Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » Noticias

Euskadi, Cataluña, Galicia e Baleares galardoan a Microsoft pola promoción da realidade plurilingüe do Estado

  • Destacan a importancia de avanzar na normalización e no recoñecemento do plurilingüismo
  • Recoñécenlle a Microsoft a súa implicación en facer posible a opción lingüística da cidadanía

 

 

Madrid, 25 de febreiro de 2009.- Os responsables institucionais da política lingüística dos gobernos de Euskadi, Catalunya, Galicia e Illes Balears, dentro dos ámbitos de colaboración entre os catro executivos en materia de política lingüística, instituíron o Premio á promoción da realidade plurilingüe do Estado español, para recoñecer o labor realizado por persoa, entidade ou empresa no ámbito do recoñecemento e a promoción da diversidade lingüística existente no Estado.

O Premio á promoción da realidade plurilingüe é unha distinción honorífica, sen contido económico, que se outorgará anualmente e que na súa primeira edición lle correspondeu á empresa Microsoft, galardoada polo seu esforzo de conxugar a diversidade lingüística coas novas tecnoloxías. Microsoft realizou unha achega clave, en estreita colaboración cos departamentos de política lingüística dos catro gobernos mencionados, no lanzamento e impulso dos programas Windows Vista e Microsoft Office 2007 en éuscaro, catalán e galego. Nese sentido, a empresa informática efectuou un importante esforzo de investimento para adaptar os seus novos produtos de software ás distintas linguas existentes no Estado. Actualmente, Microsoft conta con interfaces en galego, catalán e éuscaro para Windows e Office desde as versións anteriores, como Windows XP e Office 2003, ata as máis recentes Windows Vista e Office 2007.

En opinión do xurado do premio, “grazas ás tecnoloxías da información e da comunicación desaparecen as fronteiras xeográficas e temporais e bríndase a oportunidade única para que as linguas ocupen o seu lugar no espazo virtual do mundo global. Nun futuro moi próximo as tecnoloxías non só diferenciarán os países desenvolvidos e os non desenvolvidos, senón tamén as linguas desenvolvidas e as non desenvolvidas. Evidentemente, as linguas minoritarias só encontrarán e afianzarán o lugar que lles corresponde entre as demais linguas, entre as linguas desenvolvidas, na medida en que utilicen estas novas tecnoloxías. Por iso é encomiable a implicación amosada por Microsoft. Foi ese alto grao de implicación o que fixo a esta empresa merecedora do premio”.

O Círculo de Belas Artes de Madrid foi o escenario do acto de entrega do premio. A presidenta de Microsoft Ibérica, María Garaña, recolleu o galardón nun acto no que interviñeron os máximos representantes institucionais da política lingüística dos catro executivos: o viceconsejero de Política Lingüística do Goberno vasco, Patxi Baztarrika; o secretario de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, Bernat Joan, a secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López; e a directora general de Política Lingüística do Govern de les Illes Balears, Margalida Tous.

Valoracións
O viceconsejero de Política Lingüística do Gobierno Vasco, Patxi Baztarrika, agradeceu o exemplo de Microsoft, “que está contribuíndo decididamente a facer posible a opción lingüística do usuario, sen imposición ningunha e sen ningún obstáculo nin impedimento. Babel non é un castigo nin unha penalidade, noutras palabras: Babel non é unha maldición, é unha bendición, é un estímulo para a convivencia. Por iso mesmo cremos que o multilingüismo e a convivencia entre as linguas, máis que crentes, necesitan practicantes. Microsoft é un modelo de practicante do respecto e a convivencia lingüística”.

O secretario de Política Lingüística de la Generalitat de Catalunya, Bernat Joan, subliñou o bo exemplo que supón a actuación de Microsoft, xa que “para garantir o futuro da lingua catalá é imprescindible que grandes empresas transnacionais fagan a aposta en favor de usala con normalidade”.

A secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López destacou "o compromiso e a responsabilidade social" da compañía, "un caso exemplar de compromiso coas linguas de España", sinalou. Engadiu que "nun ámbito tan sensible para o labor normalizador das nosas linguas como o das novas tecnoloxías, a suma dunha empresa como Microsoft representa un apoio fundamental para seguir camiñando". Concluíu agradecendo esta filosofía empresarial e manifestando a súa esperanza de continuar avanzando neste camiño.

A directora general de Política Lingüística do Govern de les Illes Balears, Margalida Tous, referiuse ao beneficio xeral do uso das linguas, “para desenvolver unha política lingüística que fomente o uso das nosas respectivas linguas é importante que haxa empresas e empresarios que crean no noso proxecto e que se esmeren en lles ofrecer melloras aos seus clientes, uns clientes que lles agradecerán esa sensibilidade coa súa fidelidade”.

Nacemento do premio
O Premio á promoción da realidade plurilingüe do Estado español xorde no contexto do protocolo de colaboración en materia de política lingüística que desde 2007 manteñen en vigor os gobernos de Euskadi, Catalunya, Galicia e Illes Balears, para a colaboración en materia de políticas lingüísticas e para xuntar esforzos e criterios en relación cos procesos de normalización lingüística nas catro comunidades, así como para o fomento do recoñecemento real e a protección efectiva por parte dos poderes públicos do Estado das linguas oficiais distintas ao castelán.

O pasado ano, con motivo da celebración convocada pola UNESCO do Ano Internacional das Linguas, os responsables da política lingüística dos catro executivos instituíron o premio anual que lles outorgarán os gobernos asinantes do Protocolo á persoa/entidade/empresa que contribúa de maneira significativa ao fomento da realidade plurilingüe do Estado español e á difusión das linguas que son oficiais xunto co castelán.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a