Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

Expertos en literatura infantil e xuvenil de diversos países danse cita no Centro Ramón Piñeiro

  • Trátase dos membros da rede “As literaturas infantís e xuvenís do marco ibérico e iberoamericano”, que foron recibidos hoxe polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo

 

Santiago de Compostela, 07 de setembro de 2010.- O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, deulles hoxe a benvida aos membros da rede temática de investigación “As literaturas infantís e xuvenís do marco ibérico e iberoamericano”, que participan desde o luns na reunión anual desta entidade.

A reunión, coordinada polo Centro Ramón Piñeiro a través da investigadora Blanca-Ana Roig Rechou, ten como obxectivo determinar as actividades a realizar durante o curso 2010-2011. Ademais, os membros da rede participarán no curso de formación continua “As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. Reescrituras actuais do conto popular. Século XXI”, que se celebra desde onte e ata mañá na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia.

Actividade investigadora do Centro Ramón Piñeiro
O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades é un servizo da Secretaría Xeral de Política Lingüística que favorece a promoción e o desenvolvemento de proxectos e programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos, así como a súa difusión. Centrados no ámbito literario, o Centro Ramón Piñeiro ten en marcha actualmente diversas iniciativas, entre as que destacan Bibliografía da literatura galega, Informes de literatura, Narrativa recuperada e Dicionarios de literatura, entre outras.

De acordo cos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a potenciar a través deste centro diversas actuacións que permiten dispoñer de novas ferramentas para a lingua en formato dixital e bases de datos terminolóxicas, accesibles universalmente.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a