Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

Valentín Paz Andrade ten desde hoxe a súa dimensión máis actual e universal en internet

  • O web oficial do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012 foi presentado esta mañá pola Consellería de Cultura e Educación, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o fillo do escritor, Alfonso Paz-Andrade
  • O secretario xeral de Cultura definiu “esta nova fiestra para achegármonos ao escritor como un recurso imprescindible de difusión e posta en valor da súa figura e do seu legado”, que inclúe documentos inéditos dixitalizados
  • O secretario xeral de Política Lingüística puxo de relevo o compromiso que adoptou Valentín Paz Andrade coa lingua galega
  • A Xunta de Galicia tamén conmemorará o 17 de maio cunha exposición itinerante e multimedia sobre o escritor, que percorrerá centros educativos e bibliotecas

 
27 de febreiro de 2012.
Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, ten desde hoxe unha ferramenta fundamental para a posta en valor e a difusión da súa figura e do seu legado. Trátase do web oficial do autor (http://www.valentinpazandrade.es/), un punto de referencia para contar con datos contrastados, cunha bibliografía completa e mesmo con elementos complementarios de alto interese para achegarse ao escritor, como fotografías e textos inéditos dixitalizados.

A Consellería de Cultura e Educación aborda a posta en marcha deste web desde o desenvolvemento asumido por Industrias Pesqueras, revista fundada, en 1927, por Valentín Paz Andrade e que hoxe dirixe o seu fillo, Alfonso Paz-Andrade.

Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística da consellería, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, e Alfonso Paz-Andrade presentaron esta mañá o web oficial do escritor na Cidade da Cultura, co apoio do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, e do presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, que tamén participaron na rolda de prensa.

Nova dimensión dixital de Paz Andrade
Durante a presentación, Anxo Lorenzo referiuse ao web como “a versión máis actual e universal de Paz Andrade, que é a súa nova dimensión dixital”. O secretario xeral tamén destacou o web como “unha nova fiestra para achegármonos a Valentín Paz Andrade desde calquera punto de Galicia e desde calquera punto do mundo, cun acceso libre para calquera usuario e co coidado e o rigor dos axentes máis implicados”.

Neste sentido, fixo fincapé na “aposta da Xunta por abordar estas iniciativas de ampla relevancia social desde a implicación das entidades e persoas que velan e protexen o legado do escritor, así como por contar sempre coa colaboración das principais institucións e entidades culturais de Galicia”, en referencia ao apoio do CCG e da RAG.

O compromiso coa lingua galega.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, puxo de relevo o compromiso lingüístico que adoptou Valentín Paz Andrade coa lingua galega: “Fíxoo cando foi director do xornal Galicia, unha das primeiras tentativas serias de querer introducir a nosa lingua na prensa diaria, e demostrouno cultivando a lingua propia en ensaios e nunha obra poética que, precisamente este ano, se nos vai mostrar como unha revelación”.

Unha completa fonte de recursos.
Valentín Paz Andrade foi un home polifacético que abordou as súas diversas tarefas vitais desde o compromiso con Galicia e así se reflicte no seu web oficial. A páxina permite realizar un percorrido pola traxectoria vital de Paz Andrade a través dunha biografía ampla, dunha cronoloxía e mais dalgún relato de retrato, como o realizado por Isaac Díaz Pardo.

Na parte bibliográfica, ofrécese o repertorio de referencias de publicacións do autor e sobre o autor. Esta catalogación bibliográfica, por xéneros e tipos de publicacións, é unha das principais achegas do web, que tamén inclúe un importante apartado de contidos multimedia, integrado principalmente por fotos neste momento, pero que irá acollendo outros materiais dixitais de interese.

Paz Andrade, nos centros educativos e bibliotecas
A parte de actualidade e de axenda é o referente para coñecer as actividades que ao longo deste ano se van ir desenvolvendo en diferentes ámbitos arredor da figura de Paz Andrade. E, por último, completa o web un espazo para as exposicións que se porán en marcha en 2012 sobre a figura do escritor.

Actualmente inclúese a mostra que xa se pode visitar na sede da Fundación Luís Seoane, na Coruña, e que viaxará a Vigo en maio. Ademais, Anxo Lorenzo anunciou que proximamente estará tamén “a exposición que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prepara para levar este ano aos centros escolares e ás bibliotecas nodais de Galicia, unha pequena mostra itinerante multimedia que presentaremos o vindeiro mes de marzo”, apuntou.

Textos inéditos dixitalizados
O web irase completando con novos documentos dixitalizados. Neste sentido, o secretario xeral de Cultura destacou o labor que está a realizar o Consello da Cultura Galega para a dixitalización de documentos fundamentais, algúns deles inéditos, que irán vendo a luz no web, coa autorización previa da familia, a quen Anxo Lorenzo tamén lle agradeceu “toda a colaboración que lles está a ofrecer tanto ás institucións como aos investigadores”.

O web oficial de Valentín Paz Andrade constitúe un punto de partida para a difusión universal do autor xa que é un recurso que nace este ano, pero que “permitirá infindas posibilidades de futuro”, concluíu Anxo Lorenzo.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a