Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

Política Lingüística lidera un proxecto europeo de fomento da diversidade lingüística e cultural no marco do Camiño de Santiago

  • O proxecto, que está cofinanciado pola Comisión Europea, conta cunha dotación económica de 373.000 euros
  • Con esta iniciativa, a secretaría xeral busca impulsar a proxección exterior e o recoñecemento internacional da lingua e da cultura galegas

 

Anxo Lorenzo, durante a presentaciónSantiago de Compostela, 17 de marzo de 2010.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística lidera o proxecto europeo Camiño das culturas e das linguas. Diversidade cultural e lingüística no Camiño de Santiago, unha iniciativa que busca promover a diversidade lingüística e cultural no marco do Camiño de Santiago, tendo como eixo fundamental a lingua e a cultura galegas.

Así o anunciou o responsable do departamento de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, quen presentou hoxe este proxecto como unha ambiciosa iniciativa que busca a proxección exterior e o recoñecemento internacional da lingua e da cultura galegas a través do Camiño de Santiago.

Apoio e recoñecemento da Comisión Europea
Esta iniciativa, que busca visualizar e impulsar a comunicación e a relación entre as diferentes linguas e culturas nos distintos camiños que levan a Compostela, vén de ser seleccionada pola Comisión Europea a través do Programa Cultura 2007-2013, unha iniciativa que axuda a financiar proxectos de cooperación, promovendo e fomentando a creación de redes culturais europeas. A Comisión Europea, que valorou o proxecto cunha puntuación de 90 sobre 100, achega a metade do orzamento co que conta o proxecto, que ascende a un total de 373.000 euros.

Principais liñas de actuación do proxecto
Camiño das culturas e das linguas. Diversidade cultural e lingüística no Camiño de Santiago inclúe a posta en marcha de diverss liñas principais de actuación que se levarán a cabo, ao longo deste ano e mais de 2011. Entre elas atópase o establecemento dunha rede europea de axentes culturais, a organización de congresos e encontros sobre as linguas e as culturas de Europa, a posta en marcha dunha exposición itinerante e un portal web multilingüe sobre a historia cultural das diferentes rexións europeas ligadas ao Camiño de Santiago.

Coa realización destas actividades preténdese resaltar a consideración das culturas e as linguas europeas, particularmente as minoritarias, como parte do grande acervo común europeo, facendo especial fincapé no significado e na importancia que estas teñen. Para conseguir este fin, e como elemento estruturante do proxecto, este apoiarase na principal referencia cultural vertebradora de Europa, o Camiño de Santiago, exemplo de itinerario percorrido pola cidadanía europea desde o século X ata a actualidade e de encrucillada das influencias culturais no momento histórico do nacemento de Europa.

Carácter innovador
Entre os aspectos máis positivos deste proxecto atópase o seu carácter innovador, que se traduce na vinculación das linguas e ddas culturas co Camiño de Santiago desde unha perspectiva transnacional, no fomento do turismo cultural e lingüístico, na promoción da diversidade lingüística europea a través da realización de diferentes actividades ou na aplicación da innovación e a creatividade ás estratexias de promoción lingüística e cultural.

Cooperación con diversas entidades europeas na promoción da diversidade lingüística
Esta iniciativa constitúe un paso moi importante para a cooperación con outras institucións europeas na promoción dos valores culturais e lingüísticos do Camiño de Santiago, a través de linguas como o catalán, o éuscaro, o bretón, o aragonés ou o occitano. No proxecto que lidera a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén participan como parceiros outras cinco organizacións: Euskarabidea-Instituto Navarro del Vacuence, Asociación Estudio de Filología Aragonesa (Academia de l’Aragonés), Ofis ar Brezhoneg (Oficina da Lingua Bretoa), Euroccat e a Universidade de Kiel, en Alemaña.

Neste sentido, o proxecto servirá tamén para estreitar lazos con outras organizacións que teñen como obxectivo a promoción doutras linguas minoritarias europeas, o cal favorecerá o intercambio de coñecementos e boas prácticas.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a