Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

As primeiras probas do Celga, o novo sistema de certificación da lingua galega, realizaranse no último trimestre do ano

  • A secretaria xeral de Política Lingüística anunciou a convocatoria destes exames, estruturados en cinco niveis, e que avaliarán as capacidades comunicativas en galego 
  •  Na actualidade estanse a elaborar materiais de apoio para a docencia, e xa se celebraron cinco cursos de formación para os profesores

Santiago, 16 de xullo de 2007.- As primeiras probas para a obtención do Certificado de Lingua Galega, Celga, nos niveis 1 e 4, realizaranse no último trimestre deste ano, segundo anunciou hoxe a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López. Estas certificacións veñen substituír os actuais certificados de Iniciación e Perfeccionamento, e supoñen a adaptación do sistema de recoñecemento das competencias de lingua galega aos estándares europeos propostos no Marco europeo común de referencia para as linguas.

Marisol López explicou as características deste novo sistema no marco do Curso de Verán da Universidade de Santiago Ensino de Segundas Linguas a Inmigrantes. A secretaria xeral pronunciou a conferencia inaugural, titulada Un novo enfoque para a formación e a certificación de adultos en lingua galega: os Celga, na que explicou as principais características destes certificados e o proceso de configuración destes.

“Nesta nova etapa de ensino e certificación da lingua galega, desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística quérese establecer o ensino do galego desde un enfoque comunicativo, mediante tarefas, que permita que os candidatos demostren as súas habilidades no uso da lingua, e non só no coñecemento do código que teñen do galego”, explicou a secretaria xeral.

Funcións comunicativas
Utilizando como base o Marco Europeo Común de Referencia para as linguas e o propio Plan xeral de normalización da lingua galega, un equipo de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades está elaborando a estrutura e os contidos dos Celga. Estes configúranse en cinco niveis diferentes, por orde de menor a maior dificultade. Cada un deles recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa e agrupa os contidos segundo as funcións comunicativas da lingua, o coñecemento do código e os contidos socioculturais.

Para desenvolver este cambio no sistema de ensino e certificación, estase primando a formación dos profesores e profesoras mediante cursos de formación didáctica. Desde decembro de 2006 ata a actualidade xa se celebraron cinco, e está previsto convocar tres cursos máis ata finais de ano.

Para a preparación dos Celga, estanse elaborando diversos materiais destinados á autoaprendizaxe, estruturados nos cinco niveis previstos, e que serán accesibles en breve para todas as persoas interesadas a través da páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega). Ademais, existirá tamén a opción de asistir aos cursos preparatorios do nivel ao que se aspire.

A asistencia aos cursos non implica a obtención do Celga, senón que, en todo caso, os aspirantes deberán superar as probas, unificadas e avaliadas por unha comisión central. A partir de 2008 haberá dúas convocatorias anuais de exames; neste ano será unha convocatoria e só para os niveis 1 e 4.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a