- A Secretaría Xeral de Política Linguística e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Linguística colaboran nesta nova iniciativa, que se enmarca na campaña "En galego, con toda seguridade", para a galeguización dos corpos e forzas de seguridade do Estado en Galicia
- Os escritores Rosa Aneiros, Xabier Alcalá ou Helena Villar son algúns dos autores dos 11 relatos policiais creados especialmente para a colección Contos de Agardar
- Marisol López anunciou a próxima sinatura dun convenio de colaboración coa Dirección Xeral da Polícia Nacional e a Garda Civil para avanzar no uso do galego nos procedementos administrativos
Santiago, 26 de setembro de 2007.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Xosé Luis Méndez Romeu, a secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López e o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Linguística, Xoaquín Monteagudo, presentaron a colección de relatos policiais Contos de Agardar, unha iniciativa para facer máis amena a espera nas dependencias policiais. O proxecto enmárcase na campaña "En galego, con toda seguridade" que desenvolve a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en colaboración co departamento que dirixe Marisol López.
Contos de Agardar é unha colección de 11 relatos breves, de temática policial, realizados por escritores galegos como Rosa Aneiros, Xabier Alcalá, Helena Villar ou polo propio xefe superior da Policía Nacional en Galicia, Luis García Mañá. En total, vanse distribuír 60.000 exemplares de forma gratuíta en todas as comisarías de Galicia e demais dependencias dos corpos e forzas de seguridade do Estado, como as oficinas do DNI ou os cuarteis da Garda Civil. Esta acción ten como obxectivo, segundo o manifestou Marisol López, contribuír á progresiva galeguización deste sector. A secretaria xeral de Política Lingüística explicou que nas dependencias policiais, e unha vez traspasada a fronteira da informalidade á formalidade, “é habitual que se produza unha substitución lingüística innecesaria e artificial en funcionarios e cidadáns”. Os Contos de Agardar, segundo afirmou, “constitúen unha ponte creativa para darlle continuidade, na esfera formal, ao uso da lingua que, na informalidade, todos empregan máis, que é a lingua galega”.
Marisol López anunciou a próxima sinatura dun protocolo de colaboración entre a Dirección Xeral da Policía Nacional e da Garda Civil e a Secretaría Xeral de Política Lingüística para avanzar no uso do galego nos procedementos administrativos dos corpos e forzas de seguridade. “O galego é unha lingua válida para cubrir papeis, para prestar declaración, para renovar o documento de identidade”, engadiu.
A secretaria xeral concluíu facendo referencia á conmemoración, hoxe, do Día Europeo das Linguas, “unha data que celebra a pluralidade lingüística de Europa como un ben cultural que hai que protexer e fomentar”.
Pola súa banda, Méndez Romeu explicou que os Contos de agardar son unha iniciativa complementaria máis, de sensibilización e de atención á cidadanía, “un pequeno agasallo que tamén significa un xesto de complicidade”, xa que ninguén ten por que sentirse incómodo, “polo menos non máis incómodo do que é ter que agardar”, por exemplo, por unha dilixencia policial, médica ou administrativa. O conselleiro da Presidencia explicou que “fuximos de calquera indicio de confrontación, non só na política lingüística, e, pola contra, buscamos as formas de convencemento e sensibilización que permitan que calquera cidadán e en calquera circunstancia da súa vida social, laboral ou administrativa -é dicir, nos usos públicos da lingua- poida expresarse do xeito que lle resulte máis cómodo ou que, simplemente, sexa da súa escolla, teña a garantía de que será entendido, respectado e atendido nesa fórmula que esixa”. Iso é posible, segundo o conselleiro, xa que a experiencia de Galicia, despois dun cuarto de século de desenvolvemento da política lingüística, é boa e serve de exemplo para outros países e territorios que teñen problemas semellantes e que deben buscar respostas acaídas aos fenómenos de plurilingüismo.
Dentro destas liñas de traballo, o conselleiro subliñou “a magnífica receptividade que sempre se atopa no mundo xudicial: fiscalía, xulgados e audiencias, e nos corpos de seguridade: Garda Civil, Corpo Nacional de Policía e Unidade da Policía Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia” e a sensibilidade de funcionarios, xefes, oficiais, xuíces, fiscais e demais que están na primeira liña de contacto coa cidadanía e que “sempre amosan a capacidade de situarse no punto de vista do cidadán” e de “darlles a resposta non só no plano especializado que lles corresponda, senón tamén no plano lingüístico”.
