Secretaría Xeral de Política Lingüística

O galego no ensino

 
A Lei de normalización lingüística establece o mandato de que o alumnado logre unha competencia semellante nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar. O Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo define o actual marco normativo neste ámbito.

Os centros escolares contan cunha planificación lingüística que orienta a súa práctica, adaptada á súa realidade, e contan para iso con equipos de normalización e dinamización lingüística que deben promover e facilitar os usos do galego en cada centro.

Ensino universitario

O galego é a lingua institucional das tres universidades galegas. A Administración universitaria e boa parte dos seus servizos realízase en galego, pero son numerosos os profesores que na práctica da docencia prescinden da lingua galega, aínda que fóra da aula a empreguen de maneira cotiá.

Para animar o profesorado e o alumnado a establecer en galego as relacións comunicativas nas facultades, as universidades dotáronse de infraestruturas normalizadoras e, algunhas delas, mesmo dunha planificación específica como guía eficaz para as súas accións nesa dirección.

Formación de adultos

Desde os oitenta, véñense realizando cursos de galego dirixidos á poboación adulta con resultados positivos de cara á aprendizaxe da variedade estándar. Eses cursos de carácter xeral van nos últimos tempos dando paso, cada vez máis, a outros enfocados ao traballo de habilidades e competencias específicas, como formación en linguaxes de especialidade, en habilidades de comunicación etc.

Un dos fitos importantes conseguidos é a incorporación do galego a un marco común de referencia para a aprendizaxe e a avaliación homologable ao doutras linguas europeas. En novembro do 2005, a lingua galega entrou en ALTE como membro de pleno dereito.

 

A escola, en galego

 

recursos educativos

europa é plurilingüe

volta á escola

aprender galego

plan xeral de normalización (educación)

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a