Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

Anxo Lorenzo salienta o interese do Simposio Internacional de Lingüística para avanzar no coñecemento científico

  • O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na inauguración da trixésimo novena edición deste simposio, onde recoñeceu a importancia de que neste ano Xocobeo o encontro anual se realizara en Galicia e na capital galega
  • Xunto con Anxo Lorenzo presidiron o acto o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e mais representantes da Universidade de Santiago de Compostela e da Sociedad Española de Lingüística

 

Inauguración XXXIX Simposio de Lingüística EspañolaSantiago de Compostela, 01 de febreiro de 2010.- O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, participaron esta mañá no Pazo de Fonseca de Santiago na inauguración do XXXIX Simposio Internacional da Sociedad Española de Lingüística (SEL), que se desenvolverá desde hoxe e ata o día 4 deste mes na Facultade de Filoloxía. Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo destacou o "interese e a necesidade deste tipo de encontros para o avance do coñecemento científico e da investigación, neste caso no ámbito diverso e amplo da lingüística". Así mesmo, o responsable de Política Lingüística falou da "honra que supón que neste ano Xacobeo 2010, a SEL realice o seu trixésimo noveno simposio anual en Galicia e na cidade de Compostela". Pola súa parte, Roberto Varela asegurou que a Xunta está a traballar para converter Galicia “nun lugar privilexiado para o traballo cultural e intelectual no Xacobeo 2010”.

Xunto con Anxo Lorenzo e Roberto Varela presidiron o acto a vicerreitora da USC, Elvira Fidalgo; o presidente da SEL, Salvador Gutiérrez; o decano da Facultade de Filoloxía da USC, Ernesto Seoane; e a presidenta do comité organizador, Milagros Fernández.

O Simposio Internacional da Sociedad Española de Lingüística
O XXXIX Simposio Internacional da Sociedade Española de Lingüística (SEL) estase a celebrar desde hoxe, e ata o próximo día 4, na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela. Trátase dun simposio internacional de tema libre que ten como principal obxectivo ser lugar de encontro de filólogos e lingüistas –tanto nacionais como internacionais– interesados nos máis dispares aspectos do estudo da linguaxe e das linguas.

O XXXIX Simposio da Sociedade Española de Lingüística constará de conferencias plenarias, comunicacións de tema libre, paneis de investigación, unha sesión monográfica sobre a lingüística de corpus e un curso de lingüística clínica.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a