Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

A Xunta comparte o interese da RAG de promocionar e fomentar a lingua galega no ensino

  • A institución remitiulle á Xunta a “Análise académica das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”, onde recollen as valoracións e suxestións sobre o documento que regulará o uso das linguas oficiais e estranxeiras no sistema educativo galego non universitario
  • A consulta á RAG foi un dos compromisos adquiridos polo Goberno galego no proceso de consulta para acadar o maior consenso social

Santiago, 18 de xaneiro de 2010.- O Goberno galego comparte o interese da Real Academia Galega de promocionar e fomentar a lingua galega no ensino, dentro dun marco educativo que garanta o equlibrio entre as dúas linguas oficias de Galicia. A institución científica vén de remitirlle ao Goberno galego o seu informe sobre as “Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”, que foron presentadas publicamente o pasado 30 de decembro polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez.

O Goberno remitiulle á Real Academia a proposta para coñecer a súa opinión, algo que non se fixera co anterior decreto de 2007. Segundo valorou o Goberno galego, a análise académica da RAG constitúe un documento relevante para coñecer a súa postura e a súa valoración desde a perspectiva de ser unha institución centrada na promoción e no impulso dunha das linguas oficiais, polo que será tida en conta á hora de redactar o texto final do decreto. O Goberno destacou que o informe da RAG, ademais de facer unha valoración das bases, achega propostas e elementos concretos que cumpriría ter en conta para establecer un modelo educativo no que estean presentes as dúas linguas oficiais de Galicia, coa incorporación progresiva dunha competencia efectiva en linguas estranxeiras.

A Xunta de Galicia comparte o interese da RAG en promocionar e fomentar o galego no ámbito educativo, un obxectivo que se enmarca dentro dun modelo de conxunción da linguas no que se garanta o equilibrio entre os dous idiomas oficiais de Galicia. A proposta de decreto da Xunta aséntase nuns piares que están baseados en garantir a competencia plena en galego e castelán, nunha repartición equilibrada de horas semanais entre as dúas linguas oficiais, na aposta polo plurilingüismo de maneira gradual e progresiva e na incorporación das voces das familias a unha educación de calidade.

Estas bases do decreto, que se asentan legalmente na Constitución Española, no Estatuto de Autonomía de Galicia e na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística garanten, así mesmo, o fomento do galego, principalmente a través da súa promoción na Administración educativa e dos equipos de dinamización da lingua galega, ao tempo que se introduce o criterio de avaliación da competencia lingüística en galego e castelán.

Con esta consulta á RAG, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso de diálogo cos partidos políticos parlamentarios e mais coas principais forzas sociais e sindicais para acadar o maior consenso posible na redacción final de decreto.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a