Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

Política Lingüística bota a andar o primeiro curso en liña orientado á preparación das probas Celga

  • O curso é voluntario, preparatorio para os exames do Celga 1 e gratuíto
  •  Este novo sistema de aprendizaxe constitúe unha peza básica dos programas de formación da secretaría xeral

Santiago de Compostela, 05 de setembro de 2010.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística iniciou esta fin de semana o primeiro curso en liña preparatorio para as probas de certificación de lingua galega do nivel 1. En total, nesta primeira convocatoria do Celga 1 en liña ofértanse tres cursos de modalidade semipresencial, de 35 alumnos cada un. Estes cursos contan con catro clases presenciais voluntarias –un total de 11 horas–, que terán lugar na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela.

Ademais, para a xente de fóra de Galicia, a convocatoria conta cunha modalidade non semipresencial, na que están inscritas 50 persoas.

Os catro cursos do Celga 1 en liña, nos que están matriculadas 150 persoas, prolongaranse ata o próximo 12 de novembro.

Metodoloxía multimedia
O curso Celga 1 en liña está conformado por 10 temas. Cada tema correspóndese cunha área temática comunicativa e consta dunhas 50 actividades, entre elas, escoitar unha conversa e arrastrar a frase correcta ata a súa posición no diálogo, emparellar elementos, encher ocos, elixir a resposta correcta entre varias suxestións ou escoitar unha palabra gravada e usar o micrófono para tratar de reproducila.

Fórmulas didácticas innovadoras para aprender galego
Este novo sistema de aprendizaxe constitúe unha aposta decidida do departamento que dirixe Anxo Lorenzo por darlle facilidades ao amplo sector da poboación adulta que desexa adquirir ou mellorar a súa competencia en galego.

Ao mesmo tempo, aprovéitanse as vantaxes que ofrecen as tecnoloxías da información e da comunicación para os medios formativos. Neste sentido, o curso Celga 1 en liña responde ao obxectivo do Plan xeral de normalización da lingua galega de “potenciar a aprendizaxe do galego neste sector da poboación mediante fórmulas didácticas innovadoras que garantan resultados comunicativos satisfactorios”.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a