Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

Os centros educativos poden presentar os seus proxectos de fomento do uso do galego para o curso escolar 2010-2011

  • A convocatoria ten unha dotación orzamentaria de 800.000 euros e está dirixida aos centros de titularidade pública de Galicia
  • Co anuncio destas axudas antes do inicio do curso, Política Lingüística busca facilitar a planificación do traballo dos equipos de dinamización da lingua galega

 

Santiago de Compostela, 02 de setembro de 2010.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de anunciar a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino público de Galicia para o curso escolar 2010-2011, promovidos polos equipos de dinamización da lingua galega.

A contía destinada ao financiamento dos proxectos ascende a un total de 800.000 euros e a distribución por anualidades do crédito será de 200.000 euros para o 2010 e de 600.000 euros para o 2011.

Os centros educativos de titularidade pública poderán presentar as súas iniciativas ata o próximo día 1 de outubro.

Criterios para a cualificación dos proxectos
Para a concesión de incentivos de apoio ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego, incidirase fundamentalmente na calidade das iniciativas e tamén se ponderará o número de estudantes do centro. Para avaliación da calidade do proxecto, que terá un peso do 80%, teranse en conta diversas variables, entre elas a implicación activa dos membros da comunidade no proxecto, a orixinalidade nas propostas, a potenciación das competencias activas fronte as pasivas –especialmente as que fomenten a oralidade–, a utilización das novas tecnoloxías e a colaboración con outras entidades.

Mellorar os prazos da convocatoria
O anuncio da convocatoria a comezos de setembro ten como obxectivo que os equipos de dinamización lingüística dos centros educativos poidan, desde o inicio do curso escolar, levar a cabo unha axeitada planificación do seu traballo e conten cos recursos económicos precisos para desenvolvelo. Deste xeito, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca mellorar os prazos desta convocatoria de axudas que, con carácter xeral, se veñen dando desde a creación dos equipos, en 1992.

Impulsar o labor dos equipos
Con esta iniciativa, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca valorar e impulsar o labor que veñen desenvolvendo os equipos de dinamización da lingua galega. Trátase, polo tanto, dunha actuación que forma parte das medidas de dinamización dirixidas á promoción da lingua galega nos centros educativos.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a