Secretaría Xeral de Política Lingüística

O galego na Unión Europea

 

O galego é desde finais de 2005 lingua presente nas institucións europeas. O seu uso xa é oficialmente un feito no Comité de Rexións. O Parlamento Europeo aprobou a utilización das linguas cooficiais de España, entre elas o galego, nas comunicacións dos cidadáns co Parlamento Europeo. Os acordos tamén permiten o uso do galego no Consello de Ministros da Unión Europea e na Comisión Europea. Desde o 26/10/07 figuran na web da Comisión Europea noticias en galego na sección de noticias dos estados membros. 

Por orde cronolóxica, estas son as institucións europeas que posibilitan o emprego das linguas cooficiais nas condicións fixadas polo Consello:

  • O Comité das Rexións (acordo de 16 de novembro de 2005)
  • A Comisión Europea (acordo de 21 de decembro de 2005)
  • O Consello de UE (17 de febreiro de 2006)
  • Comité Económico e Social Europeo (7 de xuño de 2006)
  • Parlamento Europeo (3 de xullo de 2006)
  • Defensor do Pobo Europeo (20 de novembro de 2006)
  • Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas (acordo de 27 de abril de 2009)


Os cidadáns e cidadás que desexen dirixirse en galego ao Defensor do Pobo europeo tamén o poden facer, en virtude da entrada en vigor dun convenio entre España e este organismo comunitario. A introdución do galego na Unión Europea é un recoñecemento ao plurilingüismo natural dos países que a integran. O certo é que algunhas das linguas cooficiais dos estados ou linguas minoritarias contan cun número de falantes maior ca outras oficiais, e mesmo cun status semellante dentro dos seus territorios. A Constitución española de 1978 recoñece a cooficialidade das linguas do Estado.

Os cidadáns e as cidadás de Galicia que se dirixan aos órganos europeos que os representan poden usar tamén o galego para esas comunicacións e teñen dereito a recibir contestación nesta lingua.

Nota informativa: O uso do galego na UE

 

O galego nas institucións comunitarias

O 13 de decembro de 2004 o Goberno español solicitou ao Consello da Unión Europea que concedese ás linguas cooficiais en España o estatuto de lingua oficial da UE. A proposta española supoñía a incorporación do galego, éuscaro e catalán / valenciano á lista de linguas oficiais europeas prevista no Regulamento 1/1958 polo que se fixaba o réxime lingüístico da Comunidade Económica Europea. O Consello, única institución competente para definir o réxime lingüístico da UE, decidiu non conceder a devandita oficialidade pero decidiu regular o seu uso. Para iso publicou o 13 de xuño de 2005 unhas “Conclusións do Consello relativas ao uso oficial doutras linguas no Consello, e no seu caso, noutras institucións e órganos da Unión Europea”.

Con estas Conclusións póñense as bases das posibles accións para poñer en práctica. Tres son os ámbitos nos que estas linguas poderán ser usadas:

- Os actos derivados do procedemento de codecisión poderán ser traducidos ao galego, mais a devandita tradución carecerá de valor xurídico.
- Será posible para as institucións permitir o uso destas linguas nas sesións orais. A interpretación será pasiva, o que quere dicir que só se terá dereito a falar en galego e a que a intervención sexa interpretada ás outras linguas oficiais. Non se terá, logo, dereito a unha interpretación das outras linguas ao galego. Estas intervencións estarán soamente permitidas se son formuladas anteriormente, cun prazo razoable e se existen os medios necesarios para facelo.
- Os cidadáns e cidadás poderán ter dereito a dirixirse ás institucións e órganos da Unión Europea en galego. Así e todo, segundo o previsto polas Conclusións, esta comunicación no será directa senón que se efectuará a través dun organismo intermediario nomeado polas autoridades nacionais.
 

 

 

Máis información: Fundación Galicia Europa.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a