Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

O Goberno Vasco, a Generalitat de Cataluña e a Xunta de Galicia asinan a Declaración de París

  • Presentárona hoxe no marco da Expolingua que se está a celebrar en París
  • Consideran que todas as linguas celebran “a pluralidade do mundo” e o conteñen por completo, o que equivale a afirmar que “sustentan en idéntica medida a convivencia”

 

 

París, 8 de febreiro de 2008.-Os responsables da política lingüística do Goberno Vasco, a Generalitat de Catalunya e a Xunta de Galicia, en representación dos tres gobernos, asinaron esta mañá a Declaración de París pola pluralidade lingüística, no marco da feira EXPOLANGUES, salón sobre linguas, cultura e intercambio internacional, que se desenvolve ata mañá sábado. Esta Declaración, que se sitúa no marco do ano internacional das linguas e o protocolo de colaboración subscrito polas tres institucións en materia de política lingüística, presentárona Patxi Baztarrika (viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno Vasco, Bernat Joan (secretario de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya), e Marisol López (secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia).

O viceconselleiro de Política Lingüística, Patxi Baztarrika, destacou que Europa “é sinónimo de diversidade lingüística”, e que calquera pretensión “uniformizadora”, calquera intento “de negación” da pluralidade lingüística, e “calquera pretensión” de imposición do monolingüismo constitúe “un atentado contra o corazón da mesma Europa”. A xuízo de Baztarrika, traballar a favor do plurilingüismo e polo tanto a favor do recoñecemento da maioría de idade do éuscaro, do catalán, do galego e do conxunto das linguas, “é condición necesaria para construír unha Europa aberta, moderna e democrática”. Nese sentido, o viceconselleiro de Política Lingüistica do Executivo vasco, neste Ano Internacional de las Lenguas, lembrou a máxima de Goethe: “Quen non coñece outras linguas non coñece a propia”. Outro insigne europeo, Fernando Pessoa, desde o seu vértice atlántico, engadía a súa autorizada voz á do xenio centroeuropeo: “Unha verdadeira persoa só pode ser, con pracer e proveito, bilingüe”.

Bernat Joan, pola súa parte parte, resaltou a importancia de “facer extensiva” a coordinación con vascos e galegos a partes integrantes “dos nosos respectivos territorios lingüísticos, como as Illes Balears (territorio de fala catalá, o goberno do cal ata o de agora non participou na nosa coordinación)”.
Segundo o secretario de Política Lingüística da Generalitat, tamén é importante “estender a coordinación” en materia de política lingüística a outras nacións sen estado da Unión Europea coas cales “compartimos problemas e con quen podemos buscar conxuntamente solucións. Tal é o caso do País de Gales, Escocia ou Flandres”.
Na súa opinión é necesario que traballemos xuntos para “evitar a lacra do monolingüismo (tanto persoal, como social, como estatal)”. A Europa do futuro, engadiu, “non se pode concibir a si mesma desde o monolingüismo propio dos estados formados no século XVIII. Dominar varias linguas non só xera unha mentalidade máis aberta, senón que nos abre un abano de oportunidades extraordinario”. A xuízo de Bernat Joan, e co obxecto de “reafirmar a convivencia”, o intercambio democrático e a coordinación entre comunidades humanas diversas, é necesario “apostar decididamente para formar cidadáns plurilingües no seo dunha sociedade respectuosa coa pluralidade, coa diversidade e coa diferenza.”

A secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López, explicou que coa sinatura desta declaración, “pretendemos incidir na idea do fomento da diversidade lingüística e cultural como maneira coherente de construír este proxecto común que é Europa”.
Marisol López amosouse de acordo coas conclusións do grupo de intelectuais a favor do diálogo intercultural, creado a instancias da Comisión Europea, segundo o cal “o respecto pola pluralidade lingüística constitúe o fundamento da idea europea”, polo que preservar esa diversidade non só é misión histórica da Unión Europa senón que ademais “constitúe unha magnífica ferramenta de integración”.
Por último, a secretaria xeral expresou o seu convencemento de que a través da unión de esforzos e a colaboración entre administracións —filosofía que inspirou o protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Generalitat de Catalunya e o Goberno Vasco, así como a Declaración presentada hoxe—, “gañaremos espazos de uso para as nosas linguas, pero ademais contribuiremos a afianzar na sociedade o recoñecemento da diversidade lingüística como un valor a promover e protexer”. Neste sentido, Marisol López mostrouse esperanzada tras a recente constitución do Consello das Linguas Oficiais do Estado, un órgano que impulsará o uso das linguas oficiais no marco estatal español.

Na Declaración de París, os responsables da política lingüística do Gobeerno Vasco, a Generalitat de Catalunya e a Xunta de Galicia consideran que todas as linguas celebran a pluralidade do mundo e o conteñen por completo, o que equivale a afirmar que “sustentan en idéntica medida a convivencia”. “Non existen, en consecuencia, linguas menores, peores, inhábiles. Antes ben, todas elas cooperan en harmonía para desbotar vellos e insolidarios prexuízos e loitar contra a desigualdade de oportunidades, que relega unhas e encomia outras”.

