Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

A campaña "Deixa que o viño fale" promoverá a galeguización das etiquetas dos viños con denominación de orixe

  • A Consellaría do Medio Rural, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística emprenderán a campaña ‘Deixa que o viño fale’ destinada á promoción do idioma galego no sector empresarial vitivinícola.
  • Unha guía recollerá información promocional daquelas adegas que etiquetan en galego e será distribuída en institucións, públicas e privadas, e restaurantes. Ademais, desenvolveranse actuacións divulgativas, a través dos medios de comunicación, para incidir no consumo dos viños etiquetados en galego.

 

Anuncio de etiquetaxe de viño en galego Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2007.- O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, a secretaria xeral de Política Lingüística, María Sol López, e o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xoaquín Monteagudo Romero, asinaron un convenio de colaboración para a realización da campaña ‘Deixa que o viño fale’ destinada a promocionar a etiquetaxe do viño en lingua galega.

Suárez Canal sinalou que “dende a Consellaría do Medio Rural dámoslle alento a iniciativas en defensa do idioma, como as que desenvolve a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, dinamizadoras do proceso normalizador que, de seguro, han servir para fomentar o uso do galego en todos os ámbitos sociais e para dar a coñecer os nosos produtos na nosa lingua”. “Designar os produtos elaborados na terra cos nomes propios do noso idioma contribúe tamén a xerar riqueza, xa que cando a iniciativa empresarial vai da man da cultura propia e incardinada na posta en valor dos nosos produtos ten asegurado o seu recoñecemento polo seu compromiso adquirido co País”, destacou o conselleiro.

Pola súa banda, Marisol López salientou que “para a Secretaría Xeral de Política Lingüística este convenio constitúe un paso máis na concepción transversal da súa actividade. É bo que sexan os empresarios os que mostren que a lingua galega é rendible; e é unha obriga da Administración pública fomentar esta progresiva galeguización do ámbito comercial”. “Supón un orgullo para min presentar estas iniciativas nun marco de colaboración e de unión de esforzos. É unha garantía de éxito e de avances sólidos para a lingua galega”, dixo a secretaria xeral.

Campaña “Deixa que o viño fale”
Froito deste convenio, a Asociación de Funcionarios comprométese a desenvolver o deseño e posta en marcha da campaña baixo o lema ‘Deixa que o viño fale’ coa finalidade de crear un clima favorable ao uso da lingua galega na etiquetaxe dos viños galegos, ademais de diversas actividades dirixidas a sensibilizar os adegueiros que aínda non etiquetan en galego. Editarán tamén unha guía que recolla todas as adegas que etiquetan en galego para a súa distribución gratuíta a institucións, públicas e privadas, e restaurantes do país e desenvolverán actuacións para difusión e promoción da campaña, a través dos medios de comunicación, co obxectivo de incentivar o consumo dos viños galegos etiquetados en galego.

O orzamento das actividades previstas no convenio asinado é de 75.000 euros, importe que será sufragado coas achegas de 35.000 euros do Medio Rural, 35.000 euros de Política Lingüística e 5.000 euros da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

A campaña incidirá sobre as 440 adegas existentes nas cinco denominacións de orixe (Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras) coa finalidade de provocar a galeguización total deste sector empresarial que xa demostrou a súa sensibilidade na campaña dos anos 2004/2005 e que deu lugar ao libro “Palabras da Terra. Galeguizar Galicia”. Naquel momento, a porcentaxe de empresas galeguizadas era do 13,18 % (58 adegas), actualmente pódese comprobar que chegan ao 26,5%, é dicir, 115 adegas etiquetan en galego o que dá unha visión real do compromiso e aceptación da mensaxe galeguizadora dentro deste importante sector empresarial, e chegouse incluso a ter a promesa de moitos dos adegueiros de sumárense a esta iniciativa o próximo ano dado que agora mesmo teñen as etiquetas feitas e xa están a envasar a colleita do ano 2006.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a