Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

O Goberno galego preséntalle á sociedade as bases do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia

  • O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou as liñas principais da proposta do goberno na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
  •  A aposta por un plurilingüismo efectivo, a garantía de equilibrio entre as linguas oficiais e a participación das familias son os alicerces do novo texto
  • O texto presentado hoxe será o punto de partida para establecer un diálogo coas diferentes forzas sociais e políticas, co fin de lograr o maior consenso posible

 

Santiago, 30 de decembro de 2009.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presentoulle hoxe á sociedade a proposta de decreto que regulará o uso das linguas oficiais e estranxeiras no sistema educativo non universitario e que substituirá o Decreto 124/2007. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente galego fixo públicas as liñas principais que rexen as bases do decreto, que foron desenvolvidas detalladamente polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez. A aposta polo plurilingüismo efectivo, a potenciación da participación das familias na definición do marco lingüístico escolar e mais a garantía de equilibrio entre as linguas oficiais en todas as etapas escolares son os piares básicos nos que se asenta o texto elaborado polo Goberno galego.

O borrador presentado hoxe será o punto de partida para abrir un proceso de consulta coas principais forzas sociais e políticas, co fin de procurar o maior consenso posible na redacción final do decreto. O obxectivo do Goberno galego con esta regulamentación é favorecer a convivencia lingüística e garantir a competencia do alumnado nas dúas linguas oficiais de Galicia e, en polo menos, unha lingua estranxeira.

O texto da nova proposta de decreto establece un equilibrio lingüístico ao longo das diferentes etapas educativas. No que respecta á Educación Infantil, o profesorado usará na aula a lingua predominante entre o alumnado e coidará que adquira o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. A lingua predominante do alumnado determinarase preguntándolle a cada familia pola lingua materna do seu fillo ou filla. Esta consulta farase mediante unha pregunta que as familias contestarán anualmente durante o proceso de preinscrición.

Na Educación Primaria, na ESO e no Bacharelato garantirase a adquisición da competencia lingüística nas dúas linguas oficiais de Galicia e potenciarase a adquisición dunha competencia efectiva en lingua(s) estranxeira(s), principalmente en inglés. Con esa finalidade, establécese que un terzo das horas semanais se oferte en galego e outro terzo en castelán, e prevese que o terzo restante se poida impartir en lingua(s) estranxeira(s). No caso de que os centros non dispoñan de recursos humanos para ofertar un terzo das horas en lingua estranxeira, estas distribuiranse de forma equilibrada nas dúas linguas oficiais.

Para a definición da distribución lingüística das materiais nestas etapas (Primaria, ESO e Bacharelato) terase en conta a opinión que expresen as familias a través dunha consulta que se realizará cada catro anos e que orientará a repartición horaria.

Na Primaria, a opinión maioritaria das familias será vinculante para determinar a lingua vehicular das materias instrumentais –Coñecemento do Medio e Matemáticas–, que serán unha en galego e outra en castelán. Tamén será vinculante na ESO para Ciencias Sociais e Matemáticas. No resto das materias, será o Consello Escolar quen aprobe unha proposta horaria equilibrada, tendo en conta a opinión das familias. No Bacharelato e na formación profesional específica, nas ensinanzas artísticas e nas deportivas, cada centro educativo aprobará no seu Consello Escolar, escoitando a opinión maioritaria das familias, unha oferta lingüística equilibrada de materias.

Equilibrio e garantía de competencia lingüística
A proposta de borrador do novo decreto procura a correcta adquisición das dúas linguas oficiais, así como a capacitación progresiva no dominio de linguas estranxeiras. Neste sentido, o texto aposta por un ensino plurilingüe con tres linguas vehiculares, co fin que o alumnado adquira unha comunicación efectiva nelas, unha materia pendente do Goberno galego para adaptarse ás novas necesidades sociais.

No que se refire ao material didáctico, os libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua na que se imparta a materia e o alumnado poderá empregar na súa comunicación nas aulas a lingua da súa preferencia. Un aspecto novidoso respecto do material didáctico é a incorporación de materiais complementarios con equivalencias de vocabulario nas tres linguas (galego, castelán, inglés). Con esta medida, a Xunta procura facilitar a comprensión e a adquisición plurilingüe da terminoloxía básica de cada materia.

Os equipos de dinamización da lingua galega
O borrador do decreto introduce elementos de garantía de promoción do galego co fin de favorecer o seu uso por parte de toda a comunidade educativa. Para asegurar a súa potenciación fóra do currículo contarase, como ata agora, co papel activo dos centros, particularmente a través dos equipos de dinamización. Agora denominaranse “equipos de dinamización da lingua galega” e centrarán o seu labor no fomento da lingua galega. Como novidade, incorpóranse por vez primeira aos equipos os pais e nais do alumnado, co fin de asegurar a integración activa das familias na promoción da lingua propia.

Inicio do proceso de consulta ás forzas sociais
O borrador do decreto está dirixido á maioría da sociedade galega, que desexa un modelo lingüístico educativo equilibrado nun marco legal perdurable no tempo. O texto presentado polo Goberno galego construíuse tendo en conta a opinión das familias expresada na consulta do pasado mes de xuño e someterase a partir do mes que vén a un proceso de escoita e diálogo coas principais forzas sociais e políticas co fin de lograr o maior consenso posible na súa redacción definitiva.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a