- A secretaría xeral asinou un convenio coa CTNL que inclúe, entre outras actuacións, a organización de diversas actividades formativas
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2010. A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) veñen de asinar un convenio de colaboración en materia de normalización lingüística.
Mediante a sinatura deste convenio, a CTNL realizará ao longo do ano diversas iniciativas. Por unha banda, levará a cabo accións de formación en normalización lingüística dirixidas a traballadores e traballadoras de normalización da lingua galega e outras persoas interesadas. Nesta liña de actividade, a CTNL comprométese a organizar dous cursos de presentacións eficientes para a normalización lingüística e outros dous cursos de xestión administrativa para técnicos de servizos de normalización lingüística da Administración pública. Ademais, ofrecerá a terceira edición do curso de blogs e iniciación a ferramentas multimedia para o traballo en normalización lingüística.
Materiais de referencia para o labor de dinamización lingüística
Por outra banda, este colectivo de profesionais levará a cabo accións de promoción do uso do galego e difusión da información. Neste sentido, publicará dous novos números de Documentos CTNL, un sobre dinamización lingüística e outro sobre ferramentas de análise sociolingüística. Esta colección de documentos electrónicos, que comezou en 2009, ten como fin prioritario elaborar, compilar e difundir materiais de referencia para a formación e a proposta de cara á eficiencia do traballo en normalización lingüística. Así mesmo, fará públicas accións de promoción da lingua galega, a través da súa páxina web e mais do boletín electrónico Novas CTNL.
Para facilitar a realización das actividades deste convenio, que conta cunha dotación económica de 13.850 euros, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ofreceralle apoio e asesoramento técnico á CTNL en relación con aspectos lingüísticos e terminolóxicos.
A colaboración na promoción do uso do galego
A través da sinatura deste convenio, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca contribuír co labor de formación dos traballadores e traballadoras de normalización lingüística e mais coa difusión de ferramentas que sexan de utilidade para acadar a máxima eficacia no desenvolvemento do seu traballo.