O plurilingüismo, factor dinámico de enriquecemento da convivencia, facilita a comunicación entre os múltiples universos que coexisten nas sociedades modernas. As prácticas tendentes a favorecer a implantación do monolingüismo sobre a base do sacrificio de linguas real ou pretendidamente máis débiles encerran, en si mesmas, o xerme da intolerancia e a exclusión, fenómenos ambos profundamente incompatibles coas novas dinámicas sociais de integración e cooperación.

A diversidade cultural, intimamente vinculada á diversidade lingüística e un dos piares das sociedades modernas, constitúe un indicador esencial da saúde dos sistemas democráticos. En consecuencia, as institucións asinantes, con ocasión da celebración do Ano Internacional das Linguas, formalizan a presente

DECLARACIÓN DE PARÍS

1. A pluralidade lingüística constitúe un dos valores fundamentais da Unión Europea e representa un fundamento sólido para a construción dunha Europa unida e plural.

2. Os cidadáns vascos, cataláns e galegos, como cidadáns europeos, han de poder recoñecerse nas súas linguas propias, en réxime de igualdade de oportunidades co castelán, lingua cooficial nas súas respectivas comunidades. É, polo tanto, esencial que se adopten as medidas oportunas en orde a que os cidadáns dos respectivos ámbitos territoriais poidan valerse da súa lingua propia como vehículo principal de relación coa súa comunidade.

3. Coherentemente coa nosa defensa do plurilingüismo, rexeitamos toda práctica causante ou favorecedora de calquera discriminación baseada na opción lingüística.

4. Todos e cada un dos poderes públicos europeos dos diversos ámbitos territoriais son responsables de garantir a diversidade lingüística e cultural europea. Na mesma medida, os poderes públicos, no ámbito que lle competa a cada un deles, haberán de fomentar e viabilizar ao máximo o compromiso lingüístico individual e colectivo dos cidadáns e cidadás en favor do uso da lingua propia, verdadeira pedra de toque de calquera avance en materia dun plurilingüismo real.

5. As linguas son patrimonio de todos os cidadáns. Vivimos en espazos cada vez máis multilingües e intercomunicados. Nos escenarios actuais, o multilingüismo é un valor, como o é cada unha das linguas que se falan no mundo. A defensa das linguas propias é, ao mesmo tempo, unha defensa do plurilingüismo e do valor das linguas.

6. O Estado español é un estado plurilingüe. O 40% das persoas que viven nel residen en comunidades cunha lingua propia distinta do castelán. O Estado debe avanzar no recoñecemento da pluralidade lingüística que o constitúe e promover medidas tendentes a difundir entre a cidadanía do conxunto do Estado español o coñecemento básico da cultura que se expresa nas diversas linguas deste, así como o uso de todas as linguas oficiais das diversas comunidades autónomas.

7. Nunha Europa que pretende superar as súas fronteiras interiores, o coñecemento da realidade plurilingüe e multicultural europea constitúe un poderoso instrumento de integración baseada na mutua aceptación e nun marco de diversidade equilibrada. Nesa perspectiva, propoñémonos fomentar activamente a coordinación natural e o diálogo cultural permanente a escala interautonómica e transfronteiriza entre as comunidades estatais e europeas lingüisticamente afíns.

8. Nun mundo en franca e aberta interrelación e intercomunicación económica e cultural, as nosas linguas propias e a cultura que nelas se produce han de atopar o seu lugar no concerto internacional, polo cal nos propoñemos actuar de xeito coordinado e sumar accións e esforzos en favor da promoción nos ámbitos internacionais, e especialmente no europeo, das culturas de expresión vasca, catalá e galega.

9. A información distribuída polos medios de comunicación de titularidade pública debe reflectir fielmente a realidade plurilingüe do Estado español e do conxunto de Europa.

10. Os usos persoais e profesionais das tecnoloxías de información e comunicación, instrumentos básicos para a difusión e vigorización das linguas, han de adecuarse de xeito eficaz ás múltiples opcións lingüísticas posibles no marco do Estado español e de Europa, de maneira que a diversidade lingüística se garanta de xeito coherente coa evolución comunicativa da sociedade contemporánea.

Todo o ata agora exposto susténtase sobre a convicción de que unha Europa mellor será posible, precisamente, na medida en que se respecte a diversidade existente nela, respecto absolutamente coherente co mantemento dun trazo de identidade fundamental para as nosas comunidades como é a lingua propia. En definitiva, sabemos que a liberdade de opción lingüística por parte de cada cidadán contribúe en boa medida á confortabilidade dunha Europa que debe basear a súa unidade no recoñecemento e valoración eficaces da diversidade.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a