Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

Euskadi, Cataluña, Galicia e Baleares institúen o premio á promoción da realidade plurilingüe do Estado

  • A cerimonia de entrega celebrarase no Círculo de Bellas Artes de Madrid o vindeiro mércores, 25 de febreiro
  • Na súa primeira edición, o galardón correspondeulle a Microsoft Ibérica, cuxa presidenta, María Garaña, acudirá a recoller o premio

Santiago, 23 de febreiro de 2009.- As institucións responsables da política lingüística en Euskadi, Catalunya, Galicia e Illes Balears, dentro dos ámbitos de colaboración entre os catro executivos en materia de política lingüística, instituíron o Premio á promoción da realidade plurilingüe do Estado español para recoñecer o labor realizado por persoa, entidade ou empresa no ámbito do recoñecemento e promoción da diversidade lingüística existente no Estado.

O galardón xorde no contexto do protocolo de colaboración en materia de política lingüística que dende 2007 teñen en vigor os gobernos de Euskadi, Catalunya, Galicia e Illes Balears para a colaboración en materia de políticas lingüísticas e para xuntar esforzos e criterios en relación cos procesos de normalización lingüística nas catro comunidades, así como para o fomento do recoñecemento real e a protección efectiva por parte dos poderes públicos do Estado das linguas oficiais distintas ao castelán.

O pasado ano, con motivo da celebración convocada pola UNESCO do Ano Internacional das Linguas, os responsables da política lingüística dos catro executivos instituíron o premio anual que outorgan os gobernos asinantes do protocolo a persoa/entidade/empresa que contribuíse de xeito significativo ao fomento da realidade plurilingüe do Estado español e a difusión das linguas que son oficiais xunto co castelán.

Software nas distintas linguas
O premio á promoción da realidade plurilingüe consiste nunha distinción honorífica sen contido económico, e correspondeulle na súa primeira edición á empresa Microsoft, galardoada polo seu esforzo de xuntar a diversidade lingüística coas novas tecnoloxías. Microsoft realizou unha achega clave, en estreita colaboración cos departamentos de política lingüística dos catro gobernos mencionados, no lanzamento e impulso dos programas Windows Vista e Microsoft Office 2007 en éuscaro, catalán e galego. Nese sentido, a empresa informática efectuou un importante esforzo de investimento para adaptar os seus novos produtos de software ás distintas linguas existentes no Estado. Actualmente, Microsoft conta con interfaces en galego, catalán e éuscaro para Windows e Office dende as versións anteriores, como Windows XP e Office 2003, ata as máis recentes Windows Vista e Office 2007.

A cerimonia de entrega do premio terá lugar o vindeiro mércores, 25 de febreiro, ás 12.30 h, no Círculo de Belas Artes de Madrid (sala Antonio Palacios). Participarán no acto a presidenta de Microsoft Ibérica, María Garaña, en calidade de representante da entidade premiada; e os máximos representantes institucionais da política lingüística dos catro executivos: o viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno Vasco, Patxi Baztarrika; o secretario de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, Bernat Joan; a secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López; e ea directora xeral de Política Lingüística do Govern de les Illes Balears, Margalida Tous. O acto será presentado por Óscar López, xornalista e presentador do programa Página2 de TVE2.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a