social do país, co castelán como lingua activa e no marco dunha Galicia plurilingüe”.
Axudas para os equipos de dinamización lingüística dos centros
Respecto da pregunta formulada polo partido nacionalista sobre as axudas para o fomento do galego nos centros, Anxo Lorenzo reiterou que a convocatoria para os proxectos dos equipos de dinamización lingüística se efectuará o próximo mes de xaneiro, tal e como se lles indicou aos centros nunha carta enviada o pasado 21 de setembro.
Ante as críticas do BNG polo atraso na data da convocatoria, Anxo Lorenzo recordou que o primeiro ano que realizou a convocatoria o anterior Goberno bipartito foi no mes de febreiro e que a correspondente ao curso académico 2006-2007, que saíu en marzo de 2007, “foi a máis serodia de toda a historia dos equipos de dinamización lingüística”.
Para o desenvolvemento correcto das súas funcións, os equipos de dinamización deben coñecer, canto antes, os criterios que rexerán a convocatoria das axudas, así como o orzamento co que contarán. Por iso, Anxo Lorenzo afirmou a súa intención de “conseguir, por fin, unha mellora sistemática nos prazos da convocatoria respecto dos que, por norma xeral, se veñen dando durante todos estes anos”. Neste sentido, o responsable de Política Lingüística asegurou que se traballará para que a convocatoria destas axudas do próximo curso se leve a cabo antes de setembro de 2010.
