Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

Política Lingüística colabora na campaña de promoción da lectura infantil en galego, "Tardes con Uxía e os Pillabáns"

  • "Tardes con Uxía e os Pillabáns" é un proxecto didáctico da Fundación Sotelo Blanco, que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística,   para fomentar, de xeito lúdico, o emprego da nosa lingua entre os máis pequenos
  • O centro comercial Area Central acollerá este programa de contacontos e animacións, baseados na colección infantil Uxía e os Pillabáns, todas as fins de semana, desde o 6 de outubro ata o 15 de decembro

 

Santiago, 28 de setembro de 2007.- Os nenos e as nenas de entre 4 a 8 anos teñen unha cita todos os venres e sábados con "Tardes con Uxía e os Pillabáns", unha proposta didáctica da Fundación Sotelo Blanco coa que colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Trátase dunha campaña de promoción da lectura infantil en galego, que se desenvolverá do 6 de outubro ao 15 decembro no centro comercial Area Central de Santiago.

O programa inclúe contacontos, animacións ou obradoiros de debuxo baseados na colección de relatos Uxía e os Pillabáns. En total, son tres meses de actividades nos que animadores profesionais buscarán a interacción cos máis pequenos para fomentar, dun xeito lúdico, o emprego da nosa lingua. Na presentación desta iniciativa, a secretaria xeral de Política Lingüística falou da importancia de "presentar desde unha perspectiva lúdica e comunicativa esta actuación destinada a fomentar o uso da lingua galega desde as idades máis temperás".  

Marisol López salientou que "a literatura infantil en lingua galega está consolidada como produto de calidade, tanto na ilustración como nos contidos, polo que ir da man dos nosos creadores para crear na poboación pequena ese hábito tan enriquecedor que é a lectura non pode máis que dar bos resultados".

A campaña rematará o 15 de decembro cunha festa de despedida destas personaxes infantís, que servirá de peche desta iniciativa lúdico-didáctica.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a