Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

A Secretaría Xeral de Política Lingüística traballa para que o galego chegue tamén a Asia

  • Anxo Lorenzo trasladoulle ao director do Instituto Cervantes de Manila o seu interese nun programa a prol da lingua e da literatura galegas

 

Santiago de Compostela, 27 de xullo 2010.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística está a traballar en novas vías para a proxección exterior da lingua galega. Con este obxectivo, o responsable do departamento, Anxo Lorenzo, mantivo un encontro co director do Instituto Cervantes de Manila, José Rodríguez, natural da Pobra de Trives (Ourense) e activo participante da vida cultural filipina.

Durante a xuntanza, Anxo Lorenzo e José Rodríguez trataron a futura colaboración entre ambas as entidades para difundir a lingua e a literatura galegas, ademais de na capital filipina, noutros países desta área onde o Cervantes ten presenza, como Corea ou Tailandia.

Na reunión, que tivo lugar en Santiago de Compostela, Anxo Lorenzo e José Rodríguez acordaron concretar un programa destinado á difusión da lingua e da literatura galegas dentro das actividades do Instituto Cervantes de Manila. Tamén trataron a posibilidade de que a Universidade estatal de Manila, a través do departamento de linguas europeas, participe neste proxecto. O galego sería, pois, a primeira lingua dunha comunidade autónoma con presenza entre os universitarios filipinos.

Pola súa parte, o director do Cervantes manifestou que a presenza galega en Filipinas é máis significativa do que parece. De feito, desde os tempos da colonia española ata a actualidade, houbo galegos moi significados neste país e en ámbitos como a toponimia aínda perduran estas vinculacións.

A colaboración de Política Lingüística co Cervantes para a difusión do galego
Esta iniciativa inclúese no marco de cooperación institucional que actualmente manteñen a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Instituto Cervantes para promover unha maior oferta de difusión da lingua galega fóra das fronteiras administrativas de Galicia.

Grazas a esta colaboración, Política Lingüística tamén impulsará no curso académico 2010-2011 un completo programa de actividades a través do Espazo das Linguas Ibéricas do Cervantes, no que participan a Generalitat de Catalunya, o Instituto Camões, a Universidade de Alcalá de Henares e mais o Instituto Vasco Etxepare.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a