Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

Política Lingüística impulsa a formación dos profesores lectores de galego e a coordinación do seu labor

  • Anxo Lorenzo inaugurou as xornadas formativas que este departamento desenvolve entre hoxe e mañá en Santiago de Compostela, onde anunciou que a secretaría xeral está a traballar en novas vías de formación a distancia e na elaboración de novos materiais que faciliten o traballo dos lectores
  •  Actualmente, a secretaría xeral conta con trinta e catro lectores que desenvolven actividades de docencia, investigación e promoción da lingua galega en diversas universidades de Europa e de América

 

Xoán Rivas e Anxo Lorenzo, na inauguración das xornadas de formación para os lectores de galegoSantiago, 28 de decembro de 2009.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a centrar o seu labor respecto dos profesores lectores de galego en mellorar o seu proceso de formación e mais a coordinación do seu traballo. Así o anunciou hoxe o responsable deste departamento, Anxo Lorenzo, na inauguración das xornadas formativas que Política Lingüística organiza entre hoxe e mañá na EGAP para os trinta e catro lectores de lingua, literatura e cultura galegas que desenvolven a súa actividade docente en universidades de Europa e América. No acto, que deu iniciou ás 9:30 horas, tamén participou o subdirector xeral de Política Lingüística, Xoán Rivas.

Respecto da formación, o secretario xeral incidiu en que Política Lingüística está a traballar na apertura de novas vías a distancia para favorecer un proceso formativo continuado dos profesores lectores de galego. Así mesmo, Anxo Lorenzo destacou que a secretaría xeral, da que os profesores lectores son partícipes, “está a afondar na coordinación e administración do labor que se desenvolve nos lectorados”, así como na difusión das actividades que se levan a cabo, para o que poñerá en marcha un espazo virtual o próximo ano. Neste sentido, o secretario xeral anunciou que, de acordo coas necesidades e prioridades expresadas polos lectores, Política Lingüística desenvolverá e difundirá novos materiais e documentos que faciliten o seu traballo. Ao mesmo tempo, ofrecerá un programa coordinado de actividades culturais que poidan ser de interese para poñer en marcha desde os lectorados de galego.

Docentes, embaixadores do galego e dinamizadores culturais
O responsable de Política Lingüística recoñeceu o importante labor dos lectores de galego, “unha tarefa que é, ao mesmo tempo, gratificante e ampla”, e destacou o seu triplo papel como “docentes, embaixadores da lingua e a cultura galegas e mais dinamizadores culturais”. Así mesmo, incidiu en que a proxección da lingua e da cultura galegas, que recolle o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, segue sendo un obxectivo prioritario para o departamento que dirixe.

Ofrecer estratexias e novos recursos
As xornadas “Achegamento á didáctica da lingua e da literatura galegas para estranxeiros e estratexias de animación grupal e dinámicas de grupo” están centradas na temática da lingua e da literatura galegas para estranxeiros. A través desta actividade, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca achegarlles aos lectores de galego estratexias e recursos que favorezan o desenvolvemento da súa actividade nas universidades onde están realizando o seu labor a prol da lingua e da cultura galegas. Ao mesmo tempo, estas xornadas formativas contan con dúas sesións dedicadas ás técnicas de dinámicas de grupo e de traballos cooperativos.

Trinta e catro lectores de galego en universidades de Europa e América
Actualmente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística conta con trinta e catro profesores lectores de galego que desenvolven a súa actividade en diversas universidades de Europa e América. No que respecta a España, Barcelona, Bilbao, Cáceres, Granada, Madrid, Murcia, Salamanca, Vitoria e Alacante contan con profesores lectores de lingua e literatura galegas. No resto de Europa tamén existen centros de estudos galegos en universidades de Francia, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Reino Unido, Alemaña e Croacia. En canto ao continente americano, os profesores lectores de galego desenvolven o seu labor en Brasil, Cuba e Uruguai.

A actividade dos lectorados
Ademais da actividade docente de lingua, literatura e cultura galegas, os lectores desenvolven un programa variado e amplo de actividades culturais de todo tipo que facilitan a proxección internacional e o coñecemento da lingua e da cultura galegas ao público universitario e á cidadanía en xeral, como conferencias, recitais, ciclos de cinema e de banda deseñada en galego ou a posta en marcha de diversas iniciativas para conmemorar o Día das Letras Galegas.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a